Opinión

En lembranza de Ho Chi Minh e a loita anticolonial

Hai 50 anos morría, o 3 de setembro, unha das figuras destacadas da loita contra o colonialismo e a prol da soberanía nacional e a democracia popular, o vietnamita Ho Chi Minh. Lembremos que no ano 1884 os franceses ocuparon Indochina e implantan o réxime colonial. No ano 1890 naceu Nguyen Sinh Cung (o futuro Ho Chi Minh), fillo dun mandarín, que aos dez anos muda de nome, segundo a costume annamita, polo de Nguyen Tat Tanh. No ano 1908 participa en Hue dos movementos contra a ocupación francesa. No ano 1914 comeza a súa estadía en Francia, na cidade de Le Havre.

En 1917, o mesmo ano que se realiza a Revolución Rusa, instalase en Paris e posteriormente trasladase a Londres: “onde aprende o que é a insurrección irlandesa, a organización do socialismo fabiano e, en xeral, a existencia dos movementos revolucionarios non só nacionais senón tamén clasistas” (Ho Chi Minh; Noel Barbu; Los Hombres de la historia; Centro Editor de América Latina (CEAL); Arxentina, 1971). No ano 1920 realizase o Congreso do Partido Socialista francés, na cidade de Tours, e a súa fracción de esquerda adhire ao Comiterm. Esta corrente convertese no Partido Comunista francés o ano seguinte, e á súa constitución asiste, intervén e integrase Nguyen Ai Quoc (agora co novo nome de Tat Tanh). No mes de xaneiro de 1924 Tanh participa do V Congreso da Internacional en Moscova. Pasou 18 meses na capital de Rusia, estudando, participando en conferencias e dándose coñecer. Polo que cando o Comiterm envía a China a Michel Borodin contará con Tat Tanh como experto e tradutor. Ao ano seguinte comeza súa actividade proselitista nas provincias fronteirizas con Vietnam e funda a organización Thanh Hoi.

No ano 1929 a III Internacional úrxelle para que axude na unificación das distintas tendencias comunistas, algo que logra no ano seguinte coa creación do Partido Comunista Indochino, do que redacta o manifesto inicial: “Fundouse o partido comunista. É o partido da clase obreira, que axudará a clase proletaria dirixir a revolución para loitar por todos os povos oprimidos e explotados” (Escritos políticos de Ho Chi Minh; Partido del Trabajo de México; 2010). O partido fixa a súa sede en Saigón, sen a presenza do perseguido Tanh (Quoc ou Ho Chi Minh). Ese mesmo ano prodúcese un levantamento en Tonkin que será afogado en sangue, e créanse soviets en Nghe Tinh. No ano 1931 será detido e dáselle por morto en Hong Kong. En realidade: “Un avogado inglés Frank Loseby, conseguiu sacalo de prisión en 1942 por encargo do Socorro Vermello Internacional; Loseby teríao axudado a fuxir e chegar a Moscova” (Los Hombres; CEAL).

Desta primeira parte deste breve relato histórico quero salientar, da vida de Ho Chi Minh, tanto o contexto no que transcorre, como a existencia dende moi novo dun compromiso co obxectivo da liberación nacional. Asemade, a emigración e o exilio contribuíu á súa vinculación coas forzas transformadoras, co marxismo-leninismo. Tamén debese ter en consideración, cando se valora a súa conexión co povo, ter desenvolvido os traballos máis variados, como ensinar en 1911 a lingua nacional e o francés en Vietnam, como humildes, realizando labores de pinche de cociña nun barco que facía a ruta Haiphong-Marsella (1911-1914), e logo como xardineiro en Le Havre.

Pasarían anos para que se desen as condicións axeitadas para volver ao seu país. No ano 1938 Tanh establecese en China como paso previo para o regreso a Anam en 1941. Este ano presidirá a 8ª Conferencia do Partido Comunista Indochino e participa da creación do Viet Minh, a fronte nacional antiimperialista. “O Viet Minh comeza a súa propaganda dende China, porén as súas primeiras accións van máis alá; nela adquirirá a súa estatura de organizador e estratego” (Los Hombres; CEAL). No ano 1942 regresa a China, onde será detido e se lle considera morto (por segunda vez). En 1943 reaparece en Vietnam ao fronte dunha organización para loitar contra a ocupación xaponesa, xa baixo o nome de Ho Chi Minh.

Coa derrota de Xapón no ano 1945 proclamase a independencia de Vietnam, con capital en Hanoi, e a Ho Chi Minh como presidente: “Son un revolucionario. Cando nacín meu país era unha nación escrava. Dende neno teño loitado pola liberación. Este é meu único mérito. En consideración a este pasado meus compañeiros elixíronme para a presidencia do Governo” (Los Hombres, CEAL). Comeza a insurrección xeral e a guerra con Francia. Esta potencia colonialista será derrotada na batalla clave de Dien Bien Phu en 1954. Os acordos de Xenebra consagran o triunfo do Viet Minh, a retirada de Francia, e o compromiso da realización de eleccións xerais en todo o país en 1956; así como o repregue das tropas do Viet Minh ao norte do paralelo 17. Esta cesión causou moito debate interno, mais Ho Chi Minh entendía que era unha necesidade para recuperar forzas e confrontar os novos retos que implicaba unha posíbel intervención de Washington, como terminou sucedendo.

Os Estados Unidos instalaron o réxime de Ngo Dinh Diem en Saigón, dividindo o país e violando o pactado en Xenebra, ao impedir que se convocasen as eleccións xerais en todo Vietnam. Ao que se lle engadiu unha dura represión das forzas a prol da unificación. Como subterfuxio para reforzar a Diem e consolidar a división realizouse no sur un referendo amañado no ano 1955. Ho Chi Minh interviña sobre este tema no 3º Congreso Nacional do partido dos Traballadores de Vietnam: “Transcorreron seis anos e o noso país non se reunificou, malia as estipulacións dos acordos de Xenebra. Noso governo e o noso povo cumpriron sempre estritamente o pactado. Porén os imperialistas norteamericanos e Ngo Dinh Diem, pola contra, dedicáronse deliberadamente a manter a división e sabotar descaradamente os acordos de Xenebra” ( Escritos Políticos).

Neste contexto nacía ese ano (1960) o Viet Cong, formado por comunistas, nacionalistas e budistas, que se opuñan ao réxime ditatorial de Diem e a división de Vietnam. Deste xeito collía forza a loita armada, que encetou despois do referendo, para liberar esta parte de Vietnam. Esta confrontación desigual contra Estado Unidos e aliados rematará coa derrota de Goliat no ano 1975. Un triunfo que é consecuencia esencialmente dos inmensos sacrificios e acertos do povo vietnamita, ao que se sumou un constante e forte movemento de apoio solidario internacional, comezando polos estados socialistas e as democracias populares. Tanto no plano humanitario como da loita das ideas.

Outro aspecto que se debería ter en consideración, cando se valora este proceso revolucionario, é que a maduración das condicións propicias para a liberación de Vietnam levou décadas. O seu progreso terá unha relación directa coa nova correlación de forzas que xurde da Segunda Guerra Mundial e o triunfo da Revolución China. E sobre todo, coa existencia dun partido con peso social, entrega e unha folla de ruta e política de alianzas correcta. Neste aspecto ademais de Ho Chi Minh non se poden esquecer dirixentes de tanta valía como Vo Nguyen Giap e Le Duan.

Este último, no 4º Congreso do Partido dos Traballadores do Vietnam, en decembro de 1976, como primeiro secretario do partido, rendía homenaxe a figura de Ho Chi Minh: “como interprete dos sentimentos máis profundos dos nosos compatriotas e combatentes en todo o país, o Congreso ofrece en homenaxe ao grande presidente Ho Chi Minh a vitoria alcanzada sobre o agresor americano e expresa a nosa infinita gratitude para aquel que consagrou toda a súa vida á obra de emancipación do povo e reunificación da Patria, á causa do partido e da nación. Propoño ao Congreso que consagre algúns minutos de silencio á memoria do noso Tio Ho e dos combatentes mortos pola Patria” (Na Vía de Ho Chi Minh; Le Duan; Edicións Avante; Portugal, 1977).

https://obloguedemera.wordpress.com/