Opinión

Guerra na Ucraína, un salto cuantitativo e cualitativo

A decisión de Rusia de chamar filas a 300.000 reservistas para poder enfrontar con éxito a campaña militar que está desenvolvendo en determinados territorios da Ucraína era unha resposta necesaria, que se deveu producir hai un ou dos meses. Máxime tendo en consideración as modificacións que se foron producindo na correlación de forzas sobre o territorio en disputa, e cando se reafirma unha e outra vez por parte da OTAN/G-7 que a única saída ao conflito a rendición da Federación Rusa. Ao que cómpre engadir que as forzas da Ucraína seica triplican en número ás da “Alianza” (Rusia, repúblicas o Dombass, Chechenia, etc), e que os envíos de armamento, adestramento de tropas, información militar sensíbel, e mandos no teatro de operacións do “bloque occidental” non deixaron de aumentar.

​Este aumento do número de tropas da Federación Rusa (FR) tería como finalidade garantir a ocupación efectiva dos territorios ocupados/liberados

Sen dúbida na demora incidirían razóns de imaxe, e de crer que as dificultades enerxéticas ían abrir as portas a unha negociación por parte da UE, e por extensión da OTAN, minivalorando que é Washington que marca o ritmo. Daquela que a resposta de occidente fose considerar o aumento de tropas de Rusia como unha provocación e transmitila como unha derrota para seu público, obviando que aínda controla unha boa parte do territorio de Ucraína, e da costa, que ten un carácter estratéxico. Moita soberbia por parte da UE, cando boa parte da povoación vese obrigada a facer sacrificios por un conflito en cuxa participación non se lles consultou. Ulo a democracia?

Este aumento do número de tropas da Federación Rusa (FR) tería como finalidade garantir a ocupación efectiva dos territorios ocupados/liberados. Permitindo así que as forzas con finalidades ofensivas ficasen libres da tarefa de asegurar o territorio, e mellorando a correlación de forzas numérica na liña de fronte, un feito positivo que se sumaria ao mellor adestramento e armamento das forzas “aliadas” da FR (un aspecto que se está intentando de compensar por parte dos países integrados na OTAN formando ao exército ucraíno e entregando armamento con maior poder de fogo e alcance). Malia o control aéreo e marítimo por parte de Rusia, tampouco se poden obviar que as forzas de Zelenski utilizan masivamente trincheiras e zonas minadas, así como os ataques a zonas civís, e os actos terroristas. Neste aspecto tamén hai un salto cualitativo nun guerra, que en moitos aspectos son de guerra de posicións, mais que dunha de gran mobilidade.

Esta convocatoria de reservistas, por unha banda fortalece ás forzas da “alianza da FR” fronte ao bloque da OTAN/G-7, e por outro lado reduce os prazos para que Moscova consolide os obxectivos que se tiña marcado coa intervención na Ucraína, máxime co aumento dos ataques a territorio ruso. En poucas palabras que todo indica que a confrontación vaise agudizar no outono-inverno tanto no eido militar como económico e político. Este paso adiante por parte de Rusia tamén deixa en evidencia a estratexia da UE que contestou con proclamas guerreristas, tanto na entrega futura de armamento e apoio técnico á Ucraína, como en maiores sancións a Rusia, mesmo sabendo dos seus efectos limitados, como das consecuencias para a economía mundial, comezando pola da UE.

​A única saída que acepta Bruxelas, para alén das contradicións internas, é a derrota de Rusia, e polo tanto a continuidade da guerra até acadar este obxectivo

A única saída que acepta Bruxelas, para alén das contradicións internas, é a derrota de Rusia, e polo tanto a continuidade da guerra até acadar este obxectivo. Unha folla de ruta que só se pode entender se vai asociada aos intereses económicos da UE, por exemplo no sector enerxético e de materias primas. Daquela tería sentido que non se cumprisen os acordos de Minsk, e que a OTAN se fose estendendo até as fronteiras de Rusia, coa aceptación de Bruxelas, calando ou empurrando. Polo que non se trataría tanto, no inmediato, de dividir ao mundo en dous bloques como en derrotar a Rusia (mesmo fragmentala), para que seguise cumprindo no futuro un papel subalterno na cadea de valor, asegurando a Alemaña e outros países da UE un rol subimperialista con respecto ao resto dos países do mundo, baixo a hexemonía dos Estados Unidos. Só sendo este o obxectivo principal, desde o primeiro momento, e ás contradicións internas, pódese entender a postura da UE, dado a gravidade da confrontación (mesmo utilizando o perigo nuclear para disciplinar á sociedade mediante o temor, e convertendo ao adversario en sinónimo de barbarie, cando utiliza como forza de choque ao fascismo na Ucraína).

Polo momento estas hipóteses de “occidente” non se están a cumprir e cada vez son máis os países que manteñen posturas distantes de ambos bloques, e sobre todo cuestionan os organismos controlados polo imperialismo USA, e rexeitan as sancións e intervencións á marxe de decisións colectivas representativas do sentir da humanidade. Mais, os/as dirixentes da UE viven nun mundo paralelo, ateigado de soberbia e cobiza, consecuencia de séculos de imperialismo. Un momento no que é máis necesario que nunca erguer a bandeira da paz, da oposición á OTAN, da solidariedade, da xustiza social, da defensa da natureza, do dereito á autodeterminación dos povos-nacionalidades.

https://obloguedemera.wordpress.com/