Opinión

A independencia das colonias portuguesas

No Avante, voceiro do Partido Comunista Portugués (PCP), publicábase hai un mes un artigo que lembraba o corenta aniversario da declaración da independencia de Guiné-Bissau, e a elección de Luís Cabral como seu presidente.

No Avante, voceiro do Partido Comunista Portugués (PCP), publicábase hai un mes un artigo que lembraba o corenta aniversario da declaración da independencia de Guiné-Bissau, e a elección de Luís Cabral como seu presidente ( http://www.avante.pt/pt/2075/internacional/126908/ ). É lóxico que o PCP non esqueza esta data, porque no seu V Congreso, no ano 1957, elaborou a súa liña política en relación co colonialismo, defendendo o dereito de cada pobo á autodeterminación, e deixando claro o seu apoio aos movementos de liberación nacional das colonias portuguesas. Ademais, a guerra anti-colonial tivo unha forte repercusión na metrópole a todos os niveis, contribuíndo decisivamente ao derrubamento da ditadura, daquela representada na figura de Marcelo Das Neves Alves Caetano, xa que Salazar morreu no ano 1970. 

"A proclamación unilateral da independencia de Guiné foi realizada o 24 de setembro de 1973 pola Asemblea Nacional Popular, reunida en Boé, no territorio liberado da ocupación portuguesa".

A proclamación unilateral da independencia de Guiné foi realizada o 24 de setembro de 1973 pola Asemblea Nacional Popular, reunida en Boé, no territorio liberado da ocupación portuguesa. “O asasinato de Amílcar Cabral coincidiu, intencionadamente con toda probabilidade, co momento de máximo desenvolvemento militar e político do PAIGC. Xusto cando unha Asemblea Nacional tiña sido elixida por votación directa entre os habitantes das zonas liberadas (...) estaba composta por 120 membros, oitenta dos cales foron elixidos directamente entre os candidatos populares e corenta entre os cadros do Partido” (África negra, dominio blanco; Emilio Menéndez del Valle; Ediciones del Espejo; Madrid 1974). En novembro dese, ano a República de Guiné-Bissau foi recoñecida como membro de pleno dereito da ONU (por 93 votos a favor, 7 en contra e 30 abstencións). Despois da Revolución dos Caraveis, o 10 de setembro de 1974 Portugal recoñecía a independencia de Guiné-Bissau, após máis dunha década de loita armada. 

A economía da Guiné estaba en mans da portuguesa Companhia União Fabril (CUF), que controlaba o comercio exterior, así como o Banco Nacional de Ultramar. Por esta razón había sectores en Lisboa que chamaban a esta loita “a guerra da compañía”. Encol deste tema dinos Emilio Menéndez del Valle: “A CUF ten varios milleiros de empregados, a súa propia frota mercante, industrias secundarias, etc. Por vía da familia Mello, está ligada a outros intereses privados monopolistas en Portugal, tais como a industria do aceiro (...) e con capitalistas estranxeiros en Gran Bretaña, Alemaña, Francia, etc. (...) non era menos a guerra de moitas outras compañías non portuguesas”. A balanza comercial da guineana era deficitaria.

No ano 1950 para unha poboación de 510.000 persoas na Guiné había daquela: “2.263 europeos, 11 indianos, 4.568 mestiços e 1.478 africanos “assimilados”. Mais de um terço destes habitantes concentrava-se no município de Bissau, a capital” (O sistema colonial português em África; Armando Castro; Editorial Caminho; Lisboa, 1980). Estes últimos eran 2.180 unha década antes, o que amosa o fracaso das políticas de alienación practicadas polo colonialismo portugués. 

"Na Guiné comezou a loita armada contra o colonialismo portugués a finais de 1962, e  posteriormente se estendería a Angola e Mozambique no ano 1964".

Na Guiné comezou a loita armada contra o colonialismo portugués a finais de 1962, e  posteriormente se estendería a Angola e Mozambique no ano 1964. É verdade que houbo alzamentos previos en Angola no ano 1961, mais foron precipitados, carentes da organización necesaria e do adestramento axeitado, polo que serían rapidamente esmagados polas tropas coloniais. A Revolución do Cravos  (25 de abril de 1974) permitiría terminar coa guerra e facilitaría o acceso á independencia das colonias africanas (1975), así como a restitución de Macau á China, de Goa e Diu á India, e o inicio do complexo camiño de Timor oriental cara á liberdade, obstaculizado pola pretensión de Indonesia de anexionar esta colonia portuguesa. 

Temos que lembrar asemade ao leitor a captura do barco Santa María por parte dun fato de galegos e portugueses, porque tivo relación directa cos movementos de liberación nas colonias portuguesas. Foi a nosa contribución circunstancial a este proceso revolucionario. “Velo presenta o plan a Galvão tempo despois. O capitán portugués acepta participar nesta terceira Acción [a captura do Santa María]. A escolla dun barco portugués e non español debeuse a que o Santa María era o barco con mellores condicións técnicas dos que chegaban a Venezuela e non á ausencia de pena de morte en Portugal. Galvão fixo dúas propostas: que os comandos portugueses marchasen de Fernando Poo a Angola (e non ao territorio continental de Guinea Ecuatorial) e o cambio de nome da operación, que se debería chamar Dulcinea. Velo, máis interesado en problemas de fondo que cosméticos, aceptou o cambio de nome” (O Directorio Revolucionario Iberico de Liberación -DRIL-; Xurxo Martínez Crespo; www.fesga.org). A captura do barco de pasaxeiros Santa María prodúcese pouco antes de que o MPLA asalte a prisión de Luanda en febreiro, o que amosa algún tipo de coordinación. Outro aspecto a salientar é que esta foi a última acción unitaria importante entre galegos e portugueses, un feito que debería facer reflexionar a máis dun dirixente político e intelectuais do noso país que dan importancia estratéxica (con razón) ás relacións con Portugal.

"En moi pouco tempo as forzas do PAIGC foron quen de conseguir liberar unha parte moi grande do país, malia que Portugal chegou a ter sobre o terreo entre 35.000 e 40.000 efectivos militares"

Mais, neste artigo, para alén de destacar a importancia da guerra anticolonial en Angola,  Mozambique e a Guiné, pretendo centrar a atención neste último país, porque alí o proceso revolucionario tivo na etapa da loita pola liberación aspectos que cómpre salientar, máxime tendo en consideración a súa extensión e poboación. O máis importante é, que en moi pouco tempo as forzas do PAIGC foron quen de conseguir liberar unha parte moi grande do país, malia que Portugal chegou a ter sobre o terreo entre 35.000 e 40.000 efectivos militares, fronte a uns 10.000 guerrilleiros, nun territorio que só abrangue 36.000 quilómetros cadrados no continente (e 570.000 habitantes no inicio da guerra). Trátase dun territorio chairego, onde a actividade militar era favorábel en principio ás tropas portuguesas con maior poder militar. Iso di moito a prol da organización revolucionaria, máxime cando Guiné ten unha enorme diversidade étnica, e mesmo relixiosa, xa que un terzo da poboación era musulmá. Aínda que a loita se librou no continente, unha boa parte dos cadros procedían das illas de Cabo Verde; como era o caso do propio Amílcar Cabral.

Que o inmenso atraso das colonias portuguesas e do propio Portugal era consecuencia dun proxecto económico e social, exclusivamente ao servizo das clases dominantes, reflectiuse en moi pouco tempo en Guiné nas zonas liberadas, malia a confrontación militar. Dinos Basil Davidson sobre este aspecto: “No ano 1965-1966 o PAIGC tinha en funcionamento na Guiné 127 escolas primarias com 191 professores recém formados e 13.361 alunos (...) no ano seguinte estes números tinhan aumentado para 159 escolas com 220 professores e um total de 14.386 alunos (...) Durante 1967, cinquenta enfermeiras, assim como vários médicos completaran cursos na Europa, a maioria na União Soviética (...). Nas regiões libertadas o PAIGC instalara entretanto 6 hospitaís de campo e 120 clínicas e tinha em serviço 23 equipes médicas móveis”. (A Libertação da Guiné; Basil Davidson; Livraria Sá da Costa Editora; Lisboa, 1975). Un terzo dos escolarizados eran mulleres. 

“Nas colonias foi criada uma rede de organizações semimilitares que incluíam o Corpo de Defesa Civil, as tropas de seguranza do Estado e as Milicias Africanas"

Estes avances nas zonas liberadas só foron posíbeis porque no terreo militar o PAIGC estaba en ofensiva e tiña garantía dun control total nesas zonas. Evidentemente isto tamén era posíbel pola axuda dos países fronteirizos (como Guiné-Conakry, e Senegal), había pouco tempo independizados de Francia, e que servían da base segura de adestramento e fornecemento de todo tipo de recursos, tanto para as forzas guerrilleiras como para desenvolver servizos básicos nas zonas liberadas. A situación, contra o que era de esperar, foi favorábel ás forzas de Amilcar Cabral en moitas ocasións, tal como se recolle no seguinte relato: “Os combatentes do PAIGC foram submetidos ás mais difíceis provas em Janeiro e Fevereiro de 1964, quando tiveram de enfrentar 3.000 soldados inimigos. Não obstante a superioridade técnico-militar esmagadora, os Portugueses não conseguiram conquistar a ilha de Como estrategicamente importante, que garantia o controlo do sul da Guiné. Depois de sofrer perdas graves (cerca de 900 mortos) as tropas punitivas foram obrigadas a recuar. Esta foi a primeira grande vitória das forças guerrilheiras” (A África de espressão portuguesa: experiência de luta e de desenvolvimento; Nikolai Zotov, Vladislav Malikh; Edições Progresso; Moscovo, 1990).

Por parte de Portugal empregáronse nesta guerra colonial todos os recursos de que dispuña, ademais do exército. “Nas colonias foi criada uma rede de organizações semimilitares que incluíam o Corpo de Defesa Civil (25 mil homens), as tropas de seguranza do Estado (10 mil homens) e as Milicias Africanas (20-30 mil homens). O governador guineense, General Spinola foi particularmente activo neste sentido. (...) Spinola organizou destacamentos de elite de “comandos” africanos que, com ataques súbitos de helicóptero, desferiam golpes nos destacamentos guerrilheiros do PAIGC. Surgiram destacamentos privados de mercenarios (“flechas”) dos industriais e latifundiários portugueses. Eles adaptariam os métodos de combate anti-guerrilha, estavan equipados com armamento moderno. Tendo en conta a experiencia dos colonialistas franceses na guerra de Argélia (1954-1962). Dedicava-se grande atenção ao traballo sócio-psicológico entre a população local”. (Zotov e Malikh). 

En relación coa adscrición política do PAIGC un dos titulares do seu “Manual Político” resulta  totalmente ilustrativo: “Por que dizemos que os países socialistas são os nossos aliados naturais na luta que travamos contra os criminosos colonialistas portugueses?” (Manual Político do PAICG; Edições Maria da Fonte; 1974). Basil Davidson completa esta visión sobre unha postura de esquerda nas verbas dos propios protagonistas: “O que os dirigentes do PAIGC dizem, com efeito, é que se meteram pela estrada das mudanças estruturais radicais, de política revolucionária adaptada ao contexto do seu país, porque nenhuma outra lhes abria á frente a não ser uma rendição continuada”. 

"O asasinato do seu irmán [Amílcar Cabral] foi organizado pola policía política portuguesa coa axuda de traidores do noso partido” 

Por último, salientar o papel de Amilcar Cabral no proceso de liberación. Foi o fundador en 1956 do PAIGC, xunto a outros cinco militantes máis. Antes de iniciar a loita de liberación percorreu a Guiné durante dous anos. Dirixente esencial, sería asasinado o 20 de xaneiro de 1973 en Conakry (na República de Guinea), despois de manter unha reunion coa FRELIMO (Fronte de Liberación de Mozambique) coa asistencia de Samora Machel. A dirección do PAIGC sería asumida provisoriamente por Arístides Pereira, secretario xeral adxunto do partido. Luis Cabral, que foi o primeiro presidente da Guiné, declaraba que “o asasinato do seu irmán [Amílcar Cabral] foi organizado pola policía política portuguesa coa axuda de traidores do noso partido” (Menéndez del Valle). O asasinato de Cabral coincidiu co momento de máximo desenvolvemento militar e político do PAIGC, e pretendeu polo tanto incidir na correlación de forzas para atrancar o proceso de liberación.

Remato este artigo encol da loita de liberación da Guiné cun texto de Amílcar Cabral que serve de prefacio ao libro de Davidson: “existe uma Carta das Nações Unidas, o direito de todos os povos à autodeterminação, a obrigação por parte da “potência administrativa” de nos conceder a independência. Mas para nós a tal potência administrativa existe ao abrigo dos seus campos fortificados, e apenas administra a sua guerra colonial. Esta potência tornou-se o agressor, o terrorista, o criminoso que tenta praticar o genocídio. É essa a situação aqui, em nada mudada pela morte política de Salazar, mas que, aconteça o que acontecer na vida política de Portugal, só pode evoluir no sentido de libertação total do nosso povo, com ou sem o consentimento prévio do Governo Português”

http://manuelmera.blogaliza.org/