Opinión

A loita contra a globalización como proceso

Nunca coma nesta conxuntura, dados os efectos da pandemia da Covid-19, a globalización neoliberal estivo tan cuestionada, xa que a súa aplicación agravou a desigualdade entre países e entre clases sociais, a desfeita ecolóxica, a confrontación entre potencias, a violencia. Malia os movementos de protesta, os avances científico técnicos e o inmenso control dos poderes hexemónicos sobre os medios de comunicación e a cultura de masas xeraron un estado de animo moi estendido a prol do capitalismo. Impúxose a idea que dá por inexistente calquera sistema alternativo, ao que se suma a utilización de todos os recursos para debilitar e ignorar á clase traballadora e aos países que teñen un papel subalterno e dependente. Daquela que a crise de 2008 aínda que significaba un fracaso do sistema respecto das maiorías sociais, a principal lectura sería: que propiciou un reaxuste no reparto do traballo e da riqueza entre as potencias hexemónicas e as emerxentes. Deste xeito malia que se fortaleceu a tendencia dominante, de centralización e concentración do poder e da riqueza, que este reaxuste na cúpula do sistema non cuestiona, ponse como exemplo a redistribución territorial. 

Agora ben, mesmo que o sistema fose quen de neutralizar as protestas e proxectos alternativos, iso non implica que non os houbese en toda está etapa. Destacando ás mobilizacións de principios de século e as que se produciron pola crise do ano 2008. Lembremos que no caso concreto do noso país, realizáronse neste período nada menos que seis folgas xerais: 15 de xuño de 2001; 20 de xuño de 2002; 29 setembro de 2010; 27 xaneiro 2011; 20 marzo de 2012; e 14 de novembro de 2012. Varias delas convocadas en exclusiva pola CIG, que ademais tomou a iniciativa nestas accións reivindicativas. En todo caso neste artigo, quero traer á memoria colectiva ás mobilizacións que se realizaron no ámbito internacional contra a imposición da globalización neoliberal.

Non se pode obviar que as fortes mobilizacións que se fixeron a principios deste século viñan precedidas pola derrota política que implicou a caída da Unión Soviética

Ante todo, non se pode obviar que as fortes mobilizacións que se fixeron a principios deste século viñan precedidas pola derrota política que implicou a caída da Unión Soviética, tanto para a esquerda e o movemento obreiro, como para as democracias populares. Unha tendencia regresiva que se iría trasladando á loita dos países subalternos a prol da soberanía e un intercambio xusto, así como aos movementos de liberación. Cómpre lembrar que o proceso globalización foi precedido en 1994 pola insurrección zapatista máis simbólica que con capacidade para impulsar un cambio da tendencia no ámbito mundial. O levantamento indíxena deixaba en evidencia as traxedias sociais e culturais asociadas ao proceso de centralización e concentración de poder e riqueza: desigualdade, precariedade, roles subalternos.

Porén, sería nos anos 2000-2001 cando o movemento antiglobalización adquiriu a súa máxima expresión, polo que o Fondo Monetario Internacional e máis o Banco Mundial víronse obrigados en Praga a rematar as súas reunións un día antes do previsto por mor das violentas protestas dos manifestantes. Aínda que (como é lóxico) os dirixentes destes organismos financeiros internacionais alegaron outras razóns. En cada unha das xuntanzas previas dos estados maiores da globalización (G-7, FMI, BM, Cumio de Davos, etc.) as mobilizacións foron a máis. Sen lugar a dúbidas o punto de inflexión foi Seattle (novembro-decembro de 1999) onde 40.000 persoas manifestaron o seu repudio a un capitalismo salvaxe, coincidindo co cumio da OMC. Sería alí, nunha das cidades de máis rápido crecemento do imperialismo hexemónico, onde se viu que o amplo consenso respecto da globalización predicado polo medios sistémicos non era real.

As protestas antiglobalización repetíronse no ano 2000 en Washington, Xenevra, Melbourne, e no mes de setembro en Praga, e en xullo do ano 2001 en Xénova

Coa participación de partidos da esquerda, sindicalistas, organizacións relixiosas e ONGs as protestas antiglobalización repetíronse no ano 2000 en Washington, Xenevra, Melbourne, e no mes de setembro en Praga, e en xullo do ano 2001 en Xénova... Como exemplos da importancia das protestas, en Praga o governo mobilizou a 11.000 policías e militares para frear as manifestacións; houbo 600 feridos, deles un cento de policías. Argumentouse por parte do poder que se trataba de persoas marxinais que proviñan de toda Europa, "anarquistas" e "punquis", algo que contrasta co anuncio de organizacións sindicais e agrarias moi representativas que apoiaron ás mobilizacións, e co feito de que 2/3 dos detidos fosen checos. A protesta en Xénova marcou un novo salto cualitativo. A mobilización coincidiu neste caso coa reunión do G-8, e foi duramente reprimida polas forzas de seguridade. Un dos manifestantes foi abatido por tiros da policía e posteriormente atropelado por un coche policial. Estes feitos tiveron un gran impacto internacional.

Unha relación directa con este movemento sería o nacemento do Foro Social Mundial, cuxo primeiro encontro fíxose no ano 2001 na cidade brasileira de Porto Alegre. Participei nas primeiras reunións do FSM en representación da CIG (fíxeno en tres oportunidades máis: 2002, 2003 e 2005), formando parte duns 6.000 delegados e delegadas. Dicía nun artigo respecto do encontro da FSM de 2001: “No fundamental houbo acordo, na oposición á globalización, na necesidade de erguer unha alternativa máis humana, plural, democrática e redistributiva. Porén houbo matices importantes, que amosan que neste Foro converxen distintas correntes do pensamento, e organizacións con prácticas moi diferentes (...) tocouse varias veces e por distintos relatores/as a necesidade de entender a diversidade étnica, a singularidade cultural, e as distintas linguas como unha riqueza universal (...) fíxose moito fincapé na necesidade de que o suxeito sexa construído polos de “abaixo”, e por tanto teña como alicerces o pluralismo e a democracia; conciencia de que se trata de comezar de novo, nunha nova etapa, pero partindo do existente e de décadas de acumulación de experiencia, trunfos e derrotas, mártires e represores” (Tempo Sindical, marzo de 2001, nº37).

Os procesos políticos e sociais non son lineais, todos eles están sometidos a avances e retrocesos, a momentos de pasividade e de gran actividade

En resumo, os procesos políticos e sociais non son lineais, todos eles están sometidos a avances e retrocesos, a momentos de pasividade e de gran actividade, a accións de protestas espontáneas e locais ou sectoriais, ou a movementos reivindicativos globais e que se manteñen no tempo. En todo caso a debilidade e fortaleza destas accións dependen das condicións obxectivas e subxectivas do momento e da acumulación previa. Polo tanto sendo certo que a clase traballadora está hoxe máis fragmentada e debilitada que nas últimas décadas, tamén é verdade que as contradicións son máis fortes, e que o sistema non está disposto a facer ningunha concesión duradeira, e iso implica na práctica axudar na unidade da resposta social e política.  Polo tanto non se pode desbotar un cambio na correlación de forzas, que en todo caso dependerá do traballo de acumulación e mobilización que se faga dende os movementos de liberación nacional e social, e por suposto doutros factores externos, como a fenda aberta entre as grandes potencias imperialistas.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios