Opinión

Hai quen lle chama unidade á renuncia de obxectivos

Coido que é incorrecto que os partidos que se opoñen ao sistema agochen as súas siglas, ou que dilúan o seu programa.

Coido que é incorrecto que os partidos que se opoñen ao sistema agochen as súas siglas, ou que dilúan o seu programa. E aínda máis, que sexan substituídos por grupos de persoas que se unen conxunturalmente, por exemplo a través dun manifesto e dalgún acto circunstancial. Unha práctica política que neste intre semella que abonda para confirmar os promotores nada menos que como representantes fidedignos da cidadanía, e darlles atribucións para ditar aos partidos e organizacións sociais o camiño a seguir. Mesmo hai persoeiros que se colocan por riba de todos, como é o caso de Beiras, que se proclama (co eco dalgún medio) como o salvador da unidade, xa que coa súa candidatura metería en cintura forzas tan diverxentes como o BNG e Podemos. E asemade, dende Anova teiman na idea de que seica coas mareas como referencia acadaríanse uns resultados extraordinarios, esquecendo, por exemplo que o BNG sumou 200.000 votos nas municipais, a súa historia, a súa militancia, e que tería cando menos o mesmo dereito en reclamar ese papel. 

A idea que están transmitindo estas fórmulas emerxentes, co apoio dos medios hexemónicos, é que ningún dos partido antisistémicos existentes serven ao povo

Dar por exemplares este tipo de estruturas “organizativas”, e estas análises simplistas, que todo o fían ao electoral e ao acordo entre personalidades, ou á figura do “salvador supremo”, sementa ideas trabucadas nas clases populares, dando pulo aos atrancos para a súa organización efectiva e mobilización. Daquela que non sexa casualidade que estas iniciativas, que segundo os seus impulsores teñen como finalidade denunciar a corrupción e o servilismo dos partidos ás clases dominantes, despois dun primeiro momento nos que golpearon o bipartidismo, agora tamén están a desmobilizar aos que loitan contra o sistema e a dependencia (a unha parte deles). Polo tanto, son os partidos sistémicos os que primeiro están a recuperar espazo político. É así, porque a idea que están transmitindo estas fórmulas emerxentes, co apoio dos medios hexemónicos, é que ningún dos partido antisistémicos existentes serven ao povo, e que polo tanto deben ser os cidadáns a través de novos instrumentos os que muden a realidade. Porén, este discurso non vai acompañado dunha alternativa mobilizadora e organizativa comparábel á que queren suplantar, xerando un baleiro político que atinxe especialmente á clase traballadora. No fío desa análise simplista, aos partidos existentes resérvaselles o papel de segundóns, o de apoiar coa súa militancia as candidaturas que estas plataformas ou fórmulas emerxentes decidan. Ou sexa, no estremo desta teoría, os partidos non valen máis que para o traballo duro, perderon toda funcionalidade de dirección e (afírmase mesmo) só poñen atrancos. Por exemplo, preguntado polos xornalistas antes do chamado 2º Banquete de Conxo (que nesta reinterpretación, non fixo dos obreiros a parte esencial), X. M. Pereiro dicía: “Xavier Vence", o voceiro nacional do Bloque, "está a falar moito de partidos e pouco de xente" (Galicia Hoxe do 22 de agosto). 

Neste intre xa temos na Galiza máis de media ducia destas plataformas, nas que unha ringleira de figuras máis ou menos mediáticas semellan querer coller o relevo dos dirixentes políticos e sociais, non na mobilización e na loita cotiá contra o sistema e a dependencia, senón na presenza pública, así como na formulación dos obxectivos e da folla de ruta, nos actos simbólicos e na representación institucional. Chama a atención que clase obreira, labregos/as e mariñeiros/as son a excepción nestas plataformas, malia ser a maioría social que eles din representar de xeito exemplar. Algo que debería levalos a ter un discurso máis modesto, máxime cando nas xuntanzas a asistencia non é destacábel. Claro que cando se xuntan 200 coidan que é un éxito, xa que se trataría de persoas cualificadas. Unha valoración que non se emprega para un acto con mil obreiros/as ou labregos/as.

O preocupante é que a maioría dos partidos na Galiza (nacionalistas, galeguistas ou da esquerda e do progresismo estatal) apoian algunha destas plataformas cidadás que relegan publicamente o papel destas forzas

O preocupante é que a maioría dos partidos na Galiza (nacionalistas, galeguistas ou da esquerda e do progresismo estatal) apoian algunha destas plataformas cidadás que relegan publicamente o papel destas forzas. Sen dúbida, para as pequenas organizacións é unha oportunidade para ampliar a súa incidencia e base. Procuran por este medio saír do seu illamento. Porén, hainas que se sumaron ao espontaneísmo malia ter milleiros de afiliados/as e unha unha presenza significativa nas organizacións sociais e sindicais. Neste último caso é preocupante porque reflicte que non se confía abondo na propia militancia, ou que teñen algo do que se arrepentir, ou sinxelamente que buscan un atallo electoral á marxe do debate das ideas, da mobilización e da organización (copiando o camiño inicial de Podemos e das mareas). Tamén hai correntes que perdendo a batalla interna usan a presión exterior para torcer as decisións partidarias da maioría. Fose cal for a razón, o certo é que amosa pouca confianza nas propias forzas e no proxecto que se defende. Así de claro, disfrácese despois como se queira. Non se pode argumentar a participación do povo como unha novidade, porque hai forzas que historicamente fixeron asembleas abertas para debater as súas propostas.

Tampouco é secundario que estas plataformas, que queren marcarlle a estratexia aos partidos, partan de obxectivos xenéricos, que son un retroceso tanto no nacional como no social. Dise que para garantir a unidade, que se converte así no ben máis prezado. Deste xeito, unha candidatura nacional galega, para a defensa da soberanía, pode estar integrada tanto por partidos que responden exclusivamente a unha dirección nacional como a unha estatal; abonda con recoñecer un ambiguo dereito a decidir (cando? como?...), e a autonomía dun hipotético grupo parlamentar (e se non se acada grupo propio?). Mesmo aquelas organizacións que, tendo unha dirección galega, renuncian á pelexa pola soberanía neste intre (din que non é unha cuestión principal, restando valor á loita por ese dereito), serían parte da candidatura unitaria. A pregunta é: como se pode garantir a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, que é a finalidade destas candidaturas, por parte de organizacións que dependen dunha dirección foránea ou que coidan que este non é un tema principal?  Perdeuse toda capacidade crítica! Unha proposta deste tipo non permite avanzar na construción da conciencia colectiva, xa que a soberanía formúlase en abstracto, polo que sería un retroceso estratéxico para o chamado no seu día movemento nacional popular galego, ou o que del queda. 

De se aceptar esta práctica, os partidos terminarán baleirados de funcionalidade e contido, e as súas direccións presas do tacticismo, dependentes de alianzas conxunturais e de persoeiros

De se aceptar esta práctica, os partidos terminarán baleirados de funcionalidade e contido, e as súas direccións presas do tacticismo, dependentes de alianzas conxunturais e de persoeiros (algúns potenciados polos medios hexemónicos). Carecerán de capacidade para decidir a súa liña política nas institucións, e por extensión, estarán eivados para se mobilizar e facer política propia neses temas. Mesmo supondo que a “unidade” se limite ás Cortes, debo lembrar que esta institución ten capacidade de decisión sobre a maioría das competencias que nos afectan. Daquela que sexa fundamental que calquera apoio a unha candidatura unitaria se constrúa arredor dun programa e dunha folla de ruta definidos. Dunha alternativa de loita pola soberanía, a xustiza social e a democracia popular, e mecanismos de control político para que se cumpra. Asemade, non se pode esquecer, que hai un salto cualitativo entre un acordo entre forzas políticas, que sería o lóxico, a que estas apoien unha plataforma de cidadáns. Daríase o paradoxo de que habería partidos que terían unha militancia que multiplica por dez ou vinte os integrantes destas plataformas nacidas na conxuntura e cun grao de activismo mínimo, mais que serían a cerna da candidatura. Non é algo sen valor, xa que serían as que decidirían sobre o cotiá e terían control do hipotético grupo nacional galego nas Cortes. 

Non contar con deputados/as nas Cortes pode ser unha limitación, un paso atrás. Mais apoiar representantes elixidos arredor de propostas ambiguas, que funcionan por libre e non teñen obrigacións concretas cos votantes, e coas organizacións políticas que lles deron arroupe, pode ser un suicidio para estas últimas. Que partido pode regalar deste xeito o traballo da súa militancia e os votos resultantes, e ademais ficar eivado nese eido de traballo político ou abrir unha fronte de conflito neste tema? A unidade sempre é un medio que debe estar presente nas tarefas cotiás, mais ao servizo do proxecto político. A menos que partamos da idea de que xa non hai alternativas liberadoras, que do que se trata é de xestionar o sistema, e que neste aspecto uns pódeno facer mellor que outros. Mais esta teoría choca cun mundo onde sobrancea a explotación e a opresión, a desfeita dos ecosistemas, os graves problemas demográficos, a lei da selva, a destrución de culturas e linguas, etc. e a incapacidade do reformismo, en todas as súas variantes, para lles dar solución. Unha reflexión final: os procesos de converxencia electoral conxunturais poden sumar, mais tamén poden restar.

http://manuelmera.blogaliza.org/