Opinión

Imposto mínimo universal

Segundo o FMI o imposto mínimo universal do 15% que se lle imporía ás multinacionais, con ingresos de máis de 750 millóns de euros, acordado o pasado mes de outubro por 137 países integrados na OCDE e G20, sería efectivo no ano 2023. Esta medida seica aumentaría a recadación fiscal nun 16%, tanto pola imposición directa como por un efecto inducido. A principal novidade é que unha parte do imposto ficaría no país onde residen os/as consumidores, e ademais evitaría o dumping fiscal. Ademais, hoxe a evasión fiscal está á orde do día, e utilizase especialmente polas grandes empresas tecnolóxicas e de vendas por internet, etc. Na Unión Europea o respaldo do organismo a este acordo está paralizado neste intre pola oposición de Hungría e Polonia.

A razón desta proposta impositiva estaría xustificada, segundo o FMI, polo feito de que as multinacionais obtiveron beneficios do 9,2% do PIB mundial en 2019, dos cales unha parte considerábel, preto do 60%, calcula que é un exceso de lucro (sobre explotación, comercio desigual entre países, etc). Ou sexa, a inmensa concentración da riqueza e do poder e aumento da desigualdade entre nacións e clases sociais, polo que non poucas empresas e grandes fortunas séntense por riba mesmo dos intereses estratéxicos da gran burguesía como clase.

Economistas como Thomas Piketty ven esta medida como insuficiente

Agora ben, para alén do relato que se vende polo FMI respecto desta situación, abonda ver o contraditorio que é este respecto das esixencias a axustes que impón nos países aos que realiza prestamos. Daquela que sendo en teoría unha medida positiva a nivel fiscal logo os cálculos destacan que favorece sobre todo ás economías avanzadas, que incrementarían o seu PIB nun 0.9%, prexudicarían aos países que teñen impostos moi baixos (paraísos fiscais), e practicamente non terían ningún efecto sobre as economías pobres e as emerxentes. Iso se debe a que a parte do imposto ligada co país onde se realiza o consumo só sería do 2% dos lucros. E neste caso seica só afecta  ás corporacións que teñen vendas superiores aos 20 mil millóns e un lucro de máis do 10%, excluíndo ás empresas extractivas (petroleiras e mineiras) e de servizos financeiros regulados.

A proposta a simple vista ten aspectos positivos xa que pon freo aos paraísos fiscais, e obriga ás multinacionais a realizar o pago de impostos nos países nos que se presta o servizo. Agora ben, exclúe certas actividades e fixa un tipo impositivo que mesmo é inferior ao que propuña os Estados Unidos. Daquela que economistas como Thomas Piketty vexa está medida como insuficiente, e a Plataforma pola Xustiza Fiscal afirme: “Que se debería chegar ao acordo dunha taxa mundial mínima do 25% calculada sobre todos os beneficios. Coida que só así sería un paso adiante para neutralizar a competencia fiscal e combater a evasión fiscal, e dar unha marxe real aos Estados para financiar os desafíos sociais, ecolóxicos e económicos”.

Dado os países que propoñen esta medida, que son a cabeceira da globalización neoliberal, todo indica que esta imposición fiscal mínima universal, para alén de evitar a evasión impositiva, pretende que o capitalismo central, como clase e evitando a revolta social, manteña o control do sistema en toda a cadea de valor. Resulta evidente que tamén é un paso adiante para garantir que as empresas paguen os impostos correspondentes ali onde realizan as vendas, e rematar coa competencia fiscal á baixa en beneficio das corporacións e grandes fortunas. Esta medida pode axudar como un primeiro paso? Dependerá de cales sexan os mecanismos de control e as pretensións reais das potencias hexemónicas. E tendo en consideración a experiencia previa deberían ser moitas as dúbidas nun tema como este.

E por último. Como afectará esta medida a guerra entre Rusia e a Ucraína (+OTAN), e a confrontación entre bloques cada vez máis definidos?... Dáme a impresión que imos no camiño da desglobalización, do multilateralismo sen pactos, e polo tanto da recuperación das taxas ás importacións e exportacións. E isto terminará por afectar, aínda que sexa en distinta medida, tanto os bens como os servizos, incluíndo os de internet. En ambos casos afecta á globalización neoliberal da que tanto se benefician unhas ducias de empresas que, aínda chamándose transnacionais, residen nas grandes potencias e forman parte do seu núcleo de expansión e control. E isto conta moito, tanto para a disputa entre potencias, como respecto da defensa da soberanía polas nacións subalternas e na loita pola xustiza social, a solidariedade, igualdade, ecoloxía... Todo amosa que ambas alternativas poden convivir nun futuro próximo. Tamén a nacionalización de industrias e servizos esenciais?... este realmente si sería un salto cualitativo. 

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios