Opinión

Iolanda Díaz (+Beiras) e o protectorado alemán

Opinión

Iolanda Díaz (+Beiras) e o protectorado alemán

Segundo a deputada de AGE e secretaria xeral de Esquerda Unida (EU) na Galiza Iolanda Díaz: "Nesta Europa que exclúe ás persoas, non somos máis que un protectorado alemán, privado de toda soberanía (...) o 80% das decisións que se toman sobre as políticas tanto galegas como estatais se deciden no norte do imperio” ( http://www.galiciaconfidencial.com/nova/16024.html ). 

Segundo a deputada de AGE e secretaria xeral de Esquerda Unida (EU) na Galiza Iolanda Díaz: "Nesta Europa que exclúe ás persoas, non somos máis que un protectorado alemán, privado de toda soberanía (...) o 80% das decisións que se toman sobre as políticas tanto galegas como estatais se deciden no norte do imperio” ( http://www.galiciaconfidencial.com/nova/16024.html ). Se esta é a caracterización da sociedade asumida por Esquerda Unida, a cuestión da soberanía sería esencial, así como a saída do euro e da Unión Europea para rachar con este protectorado, ademais de propor un cambio sistémico, entón: ¿por que non asumen estes obxectivos estratéxicos EU e Iolanda Díaz? 

"De existir unha dependencia tan grande de Alemaña, sería prioritario recuperar a soberanía, tanto para o Estado español, como esencialmente para Galiza (onde a destrución do tecido produtivo é inmensa)"

De existir unha dependencia tan grande de Alemaña, sería prioritario recuperar a soberanía, tanto para o Estado español, como esencialmente para Galiza (onde a destrución do tecido produtivo é inmensa), a menos que se parta da idea de que o noso país, en todas as circunstancias, mesmo as máis negativas, debe seguir o rumbo que lle marca o Estado español (cada vez máis centrado en Madrid). Daquela ¿en que se concretaría o dereito de autodeterminación para Galiza que di defender Esquerda Unida? Segundo as  declaracións de Iolanda Díaz debemos ter ese dereito.  Aínda que despois, concrétao nunha proposta de “federalismo unitario”, confundindo o dereito de decisión coa súa proposta partidaria de ceder previamente a soberanía. Unha postura preocupante nun contexto no que a tendencia dominante leva a que se negue este dereito básico, e a dependencia  é abafante no cultural e recreadora do atraso a todos os niveis.

Semella que a asunción por parte de EU do dereito de autodeterminación das nacións sen Estado  non é máis que un engado, co que gañar posíbeis simpatizantes do nacionalismo (por certo, algo confusos). Unha postura por parte desta organización que se confirma cando no Parlamento español se abstén na votación da proposta encol do dereito de autodeterminación presentada polo BNG, ERC e Amaiur.  Deste xeito, na práctica, EU avalou a postura do PP, restándolle valor a este dereito esencial da democracia. Din que o fixeron para diferenciar o dereito á autodeterminación da reivindicación da plena soberanía (independencia) que fan estes partidos, que eles non asumen xa que defenden o federalismo. Porén, son dúas cuestións totalmente distintas, a posposta implicaba asumir un dereito esencial, non estaba a debate a independencia, só poder consultar a poboación sobre esa opción. 

Aínda que esta fose unha postura excepcional ou non meditada abondo (que non é o caso) resulta evidente que EU non é un partido no que podan confiar, e co  que facer alianzas, as forzas que loitan pola liberación nacional de Galiza, calquera sexa a súa estratexia. Por iso, non teñen ningún sustento as análises da FPG, no seu último Congreso hai uns días, cando ignorando a práctica cotiá fan unha: “aposta clara pola Fronte Ampla rupturista e autodeterminista, sen exclusións nin vetos” en referencia a EU. ( http://www.sermosgaliza.com/articulo/politica/fpg-aposta-no-seu-congreso-fronte-ampla-ruturista-autodeterminista/20131008201816019825.html ). 

Voume centrar agora na análise da caracterización que fai Iolanda Diaz, no referente a que tanto o Estado español (EE) como Galiza son protectorados de Alemaña, porque considero que non é correcta. Ante todo, porque o papel do EE e de Galiza non son semellantes dentro da Unión Europea. O Estado español é soberano e ten unha representación directa en todos os organismos da UE e internacionais, mentres que Galiza carece de ambos dereitos, e mesmo as limitadas competencias que lle foron cedidas polo EE foron progresivamente recentralizadas en boa medida dende o golpe de Estado de Tejero e a LOAPA. Esta decisión recentralizadora non foi tomada por Bruxelas senón por Madrid. Ademais, non se pode ignorar, malia que teña os seus problemas, que o EE ten plena soberanía para saír do euro e da UE cando queira, rachando co pretendido protectorado alemá. Malia o cal, ningunha forza política de ámbito estatal con representación no Congreso quere recobrar as competencias cedidas (a plena soberanía), encetando por Esquerda Unida. Como se pretende logo rachar coa dependencia?... Con declaracións?... Puro fume, para aparecer como alternativos ao sistema sen mudar ren.

"Na Galiza, non é Alemaña quen controla a economía nen é o maior beneficiario da renda producida, nen sequera ten un rol importante".

Asemade, na Galiza, non é Alemaña quen controla a economía nen é o maior beneficiario da renda producida, nen sequera ten un rol importante. A este respecto, publicaba hai agora pouco máis dun ano, un artigo en La Región analizando unhas declaracións de X. Manuel Beiras no mesmo sentido que as realizadas por Iolanda Diaz ( http://www.laregion.es/opinion/15885/290/ ). Segundo ambos a culpábel de todo o que pasa na Unión Europea é Merkel, ou sexa, que as clases dominantes de Alemaña son as únicas beneficiadas da crise (axuste), aínda que ás veces se lle faga compartir responsabilidades tamén a Francia. 

Porén ¿é isto certo? Se analizamos os dados dende a entrada na Unión ate a crise, ollamos que os países da periferia meridional medraron máis rapidamente que os do centro da UE. Co axuste o proceso mudou, e a crise bateu con máis dureza na periferia da Unión, facendo valer as clases dominantes do centro da UE o seu poder. Era lóxico, porque tanto Alemaña como Francia, por ser as maiores economías da UE, teñen un papel decisivo nas políticas comúns. Ademais, non o esquezamos, Alemaña forma un bloque de intereses cos Países Baixos, Austria, Dinamarca, Suecia, Finlandia e Luxemburgo. Por este motivo Merkel ten un maior peso nas decisións e responsabilidade nas medidas de austeridade e reaxuste social.  Alemaña Impón normalmente políticas en materia fiscal, de taxas aduaneiras, de criterios financeiros e económicos, de valor do euro, etc. Mais non sempre todo vai por onde quere; lembremos as diferenzas ou matices coas posturas mantidas por outros estados. Como, por exemplo, as do Reino Unido e Francia nos conflitos de Libia e Siria, que impediron unha liña única na UE, ou os debates previos en relación a un acordo de TLC cos Estados Unidos. Alemaña axe en función exclusiva dos seus intereses económicos, ou sexa os da alta burguesía. Non entender que isto sempre vai ser así no sistema capitalista, que prima o lucro e o poder, é non comprender as regras de xogo do momento e o proceso histórico.

"Malia que nas duras negociacións polo reparto da torta, as burguesías “nacionais” mostran as unllas, ningunha abandona a UE, porque seguen facendo bos negocios a costa de espremer ao máximo as clases populares dos seus respectivos territorios" 

Malia todas as limitacións e condicionantes da globalización, a soberanía reside en cada un dos Estados que integran a UE, e se a clase dominante dalgún deles (especialmente os máis grandes, como o Estado español) vise gravemente e definitivamente lesionados os seus intereses, xa se tería botado fóra do proxecto común neoliberal. Non están na UE  por amor ao multiculturalismo, nen por evitar as guerras, abonda ollar como medrou o apoio á inxerencia e á violencia por parte da Unión Europea. Os poderosos non se suicidan como clase. E malia que nas duras negociacións polo reparto da torta, as burguesías “nacionais” mostran as unllas, ningunha abandona a UE, porque seguen facendo bos negocios a costa de espremer ao máximo as clases populares dos seus respectivos territorios (no Estado español só no último ano os millonarios aumentaron un 13%), e cando poden, tamén do resto dos países da Unión. Asemade, contan coa protección imperial para utilizar a presión do poder económico e militar no exterior para impor condicións.  

Se Alemaña exercese un protectorado sobre Galiza e o Estado español sería para obter lucros económicos (digo eu). Mais, se analizamos as grandes empresas foráneas na Galiza, en sectores estratéxicos como o crédito, enerxía, telecomunicacións, comercio, e o sector industrial, ollamos que son sociedades coa matriz en Madrid, algunha en Barcelona, e varias en Francia. Son poucas as empresas alemás no noso país. O propio acontece cos intercambios comerciais que se dan fundamentalmente co Estado español, en moita menor medida con Francia, e mesmo Portugal fica por diante de Alemaña. No económico non se pode falar dun protectorado alemán.

Dirase que aínda sendo esta a situación de Galiza, se o Estado español é dependente de Alemaña, tamén o noso país o será de Berlín. Segundo esta teoría Madrid non sería máis que o centro de operacións de Merkel na península, e nos un vagón da cola. Porén, cando se analizan tanto as empresas con capital alemán, como o intercambio de bens e servizos entre os dous estados, os datos reflicten que Alemaña non ten un papel determinante, que hai outros países que teñen un rol máis relevante ou que conseguen uns maiores beneficios. 

Vexamos máis polo miúdo as relacións económicas entre o Estado español (EE) e outros países da UE. Excluíndo o sector financeiro, con datos do ano 2011, Francia, Alemaña e os Estados Unidos controlan o 40% das filiais e un 50% do negocio de empresas con matriz no exterior do EE. A primeira é Francia e non Alemaña, como era de esperar de ser certas as hipoteses de Iolanda Díaz e Beiras ( http://www.ine.es/prensa/np798.pdf ), e a unha distancia moi grande. Asemade, no sector financeiro, a burguesía española ten unha hexemonía total, especialmente os catro grandes bancos (Santander, BBVA, La Caixa e Popular), que  son os favorecidos polas axudas públicas e o forzado proceso de concentración bancaria en execución (un aspecto importante nun mundo financiarizado). 

"No sector financeiro, a burguesía española ten unha hexemonía total, especialmente os catro grandes bancos (Santander, BBVA, La Caixa e Popular)"

Ademais os investimentos directos doutros países no Estado español eran practicamente iguais aos que este ten investidos fóra. No ano 2011 as empresas españolas tiñan investido no exterior uns 640.000 millóns de dólares, controlaban 4.183 empresas cun volume de negocio de 198 mil millóns de euros e 788.356 empregados/as (un negocio de 101 mil millóns de euros en América e 453.622 empregados/as). O Estado español é o 11º investidor do mundo; non é precisamente a caracterización dun Estado dependente. Claro que neste caso haberá quen inocentemente pensará que estes investimentos no exterior son para favorecer os países “subdesenvolvidos” e poder manter os empregos no Estado español; non por cobiza nen para obter maiores lucros deslocalizando capital e produción. 

No relativo ao comercio exterior de bens e servizos os datos son os seguintes. Os primeiros socios comerciais do Estado español son Francia e Alemaña, moi igualados. No primeiro caso son maiores as exportacións que as importacións, e no segundo ao revés; practicamente se compensan. Non existe, como cando se trata de situacións coloniais e neocoloniais, unha relación comercial de absoluta hexemonía por parte de Alemaña, xa que o comercio so representa entre un 10-12% ( http://www.ine.es/jaxi/tabla.do?path=/t41/a121/a1998/l0/&file=x10032.px&type=pcaxis&L=0 ). Tampouco se pode dicir que o déficit comercial sexa moi importante e indicativo desta dependencia, porque é moito maior con respeito a China, e tamén importante con Rusia e India. Ademais, de ser este un feito determinante, Portugal e Marrocos, cun saldo moi negativo serían protectorados do Estado español.  

Hai quen di que o protectorado se exerce por mor de que Alemaña é o principal acredor da débeda pública do Estado español. Porén, segundo dados de agosto 2011, só un 36,5%  dos acredores da débeda da Administración central eran non residentes, correspondendo un 27% a Francia e un 9% a Alemaña. Cómpre dicir que no ano 2012, a débeda pública representaba o 31% do total, un 29% a das familias, e o 40% a que tiñan as empresas (excluíndo o sector financeiro). Con respecto a un ano antes, a débeda das empresas baixou un 9%, a das familias un 4%, e aumentaba a pública un 20%, ou sexa: asumiamos todos/as a débeda empresarial mentres as familias facían grandes esforzos diminuíndo gastos. 

"Segundo dados de agosto 2011, só un 36,5%  dos acredores da débeda da Administración central eran non residentes, correspondendo un 27% a Francia e un 9% a Alemaña". 

Sobre os préstamos contraídos polo sector financeiro, dáse o dato de 940.000 millóns no terceiro trimestre do ano 2012, 58 mil millóns menos que un trimestre antes. Hoxe o principal acredor o Banco Central Europeo (xa que asumiu o papel do interbancario cando se pechou a billa dos bancos alemás, franceses, etc), aínda que a débeda da banca con esta institución baixou acotío no último ano (por riba do 35%). Por outra banda hai que dicir que a banca do Estado español posúe o 41% da débeda privada e pública de Portugal, amosando o papel que xoga a banca española, como debedora e investidora a un tempo.

Todo reflicte que en realidade as clases dominantes dos Estados da Unión participan asociadas (segundo seu poder) da explotación das clases populares respectivas, e das do resto dos países do mundo e, por suposto, das dos outros estados membros do mercado único europeo. A Unión Europea é funcional dende a súa orixe a este proceso de centralización e concentración do poder e da riqueza, aumentando a estratificación (e desigualdade) entre territorios e clases sociais, que a presente crise (axuste) acelerou. Por esta razón a banca española, que é hexemónica no sistema financeiro do Estado (co que isto significa nun mundo financiarizado) ten débeda coa banca francesa, alemá e italiana, mais ao mesmo tempo é acredora da portuguesa e acaba de absorber a galega, e ten un papel destacado na América Latina, onde obtén inmensos beneficios. 

"Resulta evidente que o papel do Estado español (e da súa burguesía) non é o mesmo que o de Alemaña ou Francia (e  o destes en relación aos Estados Unidos). Mais cando se compara con Galiza (e outras nacións) hai un pulo cualitativo"

A pregunta polo tanto é ¿que países forman parte da orde imperial, aínda que sexa a distinto nivel, e cales están en relación de dependencia, calquera sexa o grao da mesma? Resulta evidente que o papel do Estado español (e da súa burguesía) non é o mesmo que o de Alemaña ou Francia (e  o destes en relación aos Estados Unidos). Mais cando se compara con Galiza (e outras nacións) hai un pulo cualitativo, diferenzador, non só por carecer o noso país de soberanía, non ter representantes nas institucións de goberno da Unión e internacionais, senón porque ademais non ten ningunha posibilidade de transferir os custes da crise á súa periferia, pola sinxela razón de que carece de capacidade (soberanía e poder económico). E isto é o que neste mundo tan complexo e interconectado diferenza aos países que forman parte da estrutura do poder daqueles que están na base da pirámide (mesmo existindo diferenzas entre eles polo grao de opresión e explotación), marca a existencia ou non de dependencia. Un tema tratado por Ruy Mauro Marini na súa obra ( http://www.marini-escritos.unam.mx/ ). Isto tamén é o que acontece nunha empresa, cando se analizan as relacións entre o patrón, directivos, mandos intermedios e a clase traballadora (non sempre o fundamental son as diferenzas de ingresos). 

Esta diferenza cualitativa non é un tema menor, xa que determina a caracterización da sociedade, e resulta esencial para marcar os obxectivos, a folla de ruta e os métodos de traballo. Este aspecto fundamental é o que desdebuxan, pola razón que sexa, Iolanda Díaz, Beiras e a FPG, e todos/as aqueles que secundarizan as contradicións entre Galiza e o Estado español (ou si se quer, para ser máis exactos, as contradicións coas clases dominantes do Estado español). Xa que deste xeito deforman o carácter das contradicións de clase na Galiza, e como, coa globalización neoliberal, clase e cuestión nacional están fortemente asociadas nos países que forman a base da pirámide. Non podo deixar de falar de nación, porque as contradicións non só abranguen as cuestións de clase, senón tamén aspectos tan vitais como a cultura, lingua e identidade colectiva (a nación no seu conceito máis amplo e actual, tan molesto para os partidos sistémicos; e aqueles que se senten parte dun Estado e cultura poderosa, algo que tampouco se pode ignorar, por máis que se pechen os ollos). 

"A alianza de Anova con EU non se xustifica por unha oposición a un imaxinario protectorado alemán, por maior que sexa a hexemonía de Berlín nas políticas europeas, nen tampouco a unha inminente rebelión contra un sistema perverso e explotador".

A alianza de Anova con EU non se xustifica por unha oposición a un imaxinario protectorado alemán, por maior que sexa a hexemonía de Berlín nas políticas europeas, nen tampouco a unha inminente rebelión contra un sistema perverso e explotador. Se así fose, a saída da UE e do euro, e que todos os pobos teñan dereito a decidir sen ningunha precondición o seu destino, comezando polo galego, sería o eixo da súa política, e ademais serían vangarda da mobilización social e laboral hai tempo (non é o caso de EU). Esta alianza ten unicamente contido electoral; foise forxando en función das expectativas partidarias e persoais, beneficiándose do cabreo social contra o bipartidismo e os axustes a prol do capital; non forma parte dunha estratexia de ruptura democrática e liberación nacional e social (analicemos o papel de cada unha destas forzas nos movementos de masas na última década). Mais, aínda sendo deste xeito, e considerando básico o debate no eido das ideas no seo da esquerda, para a formación da conciencia política, entendo que, para acumular forzas, o traballo do nacionalismo nacional popular galego (MNPG) non debe estar virado no fundamental a marcar as diferencias con estas forzas ou en sinalar as súas contradicións. 

Coido que o MNPG debe pensar e axer estratexicamente, refugar o tacticismo, que non a táctica,  para avanzar na construción do poder popular ( http://www.sermosgaliza.com/opinion/manuel-mera/hexemonia-loita-polo-poder/20130729203104017731.html ). O nacionalismo popular débese centrar en superar as súas propias eivas, en fixar con claridade os seus obxectivos, cunha folla de ruta para esta etapa, coherente, clara e debatida por toda a militancia, indicando as fases e metas para a mobilización. Unha praxe que debe medrar en amplitude e eficacia, permitindo aumentar a militancia, a organización e a formación política, e que teña como referencia ás persoas máis acaídas. Un MNPG que analice polo miúdo os métodos de traballo máis axeitados, fuxindo da rutina e do golpe de efecto, aproveitando deste xeito que é a forza social máis numerosa do nacionalismo, a máis dinámica e a que está presente na inmensa maioría das loitas populares. Un MNPG que ademais aprenda da historia do nacionalismo e das clases populares galegas, así como das loitas do movemento obreiro e dos procesos de liberación doutras nacións do mundo. Un movemento nacional popular galego que sexa atrevido, e engada o seu grao de area ás loitas dos precursores (as revoltas irmandiñas do século XV; a Revolución de 1846, a insurrección de 1868 e 1872 en Ferrol; os motíns agrarios contra os trabucos, os foros e os caciques; as Irmandades da Fala e a Asemblea Nacionalista de Lugo; as folgas xerais de 1917 e 1932; a declaración do Estado Galego en 1931; a guerrilla antifranquista; a toma do Santa María en 1961; a protesta estudantil de 1968; as folgas obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo; etc.) 

http://manuelmera.blogaliza.org/