Opinión

O localismo bótalle unha man ao españolismo

Todo amosa que o acto organizado polo xornal Faro de Vigo na cidade de Vigo, coa escusa do 40 aniversario das primeiras eleccións democráticas (despois da caída da ditadura franquista) tiña como finalidade atacar ao soberanismo das nacións dependentes no Estado español. Daquela que destacase en portada: “o municipalismo reclama máis fundos e competencias porque é a política total”. O xornal adicaba ao tema 5 páxinas no interior, co director do Faro, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ambos do PSOE, como figuras sobranceiras; así como un especial de 64 páxinas, un chisco máis plural no político. Todo elo reproducido en idioma castelán, agás aqueles artigos do especial que algúns alcaldes fixeron no idioma propio do país. Por certo non acudiron ou non se convidou a sindicatos, asociacións de veciños e concellais do BNG e A Marea de Vigo. En todo caso resulta evidente a sintonía entre o alcalde e o grupo Faro.

Neste contexto hai que colocar a intervención de Abel Caballero na que gaba sen límite a súa xestión, xa que o ego pódelle máis que a análise realista, para debuxar un Vigo ideal, e esixir un ”alargamento das competencias dos concellos así como dos recursos”. Afirmou que en caso de se abrir o melón da reforma constitucional non se conformarían cun papel secundario “non por poder, aclarou, senón por sensibilidade”. Poñendo deseguido o foco sobre a sanidade e a industria do automóbil, como ámbitos nos que deberían ter capacidade. Esquecese o alcalde que: Vigo dedica menos recursos ás políticas de emprego e contra a violencia de xénero que ás luces e actos de nadal e cursos de inglés. Lembremos que as autonomías reciben un 25% dos recursos do Estado e os concellos un 10%, cando as primeiras ofrecen servizos tan importantes e cun gran gasto como sanidade e ensino.

Vigo dedica menos recursos ás políticas de emprego e contra a violencia de xénero que ás luces e actos de nadal e cursos de inglés.

En ningún caso Caballero falou de aumentar a presión fiscal ás grandes fortunas e o imposto de sociedades, e rematar co privilexio tributario das empresas tecnolóxicas. Tampouco recoñeceu que as autonomías viron reducidos seus ingresos coa crise, afectando á sanidade, educación e outras prestacións básicas como a dependencia, véndose obrigadas a se endebedar. Mentres que os grandes concellos pagaron débedas e aumentaron os gastos superfluos (espectáculos, luces, propaganda...) e mesmo rebaixaron impostos. Hainos que contan con importantes reservas, como o de Vigo (51 millóns). No ano 2017 os concellos galegos terminaron cun superávit de 210 millóns de euros e no ano 2018 con 186 millóns, sumando as deputacións atinxe os 249 millóns de euros. Evidentemente non se executaron plenamente os orzamentos. Sería lóxico que lle dedicasen estes recursos, eliminando as limitacións actuais, a garderías, dependencia, e a atender situacións de marxinalidade.

Outra historia distinta son os concellos cun número pequeno de habitantes, xa que as transferencias de recursos por parte do Estado multiplícanse en función da povoación. Concretamente un que supere o medio millón de persoas recibe por habitante o dobre que un de máis de cen mil, e o triplo que un de menos de cinco mil persoas. Ou sexa, existe unha política que beneficia aos grandes centros urbanos. Por que non se cuestiona esta discriminación por parte do presidente da FEMP?

O discurso do alcalde de Vigo e presidente da FEMP, vai na liña dos sectores da dereita do seu partido, trátase dun chamado para engadir atrancos ao recoñecemento do estado plurinacional, evitando unha revisión da constitución que avance nesta conxuntura cara un estado federal,... confederal (como parte da andaina dunha plena soberanía). Ou sexa, que as nacións constitutivas do Estado teñan competencias suficientes e blindadas, que permitan reducir en boa medida a dependencia actual que as afoga; no caso galego non só respecto da identidade nacional senón tamén a xeración de emprego e condicións de vida (daquela o carácter colonial). Resultou evidente neste acto que Caballero sumouse á patronal, á cúpula da igrexa católica, aos partidos da dereita e aos medios de comunicación sistémicos, rexeitando unha viraxe do Governo central que favoreza ás clases populares. Aínda que todo indica que este cambio será mínimo na cuestión nacional, como moi limitado nas relacións laborais e servizos e prestacións públicas, temas todos eles que son centrais para o capital, co que o PSOE non rachou.

O soberanismo non debería ignorar, nen restar importancia, ao españolismo disfrazado de municipalismo

Polo que, o soberanismo non debería ignorar, nen restar importancia, ao españolismo disfrazado de municipalismo. Este instrumentaliza as reivindicacións locais para, unhas veces, enfrontar aos concellos entre si pola obtención de recursos, alentado a división de Galiza (con propostas parciais e a curto prazo), e noutras ocasións, creando unha fronte localista para confrontar contra os dereitos das nacións periféricas, apoiando o centralismo, dando folgos á opresión nacional. Ou sexa, non abonda con facer unha boa xestión nun concello, mesmo que sexa un exemplo, e defender un reparto xusto e solidario dos ingresos impositivos, asemade cómpre ter un modelo de ordenación do territorio, de reparto das funcións, de coordinación e complementación entre institucións. Cómpre un proxecto de País e unha folla de ruta.

Non se trata só de quen e como se xestiona o inmediato, aínda que isto sexa fundamental, é esencial relacionar e socializar isto cos obxectivos a medio e longo prazo, para incidir na formación da conciencia social e política, e así alentar e re-alimentar a participación e protagonismo da clase traballadora e outros segmentos populares. E deste xeito poder contar coa complicidade da maioría, e confrontar e destruír a hexemonía das clases dominantes. De non facelo así, o nacionalismo non poderá rematar coa explotación e opresión, e mesmo verse arrastrado nalgúns casos, por tacticismo, a participar en actos e iniciativas organizados por entidades e institucións, nas que se está cuestionando abertamente ou dun xeito sutil algo tan básico como é: a Galiza como unha nación.

Por último. Coido que foi acertado que o deputado do BNG non acudise á entrevista co Rei, tanto por coherencia republicana, como pola opinión e papel que a monarquía ten respecto da cuestión nacional, social e democrática, e das loitas populares. Neste sentido, tamén ten valor a concentración realizada en Compostela a prol da autodeterminación, rexeitando a Constitución do 78. Sería positivo que esta iniciativa se estendese a outros temas que as maiorías senten como centrais neste intre, por exemplo, mediante convocatorias unitarias, como é o caso das condicións laborais, desemprego, pensións, sanidade, dependencia (véxanse as enquisas sociolóxicas), ligando así o sentir social cos obxectivos estratéxicos. Facendo unha maior énfase na análise global, nas propostas concretas e folla de ruta, que na caracterización da situación especifica, tendo en consideración que as clases populares xa padecen acotío en carne propia.

https://obloguedemera.wordpress.com/