Opinión

Horas extras e ignorancia interesada

Os medios de comunicación destacaban hai uns días que os dirixentes dos dous principais sindicatos estatais afirmaban en senllos comunicados que o número de horas extras realizadas en negro impedía crear miles de postos de traballo. Para facer esta valoración, tanto CC.OO. como UGT utilizaban unha Enquisa da Povoación Activa (EPA), segundo a cal dos 5.800.000 horas extras que se realizaban á semana en todo o Estado español, a metade non se pagaban (para 16 millóns de asalariados/as). A denuncia que realizan estas centrais ten toda a xustificación do mundo, é correcta. Agora ben, hai dous aspectos que restan valor a estas valoracións, e que reflicten que moitos/as dirixentes sindicais (e políticos) están nas verzas, ou prefiren estalo antes de confrontar cunha realidade, que lles esixiría medidas máis contundentes como resposta.

Primeiro, non deberían obviar que o número real de horas extras realizadas e non pagadas (e polas que tampouco se cotiza á Seguridade Social), multiplica en moito o que recolle a EPA. Todos e todas os que temos un mínimo de relación co mundo do traballo sabemos que hai sectores enteiros da economía, moi intensos en man de obra, cando menos na Galiza, onde a realización de horas extras é unha imposición previa para acceder ao traballo. Por exemplo, na hostalaría, talleres, construción, etc. Son sectores nos que se fan un mínimo de dúas ou tres horas extras ao día e, nalgúns sectores como a hostalaría, trabállanse seis días á semana. Hai pouco un hostaleiro botaba peito, como empresario modelo, porque no seu bar as camareiras/os facían unha xornada semanal de “só” 56 horas  e gañaban 900 euros ao mes. 

O número real de horas extras realizadas e non pagadas (e polas que tampouco se cotiza á Seguridade Social), multiplica en moito o que recolle a EPA

 

Esta é a realidade. Evidentemente esta situación afecta sobre todo, aínda que non exclusivamente, a traballadores e traballadoras con contratos temporais e a mocidade. Mais non se trata dunha cuestión de idade, senón dunha adaptación das condicións laborais á globalización neoliberal. Por tanto, quen agora teñen este tipo de condicións con 35 anos ou 40 anos seguiranas tendo con 45 ou 50, dentro dunha década. A menos que a loita sindical e política reverta a situación. Xa que logo, quen analice este retroceso como unha cuestión xeracional ignorará o aspecto esencial: que as xornadas sen salario son a punta do iceberg das novas relacións laborais que quere impoñer o capital, aproveitando unha correlación de forzas favorábel (caída da URSS, revolución informacional, deslocalización empresarial, mundialización da man de obra de reserva, etc). Un cambio que suma á diminución dos salarios e aumento da xornada o medre dos ritmos de traballo, a fraude dos contratos de aprendizaxe, falsos autónomos/as, etc.

As xornadas sen salario son a punta do iceberg das novas relacións laborais que quere impoñer o capital

 

O segundo aspecto ao que quero facer mención é que toda/o sindicalista, comezando polos dirixentes, deben coñecer e recoñecer cales son as condicións laborais, sector a sector, e a súa evolución, para poder planificar a súa transformación. Abondaría con que existise unha relación fluída cos delegados e delegadas. Quen mellor ca eles/as como termómetro sobre os salarios, horas extras, xornada, e estado de ánimo da clase traballadora? Descoñecer a realidade laboral por parte dun/dunha dirixente sindical non ten xustificación, e reflicte desleixo e rutina, burocratización.

Ademais, non se pode ignorar, que no relativo ás horas extras sería imposíbel unha fraude tan grande se as sancións fosen máis fortes (mesmo de prisión) e se a administración non pechase os ollos diante da patronal que non cumpre coa lexislación. Con esta colaboración perversa e ilegal, exprópiase parte do esforzo laboral realizado pola clase traballadora, lesiónase o cobro das futuras pensións, e réstanse ingresos ao sistema da Seguridade Social para facer fronte ás xubilacións actuais. É a lei da selva, dentro dunha orde que favorece sempre aos máis ricos, aos poderosos. 

De se cumprir a lexislación laboral, xeraríanse miles de postos de traballo, e reduciríase a porcentaxe de desemprego a cifras moi baixas

 

De se cumprir a lexislación laboral, xeraríanse miles de postos de traballo, e reduciríase a porcentaxe de desemprego a cifras moi baixas. Asemade, eliminando parte do diferencial que hoxe existe con outras actividades mellor pagas e menos penosas, se contribuiría a que a vida da clase traballadora nas actividades máis duras (construción, limpeza, etc) se prolongase por máis anos. Unha persoa que traballe de peón da construción ou na limpeza vive de media oito anos menos que unha que exerza como contábel, enxeñeira ou médica. Dureza da actividade laboral e horas extras a esgalla son a razón principal. No centro do problema están os salarios, a xornada e a intensidade do traballo. Por esta razón os ingresos do capital representan unha parte cada vez maior do PIB, e conséguese a mesma produción que antes da crise, cunha menor man de obra e, en aparencia, menos horas de traballo (declaradas).  

http://manuelmera.blogaliza.org/