Opinión

Marina, a terceira vía no Brasil

Segundo as últimas enquisas, moi condicionadas polos medios, Marina Silva gañaría as eleccións no Brasil na segunda volta, grazas ao apoio dos partidos da dereita. Deste xeito os grandes grupos económicos conseguirían un dos seus obxectivos, botar do goberno o PT e os seus aliados, entre os que se atopa o PCdoB.

Segundo as últimas enquisas, moi condicionadas polos medios, Marina Silva gañaría as eleccións no Brasil na segunda volta, grazas ao apoio dos partidos da dereita. Deste xeito os grandes grupos económicos conseguirían un dos seus obxectivos, botar do goberno o PT e os seus aliados, entre os que se atopa o PCdoB. Sería un primeiro paso esencial, para tomar medidas máis favorábeis aos intereses da gran burguesía e procurar integrar ao Brasil na área dos Estados Unidos. O coñecido sociólogo e analista político Emir Sader afirma que saben que a aposta é arriscada, dado o carácter mesiánico da candidata, e as súas posíbeis arroutadas, mais o seu punto débil é a fraqueza política: carece dun partido forte, de apoio abondo no Parlamento federal e nos estados, e está arrodeada por unha equipa económica claramente neoliberal. 

"Marina Silva preséntase como a terceira vía, superadora do PT de Dilma Rouseff e do PSDB de Aécio Neves".

Marina Silva preséntase como a terceira vía, superadora do PT de Dilma Rouseff e do PSDB de Aécio Neves. Di Emir Sader: “Marina apela de novo a esse chavão gasto da terceira via, desta via, de forma messiânica, para nos salvar da polarização PT-PSDB. Só que deixa seu rabo de fora: equipe econômica ortodoxamente neoliberal – Andre Lara Resende, Neca Setubal, Eduardo Gianetti da Fonseca -, independência do Banco Central, etc., etc. , o mesmo tipo de equipe dos tucanos – da mesma estirpe de Arminio Fraga -, e as mesmas posições. A terceira via da Marina se volta contra o Estado e sua apropriação pelo PT, pregando a superação disso, que chama de “bolivarianismo””. Pola súa banda, no Correio da Cidadania faise unha valoración moi crítica dos tres principais candidatos aos que cualifica de submisos ao capital, indicando que o partido de Marina Silva vai na mesma candidatura co PSDB no Estado de São Paulo, un dos máis agresivos coas protestas sociais, e leva como segundo da lista para as presidenciais a un representante do agronegocio, en contradición coa que sempre foi a súa bandeira principal: o ecoloxismo. 

No primeiro debate da campaña entre os candidatos, na TV Bandeirantes de São Paulo, Marina aclarou máis a súa proposta: quere recoller a estabilidade económica de Cardoso (do PSDB, que implantou políticas neoliberais no Brasil) e os planos contra a pobreza de Lula da Silva (que permitiron que 30 millóns de persoas por debaixo da liña de pobreza melloraran a súa calidade de vida). Ou sexa, no económico, que en definitiva é o que condiciona o resto, vai facer unha viraxe á dereita; é neste punto onde enlaza cos obxectivos das corporacións transaccionais e dos grandes grupos económicos brasileiros. É dicir, ten moito en común coa dereita política. Ademais, a oposición das transnacionais a Dilma Rouseff é descarada nestas eleccións, como evidenciou unha carta enviada polo Banco Santander aos seus 30 millóns de usuarios naquel país, onde é unha das principais entidades financeiras, na que dicía que votar a Dilma podía poñer en perigo os aforros  da poboación. 

"Que Marina, en tan pouco tempo, se colocase como opción con posibilidade de vencer a Dilma ten máis dunha razón, aínda que sen dúbida é fundamental o papel dos medios de comunicación"

Que Marina, en tan pouco tempo, se colocase como opción con posibilidade de vencer a Dilma ten máis dunha razón, aínda que sen dúbida é fundamental o papel dos medios de comunicación hexemónicos, controlados polas clases dominantes, que están a apostar pola súa candidatura, albiscando que pode derrotar ao PT. Estes viron na cabeceira ecoloxista do PSB, unha historia persoal e un discurso máis acaído para confrontar con Dilma. O PT pode perder estas eleccións  polo papel que xogan os medios, mais con isto tiña que contar. Nese senso, precisaba consolidar unha maioría social que se sentise cómplice consciente dos cambios realizados. Porén para se sentir cómplice dun proxecto cómpre ser protagonista, e non sempre é así. Moitas veces, cando a esquerda chega ao goberno, reproduce o dirixismo institucional da dereita. Daquela, malia que se consigan mudanzas favorábeis ás clases populares, estas reformas termínanse considerando polo pobo como concesións e non como consecuencia do cambio de forzas nas institucións, xa que non participaron directamente do proceso. Por certo, esta actitude paternalista ou elitista da esquerda non se dá só no Brasil, e pode ser unha eiva dos métodos de traballo ou/e ideolóxica.

Outro dos aspectos que resulta evidente é que as clases dominantes non perderon poder económico no Brasil, mesmo pode que o gañasen, polo que teñen os recursos necesarios para torcer a vontade popular. E este é un deses intres propicios, xa que o accidente do candidato Campos do PSB, con toda a carga emocional da súa morte, foi instrumentalizado polos medios para centrar a atención na súa substituta, Marina Silva. Esta é unha eiva dos gobernos do PT que este debe asumir; mesmo recoñecendo durante os seus gobernos avances para as clases populares, estes non foron abondo, xa que non mudaron os alicerces sistémicos, e as correlacións de forzas nas relacións económicas. Reformouse, mais non se transformou a realidade brasileira (ver o meu artigo en Sermos Galiza do 25 de xuño deste ano sobre este tema). 

"Se analizamos a evolución do Brasil, segundo dados da CEPAL, entre os anos 2001 e 2011, a pobreza diminuíu do 17,3% da poboación ao 8,8%"

Se analizamos a evolución do Brasil, segundo dados da CEPAL, entre os anos 2001 e 2011, a pobreza diminuíu do 17,3% da poboación ao 8,8%, e a indixencia do 5,8% ao 3,1%. Ademais aumentaron os ingresos salariais medios que, tomando como base 100 o ano 2005, atinxiron no ano 2012 os 112 puntos. A débeda exterior é de 291.648 millóns de dólares (ano 2011), inferior á reserva de divisas que atinxiu os 373.910 millóns de dólares (2012). Aínda que o 10% con menos ingresos e o 10% con máis evoluíron de xeito positivo, xa que pasaron de 2001 a 2011 do 0,6% ao 0,8%, no chanzo máis baixo, e do 52,8% ao 45% no tope máximo, as diferenzas son moi grandes. Se as comparamos con outros países da contorna, ollamos que no ano 2011, o dez por cento máis rico acaparaba un 38% da renda na Arxentina e un 35% no Ecuador fronte ao 45% no Brasil. As protestas durante o mundial de fútbol amosaron que unha boa parte da poboación, recoñecendo os avances, considera que son necesarias transformacións máis grandes e que a prioridade debe ser a cuestión social. 

Asemade, o PT debe superar unha lousa presente no subconsciente colectivo. Refírome a que varios dos seus dirixentes foron condenados por corrupción. Algúns deles de tanta importancia como José Dirceu, ou o presidente en exercicio José Genoíno. Malia que estes escándalos atinxiran especialmente aos gobernos da etapa de Lula, son sen dúbida un peso morto nos procesos  electorais, cando menos a medio prazo. Porén, o PSB tampouco está afastado da corrupción. Estes días, o xornal O Estado de São Paulo, un dos maiores do Brasil, publicou unha reportaxe encol da investigación do Ministerio Público Federal en Mato Grosso “de um caso nebuloso, que poderia chegar a 700 milhões, envolvendo uma empresa do prefeito Mauro Mendes (PSB), de Cuiabá”.

"Calquera que sexa o resultado final das eleccións, o que está acontecendo no Brasil obriga a un profundo debate na esquerda sobre os límites do reformismo"

Malia que aínda falta un mes para as eleccións no Brasil, e isto é moito tempo na América Latina,  nesta altura podemos dicir que os resultados son incertos, e que dar xa por gañadora a Marina en segunda volta é moito especular. En todo caso, o xornal El País (28-08-2014) destacaba que os empresarios brasileiros “celebraban a onda de Marina”. Agora ben, a participación activa de Lula na campaña seguramente aportaralle respaldo a Dilma. Ademais, o PT e o PCdoB teñen unha militancia moi activa, e a divulgación das incoherencias de Marina Silva tamén aportaran o seu. Por exemplo Reinaldo Carvalho salientaba nun artigo no portal Vermelho: “Além da companhia de banqueiros e oligarcas reacionários, Marina Silva vive agora o apuro de dar explicações sobre o uso de uma aeronave financiada por empresários processados pela justiça e por contribuintes fantasmas”. O que non se pode ignorar é que en tempos tan curtos, os medios teñen un gran peso para condicionar as opinións e o voto. 

Calquera que sexa o resultado final das eleccións, o que está acontecendo no Brasil obriga a un profundo debate na esquerda sobre os límites do reformismo, como vía morta, tanto para conquistar a mellora das condicións de vida da poboación, como para democratizar as institucións, así como para avanzar na formación da conciencia e acumulación de forzas para seguir adiante. Tanto no Brasil como noutros países, os resultados non son satisfactorios, e non abonda con telo en conta exclusivamente cando son os procesos electorais ou cando a poboación sae á rúa pedindo protagonismo e cambios máis radicais. E isto é válido non só para os gobernos de América Latina, xa que en moitos casos teñen máis marxe para intentar a utopía dun desenvolvemento capitalista autónomo e para realizar transformacións sociais básicas, dado o grao de desenvolvemento existente. Entre o fracaso do “capitalismo con rostro humano” e o obxectivo estratéxico da socialización de todos os medios de produción, hai un tempo histórico e moito campo que labrar, e seguramente varias etapas. Mais sempre será inalcanzábel, se nunca se dan os primeiros pasos e falta coherencia e atrevemento. 

http://manuelmera.blogaliza.org/