Opinión

As leccións da votación no Reino Unido

O resultado da elección do Parlamento non podía ser outro, xa que malia presentar no ultimo momento un programa mais radical no económico e social o Partido Laborista non aclarou o fundamental: se estaba ou non a prol da saída da Unión Europea. É verdade que todo indica que Jeremy Corbyn era partidario de aceptar a decisión tomada no ano 2016 por 17 millóns de británicos, mais a oposición no partido foi sempre moi forte, e impuxo a tese dunha negociación coa UE e realizar en seis meses unha nova consulta. Unha postura esta última que implicaba ignorar a decisión da maioría, entre os que había unha parte moi grande de votantes do laborismo.

Respecto do Brexit, que é o debate central dende hai media década no Reino Unido (RU), Boris Johnson mantivo sempre a mesma postura, malia que logo non cumprise os prazos comprometidos. Mais tamén resultou evidente, para os partidarios da saída, que os atrancos a superar, tanto externos como internos, son moitos e moi poderosos. Non foi casual que o líder conservador, nos debates con Corbyn, teimase no tema do Brexit para deixar en evidencia a ambigüidade do laborista.

Nos bos resultados da dereita, que só medrou 1,2% puntos sobre as eleccións de 2017, incidiu o recuar dos laboristas do 40% ao 32,2%. 

Nos bos resultados da dereita, que só medrou 1,2% puntos sobre as eleccións de 2017, incidiu o recuar dos laboristas do 40% ao 32,2%. Lembremos que o RU está dividido en 650 distritos que elixen un único deputado/a. Outros dous dados de interese son: que medrou a abstención, que pasou do 31,3% ao 32,7%, se a tendencia é semellante ao resto da UE isto afecta especialmente a clase obreira; e que o Partido Nacionalista Escocés, aumentou de 35 a 48 seus representantes (cun 45% dos votos), malia perder unha decima a nivel do RU, pasando do 4% ao 3,9%.

Chama a atención que dende os medios de comunicación progresistas se faga unha critica tan dura a Corbyn, que hai uns meses se presentaba como o líder da nova esquerda europea, cuxos pasos debían seguir os partidos socialdemócratas que foran perdendo relevancia. Afirmase agora que carecía de atractivo para o electorado, esquecendo que hai dous anos conseguía case superar aos conservadores nas eleccións xerais. Algúns aproveitan para propoñer unha viraxe do laborismo á moderación, deixando en evidencia a importancia deste sector no partido, e como sen dúbida condicionou as propostas e o discurso de Corbyn, especialmente respecto do Brexit.

Hai analistas que buscan desacreditar á base do laborismo pola perda de distritos obreiros

Vendo as consecuencias dos resultados respecto da consolidación definitiva do Brexit, e do seu carácter estratéxico para a globalización neoliberal, hai analistas que buscan desacreditar á base do laborismo pola perda de distritos obreiros que foron durante moitas décadas feudos deste partido. Escribe un deles: “Esa Inglaterra pos-industrial, envellecida, sen formación universitaria e sen horizontes entregouse esta vez a un primeiro ministro millonario e elitista, que se educou en Eton e en Oxford, e que até agora apenas puxera un pé no norte do país. Son cidades pequenas cunha Sanidade deficiente e unha renda per cápita paupérrima, onde xermola o rexeitamento á Unión Europea e o odio á inmigración”[i]. Mais, estas hipóteses non superan a peneira máis sinxela. Nas últimas décadas aumentou moito a xente con estudos universitarios e a povoación das grandes urbes, mais isto non implicou unha viraxe á esquerda do electorado. Ademais, algo terá feito mal o laborismo para que a súa base teña tan baixa formación política segundo este analista? Semellan valoracións carentes de rigor. Lembremos que o Brexit foi apoiado por un 56% do electorado.

Para algúns analistas, a clase traballadora non sabe como votar. Para eles é secundario que os obxectivos da UE estexan unidos ás políticas neoliberais que aumentan a desigualdade, a privatización dos servizos públicos, ou sexa, o medre da explotación e da opresión. Tampouco valoran en toda súa dimensión a deslocalización e a inmigración masiva, e as súas consecuencias na disputa polo emprego nas clases subalternas (precariedade, baixos salarios, medre da xornada). Daquela que a UE teña un valor distinto para as clases altas hexemónicas e un sector das clases medias. Para este segmento da sociedade, a globalización amplía o mercado e aumenta o lucro, e as oportunidades profesionais. Obvian que centraliza e concentra a riqueza e o poder, e que seus efectos negativos son a tendencia dominante.

Respecto deste tema, que tanta relación ten respecto da fenda que se foi abrindo entre a esquerda e a clase traballadora, non só no Reino Unido, quero reproducir parte dun artigo publicado en La Región en xuño de 2016 co gallo das votacións do Brexit, xa que é de actualidade:

“Non foron precisamente as alternativas xenófobas as que inclinaron a prol do Brexit a balanza no Reino Unido

“Non foron precisamente as alternativas xenófobas as que inclinaron a prol do Brexit a balanza no Reino Unido. Nun artigo, Andy Robinson dinos: “é difícil cualificar de racismo os receos dos paquistanís de cuarta xeración ante a chegada de miles de polacos. Máis ben é o medo que senten moitos traballadores precarios, de soldos minguantes, que ven ameazada a súa supervivencia. En Birkenhead, na beira oeste do río Mersey, en fronte de Liverpool, 10.000 persoas reciben axuda alimentaria malia que a taxa de paro é de só o 5%”. Ou sexa, o Brexit foi unha resposta consciente a unha Unión Europea que sacraliza a desregulación laboral e da auxe á man de obra de reserva pra aumentar a taxa de beneficios empresariais.

Tampouco é verdade unha confrontación entre as persoas maiores, disque conservadoras e do ámbito rural, e a mocidade seica máis aberta das cidades. Nos suburbios das grandes urbes (Londres, Manchester, Liverpool) déronse as porcentaxe máis altas a prol do Brexit. E, segundo as enquisas, sendo certo que nos menores de 35 anos foi maioritaria a oposición ao Brexit, non se pode obviar a abstención como postura hexemónica. Concretamente, entre os 18 e 24 anos foi dun 64%; e entre 25-34 anos do 42%. Daquela, tirar como conclusión que a mocidade aposta pola Unión Europea non é certo. O debate non acaba máis que comezar, e a UE non pode evitar, aínda que o pretenda, ignorar que está a ser cuestionada, que se olla máis como unha lousa que como unha solución”[ii].

É verdade que o Brexit en si mesmo non implica un cambio positivo no eido social, xa que fortalece no inmediato as políticas de dereita no Reino Unido. Mais non se pode ignorar que un futuro governo de esquerda podería tomar medidas como as propostas por Corbyn con posibilidades certas de poder aplicalas, algo que é imposíbel hoxe no marco da UE. Pretender mudar esta Unión en mans do capital, cunha participación anecdótica dos cidadáns e con realidades tan diversas, é hoxe unha utopía. Sería practicamente imposíbel, como o demostra a historia da UE. Unha leitura da realidade que seguramente incidiu en moitos militantes do laborismo, e asemade nunha boa parte da súa base electoral, que padece as políticas regresivas da Unión. Claro que, podendo ser o Brexit un paso adiante para as clases populares en Inglaterra (no futuro) non ten porque selo en igual medida para Escocia, Gales e Irlanda do Norte. Trátase de situacións distintas. Porén non se pode obviar que tamén pode ser unha oportunidade (no táctico) para que estas últimas acaden a independencia, dado o grao de confrontación da UE con Londres. Ou todo era pura táctica por parte de Bruxelas?

Respecto do triunfo de Johnson cómpre facer algunhas matizacións. Por exemplo, que o éxito non se sustentou exclusivamente na súa teima de aplicar o Brexit, senón que ademais facía unha proposta de mellora da sanidade publica moi ambiciosa. Outra cuestión é que a cumpra, tendo en consideración as políticas que neste tema aplicou a dereita. Ademais, non se pode obviar que mellorou en pouco máis de un punto nas votacións, polo que non recolleu os rente de oito que perdeu o laborismo. As enquisas xa nos dirán que parte foi a abstención e cal a outros partidos.

Cumprir a vontade da cidadanía británica, implica terminar coa imposición de que os estados podían ingresar na UE mais non existía marcha atrás

Por último, que se faga efectivo o Brexit, é dicir cumprir a vontade da cidadanía británica, implica terminar coa imposición de que os estados podían ingresar na UE mais non existía marcha atrás. Con esta premisa pechouse unha saída á crise grega, e impúxose a disciplina financeira e de modelo económico e social. Daquela que, aínda que hoxe Bruxelas pretenda finxir que esta contente polos resultados no Reino Unido, en realidade implica que as portas de saída xa non se poden volver a pechar. E todo amosa que se poden dar mais casos. O aspecto negativo é que este proceso debeuno liderar a esquerda. Mais semella que non é capaz de mudar a correlación de forzas internas, xa que non abandona a trampa neoliberal. Segue atopando virtudes na UE, un marco cada vez máis controlado polo capital financeiro e a burocracia, sen máis proxecto de futuro que a globalización e un capitalismo senil. Resultado: a desfeita ecolóxica, e o traslado da centralidade a oriente.

1. https://www.eldiario.es/internacional/Adios-espectro-Thatcher-conservador-Inglaterra_0_973603521.html

2.https://obloguedemera.wordpress.com/2016/07/05/o-brexit-non-representa-o-pasado/

https://obloguedemera.wordpress.com/