Opinión

Inxerencia xudicial no eido político

Semellan moita casualidade as manifestacións seica espontáneas de cidadáns, así como as de VOX pedindo o fin do confinamento e un governo de emerxencia, a agresividade no Parlamento e de PP+VOX, a saída da CEOE da mesa social, utilizando escusa do acordo con Bildu. E, como recollendo este sentir a imputación pola xuíz do delegado do Governo en Madrid por permitir a manifestación do 8 de marzo, baseado nun informe da Garda Civil ao máis alto nivel, ateigado de trolas, inexactitudes e mentiras, segundo unha morea de medios. E, para manter a presión o cese e dimisión de varios cargos da Garda Civil. Sen dúbida hai vínculos ideolóxicos (tamén orgánicos?) entre todo estes feitos e suxeitos: terán como fin forzar un cambio de governo para impoñer recortes democráticos, laborais e políticos, nunha conxuntura na que se vai decidir quen paga os custes da crise e en que proporción?

Que o poder xudicial, ou unha parte del, aínda que moi centrada na cúpula, o que agrava a repercusión social e política, aposte por esta vía non sería unha novidade. Vexase a súa actitude diante da problemática catalá, en Alsasua, Valtonyc, etc., e a asociación que houbo entre a cúpula xudicial e as forzas policiais e da garda civil en ambos casos, así como a cobertura que lle deron os partidos da dereita (por certo tamén o PSOE que agora pode ser vítima dunha tendencia que arroupou naquel intre). Evidentemente non se pode dicir que todos os xuíces e xuízas teñen esta actitude e que poñan por diante os intereses das clases dominantes e do centralismo, hai excepcións dignas, porén isto non muda a tendencia hexemónica.

Nas últimas décadas en todo o mundo o protagonismo do poder xudicial no ámbito político medrou moito

O certo é que nas últimas décadas en todo o mundo o protagonismo do poder xudicial no ámbito político medrou moito, suplantando en boa medida o papel que tiñan as forzas armadas, moi deslexitimadas despois das masacres das ditaduras militares da década dos setenta para substituír governos que apostan por facer reformas favorábeis ás clases populares. Un exemplo desta actuación xudicial con claro contido político e a utilización do caso AMIA para erosionar a Cristina de Kirchner na Arxentina, ou a sentencia contra Lula da Silva no Brasil para evitar que se presentase de candidato e facilitar o ascenso de Jair Bolsonaro. Ou sexa, a cúpula do poder xudicial xoga cada vez un papel máis activo e determinante na política interna da maioría dos países.

Neste intre todo fai pensar nun salto cualitativo tamén no ámbito internacional, en principio como un privilexio do imperialismo hexemónico. Vexase a validación dunha lei no Congreso de Estados Unidos para arroupar que as persoas e entidades podan presentar causas nos xulgados norteamericanos contra China, como “responsábel” das perdas económicas provocadas en todo o mundo polo covid-19. Non semella unha decisión menor, e China xa se prepara para un novo escenario internacional de guerra fría, de división do mundo, potenciando o consumo e ciclos produtivos internos. Imaxinemos que isto se fixese extensíbel a todos os países, por exemplo polo SIDA que xurdiu nos Estados Unidos. Aínda que o lexitimo sería pedir estas compensacións en caso de invasións, inxerencias externas, bloqueos, sancións, porque neste caso hai unha responsabilidade inequívoca dos governos... Se fose así as potencias occidentais non terían recursos para compensar as reclamacións, mesmo que só atinxisen as últimas décadas.

Sendo a función xudicial tan importante, e estas eivas tan evidentes, non se entende que non estean a debate propostas correctoras ou proxectos alternativos,

As preguntas que xorden diante diante da capacidade coercitiva que ten na sociedade e na política o poder xudicial é a orixe dun comportamento tan ligado aos sectores máis conservadores. Acaso está relacionado coa orixe de clase e o tipo de relacións sociais? Polo tipo de ensinanza? Polo carácter corporativista da institución?... O certo é que a xustiza, e a democracia, está moi condicionada non só polas leis vixentes e os poderes facticos tradicionais, senón tamén por aqueles que a interpretan e executan a lexislación, máxime cando se lles outorga a consideración de decidir o que é licito ou non. Sendo a función xudicial tan importante, e estas eivas tan evidentes, non se entende que non estean a debate propostas correctoras ou proxectos alternativos, como sucede en calquera outra actividade pública. Daquela que a critica sexa considerada case que un delito, e o debate sobre o tema circunscrito a profesionais do sector. Non será hora de que estas institucións como todas as demais teñan portas de cristal, como tanto se lle esixe aos partidos políticos, sindicatos e organizacións sociais? Non facelo pode terminar construíndo, aínda que non se pretenda, parapetos da desigualdade en beneficio das clases hexemónicas e dos centros de poder.

https://obloguedemera.wordpress.com/