Opinión

Mao Zedong e a revolución na periferia

Hai catro décadas, o 9 de setembro de 1976, morría Mao Zedong, o líder da Revolución Chinesa. Naceu o 26 de decembro de 1893 na provincia de Hunan. A el débeselle o éxito da “Longa Marcha”, do cerco do campo ás cidades. En fin, foi a persoa que dirixiu a loita que permitiu que o país máis poboado do mundo rematase cun século de dependencia exterior, cando o 1 de outubro de 1949 se proclamou en Pequín a República Popular China e Mao foi nomeado presidente. Dirase con razón, que a China actual non é precisamente un país socialista e que esa é unha materia pendente. Agora ben, tampouco xa non é a nación atrasada, ocupada por potencias estranxeiras como daquela, onde morrían millóns de persoas de fame cada ano e unha gran maioría vivía na máis absoluta miseria. Os propios avances capitalistas das últimas décadas, que fixeron de China a segunda potencia económica do mundo, serían impensábeis sen a base material, en infraestruturas, coñecemento, e industria básica, que se construíu durante a etapa maoísta, aínda que houbese erros.

O meu achegamento aos escritos de Mao produciuse na década dos sesenta do século pasado, na Facultade de Enxeñaría de Bos Aires, cando me relacionei cun grupo de estudantes que se opuñan activamente á ditadura militar de Ongania. Axiña merquei un libro que tivo moita incidencia daquela no meu achegamento ao marxismo: Unha aldea da China Popular, do que era autor o sueco Jan Myrdal. Neste texto analizábase o proceso da cooperativización do agro na etapa inmediatamente posterior á revolución. Unhas ideas de progreso que coincidían coas que lle escoitaba ao meu pai de cativo, cando, nas longas conversas que mantiña con outros paisanos das terras de Celanova emigrados en Bos Aires, debullaba como deberían facer colectivamente na aldea para superar o secular atraso. Claro que el non lle chamaba a iso cooperativismo. Só quería alargar o traballo en común, que xa existía noutros aspectos da vida labrega, a toda a actividade económica. Iso parecíase como dúas pingas de auga ás comunas populares en China. Sen dúbida isto achégame a Mao, e que non era moi comprensíbel naquel intre entender a defensa da coexistencia pacifica, reproducida mecanicamente, especialmente nun contexto de ditadura militar como o que existía na Arxentina. Tampouco era a coexistencia pacífica unha resposta axeitada no Estado español, cunha discriminación tan evidente e agresiva das clases populares e da nosa identidade nacional. Asemade incidiu na miña actitude un rexeitamento ao foquismo guevarista, tan en voga naquel intre na América Latina, porque subordinaba ao foco armado, tanto a capacidade de decisión como de organización das masas populares.

O meu achegamento aos escritos de Mao produciuse na década dos sesenta do século pasado

Axiña, e dentro desta liña, lin a Marx, Engels, Stalin e Mao, mais tamén a Marcuse, Sweezy e Baran, Lukacs, Hegel, Enver Hoxa, Giap, etc. Tratábase de saber, de comparar. Todos eles, e outros, axudáronme na miña formación teórica, que por certo nunca remata, un sempre está aprendendo. No caso concreto de Mao, teño que destacar todo o relativo á democracia popular, á fronte de clases, á guerra popular prolongada, e moi especialmente as Catro teses filosóficas. E neste texto, todo o referido ás contradicións, especialmente no relativo á contradición fundamental e principal, ou sexa de clase e nacional, así como ao modo de tratar as contradicións que existen no seo do povo. Tamén ten moito interese a reflexión de que a conciencia política se adquire do máis próximo ao máis afastado, do concreto ao xeral, de como se relaciona a práctica coa teoría, e como ambas conforman a praxe. O papel predominante dos medios engade hoxe novos elementos, así como o feito de que as ideas dominantes sexan as das clases dominantes (Gramsci), aínda que iso non lle resta valor ás apreciacións de Mao sobre onde están as nosas vantaxes.

Os seus poden parecer textos sinxelos, porque Mao quería chegar ás maiorías. Porén, son esenciais para a formación militante, para poder transformar a realidade. Un dato. Cando con varios estudantes construímos ERGA a finais de 1972, para a formación teórica das células aconsellei como textos de debate estes escritos de Mao, así como as Teses sobre Feuerbach, e o Manifesto Comunista, de Marx e Engels. Tamén escritos de Lenin: Que Facer?; O Estado e a revolución; O Imperialismo, fase superior do capitalismo; A enfermidade infantil do Esquerdismo no Comunismo. Eses textos, por certo, eran os mesmos que debatiamos en Vangarda Comunista na Arxentina previamente ao ingreso no partido. En calquera caso, estes escritos, mesmo aqueles máis válidos, porque marcan leis que transcenden o país e o tempo histórico, sempre deben ser reinterpretados no contexto actual, e na realidade concreta de cada país, tendo en conta a súa evolución histórica, correlación de forzas e o estado de conciencia das clases populares. Coido que isto nunca está demais repetilo. Sempre hai fendas para avanzar na liberación, procesos dos que aprender, e aspectos que mellorar. Asemade tivo unha incidencia importante, como reflexo da Revolución Cultural, a proletarización da militancia dos partidos que loitaban polo socialismo, especialmente de estudantes universitarios, como un xeito de achegar a teoría revolucionaria á loita reivindicativa, a fin de darlle contido estratéxico. Nalgúns casos deu resultados transcendentes, noutros moitos foi unha experiencia fracasada. Como se trata máis dun feito cualitativo que cuantitativo, está pendente unha valoración da súa importancia, por exemplo, nos primeiros pasos do sindicalismo nacionalista.

Os seus poden parecer textos sinxelos, porque Mao quería chegar ás maiorías. Porén, son esenciais para a formación militante, para poder transformar a realidade

A vida de Mao Zedong foi unha demostración de acción, teimosía, atrevemento e reflexión, sobre a situación social e política de China. Del e da historia deste povo que superou tantas adversidades hai moito que aprender. Tamén algúns aspectos a desbotar, que non son válidos para a nosa realidade ou son incorrectos. Aproveitemos o 40º aniversario da súa morte para facer unha nova lectura dos seus textos máis universais. Non está de máis!

A vida de Mao Zedong foi unha demostración de acción, teimosía, atrevemento e reflexión, sobre a situación social e política de China

Ao fío deste tema, coido que a manifestación que convoca a CIG de Vigo, para o vindeiro 20 de setembro, é o mellor tributo que se lle pode render a todos aqueles revolucionarios que, como Mao, contribuíron á loita pola xustiza social e a soberanía nacional. Diría máis: a campaña electoral é un momento tan oportuno como outros para estas mobilizacións, xa que este debería ser un problema central para os partidos políticos. As protestas tampouco deben estar supeditadas á maior ou menor sensibilidade do futuro executivo en Compostela ou en Madrid. As reivindicacións e a mobilización da clase traballadora teñen que estar presentes mentres non se solucione a precariedade laboral, os baixos salarios e a desigualdade, a pobreza, o desemprego e a emigración. A nación galega é a súa xente; como se estruturan as súas clases sociais. Traballo digno na Nosa Terra!!!

http://manuelmera.blogaliza.org/