Opinión

Hai máis dun camiño para a saída da crise

O Banco de Francia estimou que o PIB da nación baixou nun -6% no 1º trimestre do ano, e espera ca caída sexa de dous díxitos no 2º, e con toda seguridade farano en igual ou maior medida o resto dos estados que integran a UE, e moitos outros no mundo. O BCE considera que a UE non volverá ao crecemento até o 2022 e a OMC valora que este ano o comercio internacional reducirase entre un 13% e o 32%. A esta altura aínda non temos dados de Italia e o Estado español mais, por pura lóxica, os resultados económicos deberían ser semellantes ou máis negativos que os de Francia, téñase en consideración a importancia do turismo e restauración en todos estes países, sectores que co confinamento están invernando e todo amosa que serán os últimos abandonar esta situación.

Todas estas medidas de seguridade manteranse en maior ou menor porcentaxe durante meses

No mellor dos escenarios, naquel que non se reavive a pandemia, o confinamento manterase até mediados de maio como mínimo; mesmo que os sectores de primeira necesidade non paren, e que a actividade industrial e da construción se reactive axiña. E as limitacións para realizar reunións e actos públicos seguirá por moito máis tempo, incluíndo os bares, restaurantes, deportes,... así como o distanciamento entre persoas e na mobilidade. Todas estas medidas de seguridade manteranse en maior ou menor porcentaxe durante meses; cando menos até que o virus estea eliminado e exista unha vacina. Temese que o Covid-19 poda retornar a primeiros de outono, como algúns especialistas sospeitan. O efecto sobre o turismo e as viaxes durará anos, se é que algunha vez volve a ser como foi na etapa pasada.

Os custes económicos do  Covid-19 serán moi fortes, o FMI valora que tres puntos de perda no PIB por cada mes no que as actividades non esenciais están paradas. Mais superar estes efectos será menos doado se non se realiza unha reflexión profunda sobre os motivos que favoreceron a rápida extensión da pandemia, e se toman as medidas axeitadas a medio e longo prazo para responder con maior efectividade ao virus. Polo tanto, non se trata só de volver á actividade “normal” senón, e moi especialmente, cómpre transformar o noso modo de vida, superar a globalización neoliberal, o imperialismo da nosa época, que tanto favoreceu a propagación do Covid-19, a precariedade laboral e desigualdade social, a dependencia e destrución de nacións, a desfeita ecolóxica, a especulación..

.Non se pode esquecer, unha vez pasados os momentos máis tráxicos, que a pandemia reflectiu a importancia dun sector público forte para a protección social e do tecido empresarial. Tamén deixou en evidencia a necesidade dunha distribución territorial da povoación equilibrada, da revalorización do ecosistema e do medio rural, dunha potente produción localizada e diversificada do sector primario e industrial e da investigación,  da racionalización dos desprazamentos (con todo o que implica no ámbito empresarial e no tipo de ocio), e do valor da soberanía nacional. Agora ben, estes cambios son imposíbeis sen un reparto xusto do traballo e da riqueza entre clases e entre países, que permita superar un sistema sustentado na cobiza imperialista, e polo tanto consubstancial coa explotación das clases subalternas e a opresión dos países dependentes, e a desfeita dos ecosistemas.

As achegas para as familias carentes dos recursos nesta situación de emerxencia polo Covid-19 son necesarias

Daquela, as achegas para as familias carentes dos recursos nesta situación de emerxencia polo Covid-19 son necesarias, e deben ser as suficientes para superar o período de confinamento. Trátase dunha situación excepcional e como tal debe ser vista, e iso marca un xeito de proceder especifico en materia de axudas públicas. Outro tipo de achegas merecerían un maior debate. Hoxe temos as prestacións por desemprego e as axudas contra a pobreza e exclusión. En todo caso para alén das prestacións por desemprego, o lóxico sería que houbese axudas económicas que garantiran un ingreso mínimo até lograr a plena reinserción laboral, a cambio de participar en cursos de formación e realizar traballo social, ou sexa, achegas ligadas ao esforzo persoal. E, para evitar o efecto chamada que se esixise un período mínimo de residencia (tres ou cinco anos). Todas estas serían axudas públicas transitorias e así se deberían presentar, porque o obxectivo é acadar o pleno emprego e unha sociedade máis igualitaria (redución da xornada laboral, salarios dignos, servizo e prestacións públicas óptimas, e unha fiscalidade progresiva).

Son momentos nos que as contradicións estanse a agudizar moito, deixando en evidencia as eivas do capitalismo, os efectos perversos da globalización neoliberal, daquela que estean dispostos a facer concesións momentáneas para garantir o consumo das familias, e sobre todo para que lles sirvan como escusa para salvar con cartos públicos ás empresas privadas. Polo que será un proceso complexo no económico, político e social, no que están abertos varios escenarios. Son polo tanto tempos para a loita das ideas, para sementar no imaxinario colectivo, con argumentos, unha folla de ruta para saír da crise, superar o capitalismo, construír unha Galiza soberana, democrática e popular. 

https://obloguedemera.wordpress.com/