Opinión

O interese do governo e da dereita de teatralizar a política

A esta altura habería que se preguntar até que punto a dereita (PP e Ciudadanos) segue un guión propio, centrado na pelexa polo voto coa estrema dereita (VOX), que aproveita unha parte do descontente social pola crise pola pandemia como arma arroxadiza contra o Governo do PSOE+UP. Faino ademais coa cuestión migratoria, como lugar de disputa polo emprego entre os de abaixo con taxas de paro e precariedade tan altas, coas incertezas de subsistencia do pequeno empresario e autónomo por mor da globalización acentuada polo covid-19. A dereita tamén se disputa entre elas aqueles sectores ideolóxicos ligados ao franquismo e a unha evolución histórica que “normalizou” un relato histórico, a imposición relixiosa, cultural e lingüística, que non mudou co réxime do 78. Cuestións que tensan aínda máis o debate, dado a consolidación do soberanismo nas nacionalidades históricas, e do seu papel como corrente a ter en conta na governabilidade neste intre.

A virulencia da dereita tradicional (PP) co Governo de coaligazón debese en gran parte a que o poder económico está preocupado polas as medidas que poda tomar

Agora ben, ademais destes aspectos que son parte do contexto social e político, tal como se comproba na escenificación da confrontación nas institucións, todo fai pensar que a virulencia da dereita tradicional (PP) co Governo de coaligazón debese en gran parte a que o poder económico está preocupado polas as medidas que poda tomar, forzado pola situación laboral e social. Ao gran empresariado e outros sectores do poder tradicional ligados ao Estado non lles é igual que o governo leve adiante iniciativas conxunturais, como os ERTEs e IMV, que mesmo alentan o consumo e a actividade empresarial, que terminen tomando decisións de máis calado que impliquen cambios no reparto da renda e na correlación de forzas. Por exemplo: a derrogación da reforma laboral e de leis que penalizan a loita sindical e social; elevar o salario mínimo interprofesional ao 60% do salario medio; a mellora significativa das pensións e servizos públicos esenciais; restruturación fiscal; república e estrutura confederal; laicismo; democratización do exército e forzas de seguridade e do poder xudicial; potenciar o cooperativismo e a empresa pública...

Todo indica que o forte ataque coordinado da patronal, de estamentos sistémicos, e da oposición política de dereita, está conseguindo resultados, concretamente adiando propostas do programa de lexislatura e conxelando outras. Aínda que seguen temendo que o Governo, a medida que a escusa da pandemia perda peso, e se vexa forzado a derrogar a reforma laboral, para evitar o desprestixio social e o enfrontamento mesmo con sindicatos tan submisos como CCOO e UGT. Este sería un dos motivos que alenta, por un lado, á patronal a non saírse neste contexto das mesas de negociación (xa que ten moito que gañar nos fundos de reconstrución, e permítelles atrancar certos temas), e por outra banda, que os partidos da dereita sigan berrando e patalexando nas institucións nas que participan ou governan. Ademais esta estratexia non lles tivo custe electoral, e freou iniciativas do Governo, aínda que exista o perigo para o PP e os sectores que alentan esta folla de ruta de converter a VOX non só en punta de lanza senón en forza de referencia. Unha estratexia perigosa. 

Para alén das diverxencias entre PSOE e Podemos, semella que existe unha escenificación calculada para manter o respaldo dos votantes máis reivindicativos, por unha banda, e a dos máis mornos pola outra. Unha representación que é moi necesaria para casar o relato de Podemos. Porén todo fai pensar que no esencial ambas partes están dispostas a superar as diferenzas para se manter no governo, co argumento básico de que non poden entregar o poder á dereita, e ás políticas neoliberais, xa que isto nunca llo perdoarían os/as simpatizantes. Hai governo PSOE+UP para toda a lexislatura. Pode subir algo o salario mínimo interprofesional este ano para manter unha actitude homologábel cos pensionistas, funcionarios e a media de subida no sector privado. Mais temas de tanta importancia como a derrogación da reforma laboral que permitirían á clase traballadora e os sindicatos ter maior capacidade para incidir na negociación colectiva, e condicionar o reparto da renda, todo amosa que non se contempla (nos aspectos esenciais, que afectan as regras de xogo), sumando escusas de todo tipo para que o tempo vaia pasando (a pandemia, a crise. Tamén as esixencia sda UE?). Oxalá estea trabucado, porén xa vai un ano, e esta foi a práctica.

Para alén das diverxencias entre PSOE e Podemos, semella que existe unha escenificación calculada para manter o respaldo dos votantes máis reivindicativosPara alén das diverxencias entre PSOE e Podemos, semella que existe unha escenificación calculada para manter o respaldo dos votantes máis reivindicativos

Para dar un salto adiante fai falla sacar a centralidade da actividade política das institucións, os medios e as redes. Cómpre aumentar a masa critica consciente, con mobilizacións nas empresas e o conflito social na rúa, e co debate do proxecto (folla de ruta, obxectivos a medio e longo prazo...).

https://obloguedemera.wordpress.com/