Opinión

Madrid é España

Isabel Díaz Ayuso, a presidenta da Comunidade de Madrid é unha persoa que fala claro, mesmo dicindo aquilo que as clases dominantes consideran necesario agochar para disfrazar a realidade, por máis que sexa unha evidencia coa que se choca acotío (será por soberbia?...). Daquela que mesmo desde sectores do PP se lle vexa como demasiado radical e agresiva, aínda que no esencial non existan diferencias nos obxectivos, e critícaselle porque enche de argumentos ao soberanismo periférico. En calquera caso, dá folgos a estas iniciativas de Díaz Ayuso o feito de que o PP de Casado centre en boa medida a súa oposición á coalizón de Governo nos aspectos simbólicos máis que que nas propostas económicas e sociais, e na folla de ruta para superar esta conxuntura. A cuestión da defensa a ultranza da España unitaria, da Monarquía, das forzas de seguridade, dunha xustiza conservadora e cunha cúpula que perdeu credibilidade porque é electa á marxe da vontade da sociedade. En resume, defende un modelo seica de valores imperecedoiros porén superados polos cambios sociais, máis que razoamentos con análises e argumentos a partir da realidade, da  evolución histórica, rexeitando un futuro máis democrático, xusto e solidario.

Aínda que xogue nun estremo do campo, Díaz Ayuso representa con toda claridade a liña do PP

Polo tanto, aínda que xogue nun estremo do campo, Díaz Ayuso representa con toda claridade a liña do PP, así como a esencia histórica da dereita española, do centralismo tradicional, ese que se desenvolveu como substituto da perda das colonias en América Latina, porén que ten orixe na expansión do Reino de Castela. Durante a conquista e colonización americana grandes partes da península, como Galiza, perderon interese para Castela como produtoras de plusvalía, daquela a falta de vías de comunicación e o atraso da periferia, máxime cando o proxecto imperial rachaba cos lazos comerciais tradicionais do Atlántico norte (as guerras con Inglaterra), etc... Agora ben, o proceso de centralización e concentración do poder na península non estivo exento de conflito en todas as súas etapas. Por exemplo as confrontacións durante todo o século XIX e parte do XX, tanto entre liberais e conservadores como respecto do ámbito territorial, da cuestión “rexional” e nacional. Contradicións que se polarizaron politicamente dende mediados do século XIX na defensa da Monarquía ou pola contra na procura dunha República Federal integrada por estados libres.

É como parte destas concepcións centralistas, imperiais, que a presidenta da Comunidade de Madrid diante dunha evidente intervención do Governo central da súa autonomía no ámbito sanitario, polos malos resultados da loita contra o covid-19, afirmou con rotundidade: “Madrid é España dentro de España”. E por se había dúbidas sobre a súa interpretación da realidade engadiu: “Tratar a Madrid como ao resto das comunidades é inxusto”. Unha declaración que dá toda a razón ao soberanismo cando argumenta que se nega con discursos falsamente unitarios, e obxectivos imperialistas, o carácter plurinacional do Estado español. Razón pola que reclama o recoñecemento na Constitución da realidade plurinacional, e a plena soberanía para cada unha das nacionalidades que constitúen o Estado. A afirmación de Díaz Ayuso deixa en evidencia que desde a dereita e sectores da esquerda española entendese a unidade como imperativa e desigual no trato. Daquela que a equipa de governo de Madrid considere como normal ter un status privilexiado, unha valoración que coidan perdería sustento, ou minguaría, por unha intervención do Governo central, malia que sexa conxuntural e limitada.

A postura de Díaz Ayuso reflicte unha dobre vara de medir que se estende a todos os ámbitos.

A postura de Díaz Ayuso reflicte unha dobre vara de medir que se estende a todos os ámbitos. Por exemplo seu partido (así como o PSOE, Ciudadanos, e VOX) consideraron xusta a intervención en Cataluña cando se realizou a declaración simbólica da independencia. E tiveron a mesma actitude diante da imposición de duras penas a destacados dirixentes políticos desa nacionalidade, considerando rebelión e sedición o que foron manifestacións pacificas e carentes de efectos executivos que alterasen a “orde estabelecida”. Aplaudiron unha pena desproporcionada e improcedente contra o Presidente da Generalitat por colocar unha pancarta a prol dos cataláns presos/as ou perseguidos/as por aquel feito, e tardar tres días en cumprir a decisión da Xunta Electoral de retirala. Querían dar un escarmento, deixar patente quen manda, quen ten o monopolio do poder. Neste tema hai xuristas, como Javier Pérez Royo, que cuestionan a sentenza xa que, existindo desobediencia, Torra non tería desobedecido unha decisión xudicial, xa que foi tomada por un organismo administrativo como son as xuntas electorais.

En fin, o tráxico é que con esta dobre vara de medir ten unha longa historia, con ela construíuse unha unidade forzada que puxo os trens, as estradas e as liñas aéreas, en función da capital, de Madrid, e por extensión dos intereses da meseta central. De tal xeito que no país galego aínda hoxe non temos uns servizos axeitados que nos relacionen con Portugal ou co norte da península e a fronteira Europea. Daquela que sexa máis doado ir de Vigo a Madrid que de Vigo a Lugo, que a nosa economía cumpra un papel subalterno na cadea de valor, e que as nosas empresas máis dinámicas teñan a súa sede central en Madrid ou noutros lugares do exterior. Nunha tendencia que cada vez é máis forte. E, como resumo desta dependencia política, económica e cultural, dado o modo imperialista de entender o Estado español, perdamos en Galiza nos vindeiros 15 anos o 7% da povoación segundo o INE. Co que iso representa en emprego, precariedade e retroceso social. Non podía ser doutro xeito: Madrid é España. Ninguén o desmentiu... como se pode negar a realidade.

https://obloguedemera.wordpress.com/