Opinión

Lei de Unidade de Mercado, un novo ataque centralista

Chama a atención que a Xunta de Galiza non dixera ren nun tema de tanta importancia, aínda que non se pode ignorar que a submisión é a norma dende que é presidida por Núñez Feijóo.

No BOE do pasado 10 de decembro saíu publicada a Lei de Garantía da Unidade de Mercado (20/2013), que foi emendada no debate parlamentar no Congreso por toda a oposición. Tamén foi rexeitada por catro autonomías (Cataluña, País Vasco, Canarias e Andalucía), que argumentan con razón que invade competencias que lle son propias, e pode supoñer unha relaxación nos requisitos para a fabricación de produtos e a prestación de servizos. A Generalitat de Cataluña indicou que pensa recorrela diante do Tribunal Constitucional xa que invade competencias autonómicas. O Goberno vasco sostén que “invade o ámbito competencial das comunidades autónomas e, en concreto, nas competencias relacionadas co comercio e a actividade económica, que son fundamentais para o desenvolvemento dos territorios”. Chama a atención que a Xunta de Galiza non dixera ren nun tema de tanta importancia, aínda que non se pode ignorar que a submisión é a norma dende que é presidida por Núñez Feijóo. O texto foi aprobado exclusivamente polo Partido Popular.

Unha empresa que cumpra os requisitos dunha autonomía cunha normativa máis permisiva pode fabricar e dar prestacións noutra cunha normativa específica máis esixente e necesaria para o seu territorio

Segundo o Ministro Cristóbal Montoro, con esta Lei elimínanse atrancos ás empresas e profesionais, polo que aportará un aumento de 1.500 millóns de euros ao PIB. Non di de onde saen estes números, polo que hai que consideralos un engado para acadar apoio social a prol da súa aprobación malia que carezan dunha base real; é pura leria. Agora, unha empresa que cumpra os requisitos dunha autonomía cunha normativa máis permisiva pode fabricar e dar prestacións noutra cunha normativa específica máis esixente e necesaria para o seu territorio. O Ministro de Economía, De Guindos, declarou que o seu ministerio comprobou que preto de 6.000 normas de todas as administracións vulneran nalgún punto a unidade de mercado en 28 sectores, polo que terán que se modificar para adaptárense á nova Lei, nun proceso que seica será “voluntario, dialogado e pacífico”. Outras informacións dan a cifra de 2.700 normas das que 1.890 son autonómicas, polo que na práctica o Goberno quere eliminalas. Tanto baile de números amosa que máis que unha necesidade social é un obxectivo político do PP, que favorece a centralización e concentración do poder e da riqueza. Un novo paso na globalización neoliberal ao servizo das clases dominantes españolas.

Limítanse os sectores nos que se esixe ás empresas autorización previa para a súa actividade; e prohíbese expresamente calquera requisito baseado directa ou indirectamente no lugar de residencia da empresa

A Lei faculta á Comisión Nacional de Mercados e Competencias (CNMC) para recorrer vía contencioso administrativo contra calquera acto que considere vulnera a unidade de mercado. Polo que pode solicitar que a Audiencia Nacional suspenda de urxencia calquera normativa autonómica que “impida a liberdade de movemento das empresas”, ou de sancións impostas ate tanto non se pronuncie un órgano xurisdicional. A Lei parte do suposto que o Estado das Autonomías é un atranco para a economía, ignorando que a situación actual non é moi diferente da que teñen estados cun gran desenvolvemento económico, que se toman acotío de exemplo, como os Estados Unidos, Alemaña, Australia ou Canadá.

Por outra banda, esta Lei non é unha novidade xa que, aparentemente, non é máis ca unha aplicación da Directiva de Servizos da Unión Europea, mais implica unha nova volta de porca, e ten un claro carácter centralizador, ao invadir competencias das comunidades autónomas. Así o destaca no prólogo da Lei cando di: “Na elaboración desta Lei tívose en conta a experiencia lograda durante o proceso de transposición da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, tamén coñecida como «Directiva de Servizos», proceso no que se incorporaron ao ordenamento xurídico español, a través da Lei 17/2009, de 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, unha serie de principios básicos para a libre circulación, en especial o principio de eficacia nacional dos medios de intervención administrativa. A Lei 17/2009, de 23 de novembro, senta un precedente en materia de unidade de mercado para o sector servizos que se considera debe estenderse a todas as actividades económicas. Así, esta Lei aplicarase tamén aos sectores expresamente excluídos da Directiva de Servizos (por exemplo as comunicacións electrónicas; o transporte, as empresas de traballo temporal, a seguridade privada, etc.) e a circulación de produtos”.

Unha nova volta de porca que forma parte dun proceso que está a baleirar de contido as xa limitadas competencias autonómicas. Un ataque que o PP está a desenvolver en todos os eidos, tanto no económico, como no laboral, educativo, cultural, etc.

Aínda que a Lei de Garantía da Unidade de Mercado preséntase como unha norma que pretende simplificar a xestión administrativa, eliminar os atrancos xurídicos, facilitar a libre prestación de servizos e reforzar os dereitos dos consumidores, en realidade dálle ás grandes empresas vantaxes competitivas, sen ningún compromiso en relación ao territorio no que fabrican ou prestan servizos, e sen ningunha garantía expresa aos consumidores. Asemade, limítanse os sectores nos que se esixe ás empresas autorización previa para a súa actividade; e prohíbese expresamente calquera requisito baseado directa ou indirectamente no lugar de residencia da empresa (todo aquilo que signifique apoiar o autóctono). Non é unha Lei máis, xa que vai para alén da Directiva de Servizos, e as actividades abranguidas por aquela representaban un 40% do PIB, como destacaba a Unión Europea na promoción da Directiva.

O Consello Económico e Social, no seu ditame salienta que “pode ser de difícil aplicación e dar lugar a moitos litixios porque afecta un gran número de competencias autonómicas e locais”. Dende o Goberno de Andalucía, pola súa banda, saliéntase que “vulnera as competencias do Estatuto de Autonomía sobre a protección das persoas consumidoras e usuarias (...) ten un carácter recentralizador (...) promove paraísos regulatorios dentro do Estado, incentivando a desregulación da actividade económica e a falta de control en prexuízo do conxunto da cidadanía (...) limita a competencia da Xunta de Andalucía para ditar normas e lexislar (...) como pode ser o caso da futura lei de protección das persoas consumidoras e usuarias na contratación hipotecaria sobre a vivenda (...) esta Lei amparada na Directiva de Servizos, esquece deliberadamente os contidos desta en materia de seguridade e garantías para as persoas consumidoras, nen sequera son consideradas suxeitos das mesmas, só se ten en conta o beneficio exclusivo dos grandes operadores do mercado”. Resulta sintomático que mentres Andalucía reaxe diante do ataque centralista, a Xunta de Galiza cale e acepte, poñendo o partido por riba da nación, que está obrigada a defender.

No mes de xullo de 2013, os medios informaban que “o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, censurou que se está apelando de forma demagóxica e de xeito falso e equívoco á necesidade de preservar a unidade do mercado, co fin de xustificar unha invasión sistemática das competencias autonómicas e seguir no proceso de recentralización brutal do Estado". Durante o debate parlamentar o BNG presentou no Congreso unha emenda á totalidade, xa que, en declaracións da deputada Olaia Fernández Davila a Lei “ten un carácter centralizador e invade competencias autonómicas (...) promove a desregulación e impide ás Administracións territoriais levar a cabo as súas políticas de fomento e desenvolvemento económico. Coa lei do PP haberá máis concentración do capital (...) existen instrumentos de cooperación e evitar duplicidades sen ter que crear órganos como o Consello para a unidade de mercado (...) a lei do Goberno cercena a posibilidade dun desenvolvemento económico propio e auto centrado”.

En resumo, unha nova volta de porca que forma parte dun proceso que está a baleirar de contido as xa limitadas competencias autonómicas. Un ataque que o PP está a desenvolver en todos os eidos, tanto no económico, como no laboral, educativo, cultural, etc., Mais non por iso, neste caso, é menos importante; polo que non se pode ignorar. Por iso, chamoume moito a atención que non se fixese, por parte do nacionalismo galego, unha campaña pública contra esta nova agresión, para alén da oposición no Congreso. O sistema estará conseguindo que perdamos reflexos?... Ou, acaso ¿estaremos asumindo como algo normal os ataques das clases dominantes e a colonización da Galiza?...

http://manuelmera.blogaliza.org/