Opinión

Iglesias retrata Podemos no futuro governo

Todas as enquisas reflicten que o 26-X non vai traer cambios significativos nos resultados electorais, a non ser a modificación que colocaría Unidos-Podemos en segunda posición, que todas as enquisas prognostican. Un cambio cuantitativo que é consecuencia da suma dos votos de IU a Podemos e do sistema electoral vixente. Porén, non é esta a única mudanza significativa, nen a máis transcendental dende o punto de vista do papel que pode xogar esta forza no futuro. Ten moito maior releve que Pablo Iglesias, e outros referentes do partido do círculo morado, coa evidente intención de atraer un electorado máis moderado, disputándolle o espazo ao PSOE, poñan como exemplo o Governo de Zapatero, convertan o comunismo nunha reliquia, rexeiten ser unha forza anti-sistémica, e deixen o dereito a decidir nun segundo plano. 

Estas non son declaracións espontáneas, nen esquecementos casuais, senón parte dunha estratexia calculada, xa que son reiterativos. Todo indica que teñen como finalidade deixar de lado compromisos que poden ser un lastre para as alianzas pos-electorais, e pretenden restar corpo a unha hipotética oposición frontal da gran patronal e da Unión Europea. É unha viraxe a dereita co obxectivo de governar como sexa, espallando por debaixo a idea de que unha vez no poder faranse os cambios necesarios e arelados pola maioría, e que as cesións na mensaxe non son máis que tácticas, un paso atrás para coller forza e garantir avances posteriores. Axuda a consolidar esta interpretación, aínda que choque coa mensaxe actual de Podemos, que nas formas, siga a manter comportamentos que rachan cos que son tradicionais nos partidos sistémicos. Así como que, amplos sectores da sociedade, especialmente das chamadas clases medias, procuren cambios inmediatos nos que se reivindican como actores centrais, condicionando as prioridades. Tamén dá folgos a esta tendencia, o enorme protagonismo que ten na estratexia da esquerda estatal e do nacionalismo popular a xestión das institucións. Así como, para alén do defensivo, o retroceso da mobilización sindical reclamando a erradicación da explotación de clase e da opresión nacional nas nacións dependentes.

Estas non son declaracións espontáneas, nen esquecementos casuais, senón parte dunha estratexia calculada 

Debullemos tres declaracións de Pablo Iglesias que teñen moita miga polo seu contido, porque retratan a liña de Podemos. A primeira delas, que está en todos os xornais estes días: “Teño moita admiración por Zapatero, coido que é o mellor presidente da democracia”. Para alén de que, non hai tanto, dixese todo o contrario, e que acusase o PSOE de ser parte da casta, o certo é que dun día para outro bota terra sobre o feito de que durante o governo de Zapatero fixéronse dúas reformas nefastas para as clases populares, como son a laboral e a das pensións, que foron contestadas con  senllas folgas xerais na Galiza. Se Zapatero é o exemplo a seguir por parte dun executivo presidido por Podemos ou no que participe, asumiríase a súa deriva no laboral e social? Tamén sería o modelo en relación coa OTAN, os tratados de libre comercio, a eurozona, e a cuestión das nacións dependentes? Ademais, o movemento do 15-M, que seica reivindican, non foi unha revolta en contestación á situación económica e social durante o governo de Zapatero? Hai tan pouca memoria, ou a interpretación dos feitos e do papel dos suxeitos político-sociais axústase aos obxectivos do momento ligados ao acceso ao poder?

Se Zapatero é o exemplo a seguir por parte dun executivo presidido por Podemos ou no que participe, asumiríase a súa deriva no laboral e social?

Do mesmo ton é a contestación que Iglesias deu a un xornalista na radio COPE, tamén nesta campaña electoral. O secretario xeral de Podemos afirmou: “que ser comunista está moi ben para os debates de doutorado, porén para governar un estado da Unión Europea o máximo ao que se pode optar é á socialdemocracia”. Esta contestación coincide coa afirmación a respeito de Zapatero e coa procura de ocupar o espazo do PSOE, porén ten ademais un nesgo ideolóxico de máis fondura, porque coloca o comunismo como unha utopía irrealizábel, e marca como obxectivos a conquistar aqueles que están no marco das liñas vermellas da Unión Europea. Da mesma UE que impón as medidas regresivas en materia social e laboral, que alenta a privatización dos servizos públicos, que colabora cos Estados Unidos na agresión a Siria, e que negocia tratados de libre comercio en segredo, ás costas dos parlamentos, e dando en cambio ampla participación aos lobbys empresariais. O que define un proxecto político e os seus dirixentes, non é o que foron, nen o que consideran ideal, senón aquilo polo que apostan na súa práctica política cotiá e o grao de coherencia co programa que din defender. E a socialdemocracia, dende a súa ruptura hai un século, foi derivando a dereita ate ter como representantes significativos figuras como a Schöder, Tony Blair, Hollande, etc. que destacaron polos recortes sociais e laborais en beneficio do capital, e polo seu militarismo.

A última mensaxe que vou debullar é que no seu discurso en Palma de Mallorca, Pablo Iglesias declarou que: “somos os defensores do sistema; anti-sistema son os que teñen contas en Suíza”. Esta valoración ignora a loita de clases, e iguala os que combaten contra un sistema inxusto, cada vez máis depredador, con aqueles que utilizan ese mesmo sistema non só para explotar e oprimir senón ademais para realizar actividades especulativas e fraudulentas. Unha corrupción alentada por un trato vantaxoso ás grandes empresas, polas portas xiratorias, pola xestión privada dos medios públicos. Ou sexa, por un sistema, o capitalismo, que alenta o individualismo, o ascenso social mediante o enriquecemento utilizando calquera método (abonda ver o que auspician series e programas nos medios). O capitalismo é funcional á corrupción, e nuns casos legalízaa e noutros conséntea (por exemplo cubrindo a desfeita dos bancos con cartos públicos, ou aceptando os paraísos fiscais). A disciplina económica e social exércese cun marcado carácter de clase, e imperialista, polo que se aplica con máis severidade aos de abaixo e ás nacións oprimidas. Abonda con considerar as condenas por roubar millóns no mundo empresarial e as que se aplican a quen participa nun piquete de folga.

O capitalismo é funcional á corrupción, e nuns casos legalízaa e noutros conséntea

Con esta mensaxe, Pablo Iglesias, ademais de contribuír a reciclar a imaxe dun sistema desprestixiado pola desigualdade, as guerras, a desfeita ecolóxica, etc. pretende condicionar a folla de ruta, dando como única vía practicábel aquela que hipoteca calquera cambio de fondo. A Unión Europea non é transformábel, pola súa propia construción e obxectivos, tal como amosa o seu desenvolvemento, a perda de protagonismo dos parlamentos electos e o control da mesma polas corporacións e unha burocracia ao seu servizo. Esta mensaxe restritiva de Iglesias, que desbota calquera cambio real a prol das clases populares, que se terían que conformar con evitar as situacións de marxinalidade, represión sistémica e desfeita ecolóxica estrema, coincide coa folla de ruta que se marcou Syriza, con consecuencias políticas e sociais tráxicas para o povo grego. Son cambios que non son abondo, e todo indica que ademais os donos dos cartos non están dispostos a aceptar, nun contexto no que coidan que a correlación de forzas lles é moi favorábel. 

Os nacionalistas galegos que optaron por esta vía contribuíron a que rexurdise a socialdemocracia para cumprir con maior eficacia seu papel no sistema

Pablo Iglesias reconverteu, co consenso da cúpula de Podemos, un proxecto que presumía de loitar contra a casta e que denunciaba a fraude da transición, nunha forza que agora reivindica unha actualización daquel proceso (condicionado polos poderes fácticos para garantir os intereses do capital e do centralismo español). Unha forza que quere copar o espazo e o papel que cumpriu a socialdemocracia de Felipe González e de Alfonso Guerra. Que moitos simpatizantes aínda non o vexan é compresíbel, dada a polarización do debate coa dereita e a rapidez dos cambios no programa e na mensaxe, e a hexemonía mediática da gran burguesía. Agora ben, os dirixentes políticos das confluencias non teñen xustificación algunha para non denuncialo ou cando menos afastarse desta deriva. Este é o caso daqueles que, como Anova e as mareas, trabucadamente viron nesta folla de ruta un camiño que permitiría dar un pulo cualitativo ás reivindicacións nacionais e sociais. Os nacionalistas galegos que optaron por esta vía contribuíron a que rexurdise a socialdemocracia para cumprir con maior eficacia seu papel no sistema, e manter a explotación laboral e a subordinación das nacións periféricas a España. Unha socialdemocracia que verniza o centralismo cun estado plurinacional mais sen que este recoñecemento implique propostas prácticas, que permitan rematar coa opresión e a desigualdade no económico, cultural, etc. O táctico sempre responde a unha estratexia, nunca é circunstancial na política, máxime cando forma parte dunha deriva consolidada no tempo. As únicas preguntas sen resposta neste aspecto son, ate onde chegará a viraxe cara o sistema de Podemos? Cando van prescindir no programa do dereito a decidir? E se unha parte do nacionalismo seguirá pondo os escanos por riba das ideas, mesmo a costa da xustiza e da soberanía?

http://manuelmera.blogaliza.org/