Opinión

Irmandades da Fala, Viqueira: nacionalismo e socialismo

 

Na cea que todos os anos celebraba a Irmandade Galega de Bos Aires no Centro Ourensán o 24 de xullo, co gallo do Día da Patria Galega, no ano 1969, Bieito Cupeiro presentou o libro “Xohán Vicente Viqueira: Vida, persoalidade, pensamento”, pondo de releve o orador a notábel personalidade intelectual e patriótica deste galeguista. No número 136 d'A Nosa Terra, voceiro daquela das Irmandades da Fala, do 15 de marzo de 1921, afirmábase: “Johán Viqueira, Risco, Cabanillas e Castelao son as colunas do movimento nazionalista galego. Son os homes representativos da cultura enxebre, que ten outro filosofo ó seu servicio: Losada Diéguez, i-un xurista: Banet Fontenla”. (Porteiro Garea morrera no ano 1918 con 28 anos). Posteriormente á morte de Viqueira con 37 anos, no ano 1924, o seu nome estará presente en repetidas ocasións como unha referencia do nacionalismo, tal como se reflicte en A Nosa Terra ou no Guieiro. 

"Johán Viqueira, Risco, Cabanillas e Castelao son as colunas do movimento nazionalista galego"

Que este libro saíse do prelo naquel intre, na capital de Arxentina, tiña polo tanto moita lóxica, xa que dende o ano 1968 ate 1972, cando se deixa de editar definitivamente A Nosa Terra, houbo unha recuperación da dinámica política na colectividade galega, algo que non sucedía dende a realización do Iº Congreso da Emigración Galega en 1956. Como exemplos, no ano 1968 ao fío do Día da Patria e dos Xogos Frorais do Idioma Galego (sobre o que se editou un libro), estiveron na Arxentina Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín, convidados pola colectividade. No convite a este último seguramente incidiu a revolta estudantil da Universidade de Compostela en abril dese ano. Con ambos os dous, daquela representantes da Unión do Povo Galego, tería eu contacto, tanto por militar na Irmandade Galega como por me ter xa incorporado á UPG. 

Ademais, en maio de 1968 comezouse a publicar de novo A Nosa Terra, que non saía dende 1965. E Moisés da Presa publicaba nese primeiro número un artigo no que facía referencia ao Partido Socialista Galego, ao Partido Social-Cristián Galego e á Unión do Povo Galego. Dicía Moisés da Presa sobre este último que: “nacía cun devezo: ser a vontade do povo galego nas arelas de autodeterminación nacional e xustiza social a carón da crase traballadora e sen dependenza de ningún partido político español”. Ese mesmo ano constituíase a comisión para a realización dun monumento a Castelao nunha praza da cidade. A finais de 1968, o empresario Ramón Mourente perdía as eleccións no Centro Galego, a maior entidade da colectividade, con cen mil socios/as. Fora derrotado pola lista encabezada por Xosé A. Reboreda. Toda a Irmandade participou activamente nesta campaña. O galeguismo recuperaba así o buque insignia da colectividade (cuns 100.000 socios/as), que fora controlado durante tres anos por persoas ligadas á embaixada franquista. Unha das principais polémicas producírase porque penduraran alí a bandeira española bicolor.

"Ser a vontade do povo galego nas arelas de autodeterminación nacional e xustiza social a carón da crase traballadora e sen dependenza de ningún partido político español”

Este limiar ten como obxectivo amosar o optimismo que se comezaba a vivir no galeguismo (nacionalismo) de Bos Aires polo nacemento de forzas patrióticas na Galiza e o auxe da loita anti-franquista, así como pola derrota de Mourente no Centro Galego. Neste contexto hai que entender a revitalización do Consello da Galiza e da Irmandade Galega, que se sabía transitoria, dada a idade media dos activistas, e o feito de que había xa unha década que rematara a inmigración galega. Como contribución teórica para as novas xeracións farase a edición, por parte de varias entidades da colectividade galega, do libro sobre Viqueira, que é da autoría de Luís Veiga do Campo. Moisés da Presa e outros integrantes da Irmandade (ateigada naquel intre de ex-pondalianos), consideraban a Xohán Vicente Viqueira un mestre do galeguismo porque, aínda que moi centrado no ensino e na cuestión lingüística, ofreceu un proxecto amplo, acaído, para as necesidades do povo galego. 

Os textos de Viqueira que se reproducen no libro teñen moito interese. Tanto, porque se está a conmemorar o centenario das Irmandades da Fala, das que formou parte e nas que tivo un papel destacado, como porque a relación entre nacionalismo e socialismo, que el trata, segue a ser de actualidade. Téñase en consideración que daquela Galiza era unha nación eminentemente rural, con importantes formas precapitalistas, o que amosa o avanzado da súa reflexión. Reproduzo a continuación a valoración que sobre o tema fai Viqueira. 

NACIONALISMO E SOCIALISMO
I
Eis dous termos que non se poden contrapór: nacionalismo, socialismo.
E máis: o segundo é probablemente un aspeito do primeiro.
Nacionalismo é irmandade na patria, é sentimento de comunidade
ideial, é vontade de vida unánime traballando nun momento da
humanidade.
II
O fondo de todos os socialismos dí: que a ninguén lle falte pan
dabondo, que todos teñan un fogar sob a garimosa teitume, que a
es cola sexa igual para todos, que non haxa faro e nin tiranía. No que
non se entenden os socialismos é nas fórmulas, nos planos para
arranxar a sociedade de maneira que aquele estado xusto realícese.
III
Mais ¿cómo sentindo a ideal comunidade de patria, pode se tolerar
que haxa cidadáns de duas clases, os probes e esfameados e os
ricos e privilexiados? ¿Cómo non sentir noxo, en que para os uns
sexan todos os bens da vida e para outros nada? O nacionalismo non
ve máis que irmáns na patria, e ele quere que todo o ben común
pártase entre irmáns. ¡O nacionalismo é o santo calor, pai do socialismo!
IV

¡Os pobos en que unha loita civil (de probes e ricos) separe aos
cidadáns, cedo ou serodiamente morrerán; mais os que se senten en
irmandade santa ( onde as diferencias sociaes son pouco notábeis ou
non existentes) non teñan medo á eternidade!

Viqueira ve entre nacionalismo e socialismo unha interdependencia (como tamén entenden hoxe os partidos nacionalistas coherentes), e non olla futuro para as nacións que non fagan da xustiza social parte da loita pola soberanía. Ten un valor sobranceiro que chegue a estas conclusións, para alén de que utilice concepcións marxistas ou non. No apartado do libro que ten como título Pensamentos, propón a autonomía integral para Galiza, e concreta en leis sociais que considera urxentes en relación cos labregos, obreiros, retiro de vellez, etc. O importante de ambos os textos é que dá un papel fundamental á igualdade social, aos problemas materiais da xente e, no que reproducimos, asocia o nacionalismo galego ao socialismo. 

"Eis dous termos que non se poden contrapór: nacionalismo, socialismo"

X. Torres Regueiro, nun artigo en A Nosa Terra (do 1 agosto de 1985) destaca que Viqueira “arela unha solución federal aos problemas das nacións do Estado, para chegar a unha Federación Ibérica. Incluso chega a enunciar a súa concreción maximalista: “un futuro estado republicano federal socialista ou social””. A súa proposta de soberanía é acorde coas alternativas máis avanzadas do momento (por exemplo a soviética), e coa postura que fará súa o Partido Galeguista. Cómpre lembrar que é anterior no tempo aos procesos de emancipación de Asia e África, que revalorizaron a cuestión da soberanía nacional como chave para o desenvolvemento nun mundo no que o imperialismo é un atranco, e onde o federalismo amosa as súas limitacións, aínda sendo un paso adiante. 

Viqueira ve entre nacionalismo e socialismo unha interdependencia (como tamén entenden hoxe os partidos nacionalistas coherentes

Xa quixeramos na actualidade que moitos partidos e militantes de esquerda e/ou nacionalistas tivesen tanta claridade nos obxectivos sociais como Xohán V. Viqueira. Agora ben, sería utópico esperar que as súas reivindicacións no ámbito nacional e social sexan totalmente válidas hoxe, xa que mudou o país, o contexto internacional, o estado de ánimo da xente e a correlación de forzas. É verdade que Viqueira non representaba as ideas hexemónicas nas Irmandades da Fala, que por outra banda eran moi diversas ideoloxicamente. Mais, en todo caso, convén lembrar que xa antes da Asemblea Nacionalista de Lugo, un importante sector do tradicionalismo, afastouse das Irmandades, polo que o Manifesto tivo un claro  carácter progresista. E aínda que o debate continuou, tanto no plano nacional como no social, entre dereita e esquerda, a tendencia quedou definitivamente marcada. 

Xohán Vicente Viqueira ofreceu unha teoría que defendía construír poder popular para a liberación nacional e social do povo galego

Xohán Vicente Viqueira ofreceu unha teoría que defendía construír poder popular para a liberación nacional e social do povo galego. Se cadra, Viquiera debería ter un maior protagonismo cando se lembran as Irmandades da Fala, dado que así o valoraron elas, e así se lle recoñecía na Irmandade Galega de Bos Aires. Por certo, como un comentario anexo, non penso que fose casual que Castelao propuxese recuperar as Irmandades cando chegou ao exilio porteño. A pluralidade do nacionalismo en América, especialmente na Arxentina, e a ditadura franquista, obrigaban a unir todos esforzos para arroupar politicamente o Governo galego no exilio (o Consello da Galiza) como garante da conquista da Autonomía Galega, sabendo que ese era un paso necesario para seguir avanzando cara á plena soberanía.