Opinión

A importancia do atrevemento nun intre tan complexo

Malia que hoxe se lle bote a culpa de todos os males á inflación, e polo tanto á pandemia, á guerra, e o búmerang das sancións impostas pola OTAN e aliados, feitos que incidiron no aumento dos últimos meses, realmente o crecemento do IPC non é máis que consecuencia dun sistema económico e social que está esgotado e do papel determinante no capitalismo da especulación financeira. Así como da concentración e centralización cada vez maior do poder e da riqueza nas grandes potencias e nas corporacións internacionais. E, estas eivas e atrancos non se van solucionar apropiadamente se todo se reduce a dar pulo aos cambios tecnolóxicos, e repetir mediante un pacto social ou mecanismos coercitivos un reparto dos custes que manteña vixente a desigualdade entre territorios e clases sociais, impondo a lei do máis forte.

A actual confrontación entre Rusia e Ucraína (+OTAN) é expresión desta loita polo reparto entre as potencias hexemónicas e as emerxentes, neste caso utilizando á Ucraína como carne ce canón (por que o Goberno deste país se prestou). Calquera que sexa o vencedor, aínda que todo apunta a que o multilateralismo terminará impoñéndose máis cedo que tarde, non haberá un escenario de paz, porque fica pendente un mundo máis xusto, e iso implica solidariedade e un papel igualitario na cadea de valor entre países, o dereito á autodeterminación, así como o remate da explotación das clases populares e moi especialmente da clase traballadora. Daquela que neste intre sexa fundamental o NON á GUERRA e á OTAN, a ser solidarios coas persoas directamente afectadas, así como clarificar quen a provocou e que se xoga a humanidade neste conflito.

O central para as clases populares, e para os países dependentes, segue sendo a loita a prol da soberanía e dun reparto xusto da riqueza producida

Mais, para alén destas cuestións tan dramáticas no ámbito internacional (tamén en Siria, Palestina, libia, Iemen, Sáhara, etc.) o central para as clases populares, e para os países dependentes, segue sendo a loita a prol da soberanía e dun reparto xusto da riqueza producida, e unhas condicións laborais dignas (a cuestión ecolóxica, a igualdade de xénero, etc). E nestes aspectos, e neste intre en concreto, o aumento do custe da enerxía e de bens esenciais, cunha inflación do 9,8% no mes de marzo en termos anuais, xunto co deterioro das prestacións en materia de sanidade, e outros temas económicos e sociais, crearon un estado de animo na sociedade galega que favorece a resposta social, malia a desinformación e manipulación dos medios de masas controlados polo sistema.

E neste sentido cómpre valorar como moi positivo o esforzo que nos últimos anos ten realizado a CIG para converter en reclamación e protesta pública a loita contra os peches, redución de cadros de persoal, ou pola mellora das condicións laborais nos convenios. Ademais de dar prestixio á central (e ao nacionalismo galego de esquerdas) esta mobilización constante, mesmo nos momentos con maiores atrancos, como a pandemia, especialmente cando superaba o conflito concreto de fábrica ou sector, permitiron manter viva na práctica os obxectivos da clase traballadora galega: xustiza social e soberanía nacional.

E neste mesmo senso coido que a manifestación do BNG, do pasado domingo en Compostela, na que a fronte nacionalista convocou aos sectores populares afectados pola crise foi unha contribución importante e todo un éxito. Por tres razóns: porque permitiu que estes sectores non só participasen da marcha senón tamén das intervencións finais, co que isto implica de socializar o protagonismo; porque, malia a actitude dos medios sistémicos, asistiron máis de tres mil persoas, o que amosa que existe un estado de animo a prol da mobilización das clases populares; e ademais, porque asocia á organización política de referencia do soberanismo galego cos problemas cotiás da xente, non só no discurso e nas intervencións no Parlamento, senón na mobilización social tomando a iniciativa. Vivimos momentos complexos, o sistema ten unha inmensa hexemonía nos medios de comunicación, a esquerda está debilitada e fragmentada no mundo, e polo tanto a construción de alternativas de poder non é doada,... nunca o foi... máis é posíbel.

https://obloguedemera.wordpress.com/