Opinión

Guerra entre Rusia e a Ucraína (e OTAN), que nos din os feitos

Tan inmenso é o control da información no chamado “mundo occidental”, que se fixo normal o  peche “democrático” e a presión sobre os medios alternativos, para deste xeito pintar sen límite todo o que sucede de branco e negro. Por exemplo a prol da guerra seica “defensiva” que libra a Ucraína (+OTAN). En fin que non é doado nesta área do mundo achegarse á verdade. Aínda que o tempo e o esforzo de xornalistas e partidos políticos antiimperialistas irá gañando espazos para unha lectura critica en relación co que está acontecendo, porque a globalización neoliberal está esgotada, e o pensamento único tamén e as mentiras e medias verdades son en moitos casos pura escenificación.

Ante todo coido que son necesarias catro premisas para realizar unha análise comprometida coas clases populares (como participantes e protagonistas).

-A primeira: por maior que sexa o interese porque gañe un bando non se pode facer a costa de sacrificar a verdade. Polo tanto non se trata só das mortes e destrución da guerra, que é sempre unha traxedia, senón ao servizo de que está cada parte e que expectativas para a humanidade abre ou pecha o resultado do conflito. Ou sexa, é esencial contextualizar os acontecementos tanto no espazo xeográfico como no tempo.

-A segunda. Tanto en Rusia como na Ucraína hai unha democracia formal (tamén en moitos países occidentais aínda que se permita un maior xogo á oposición antisistemica, sempre que non toque ou condicione o poder). Agora ben, hai diferenzas, na Ucraína está prohibido dende hai anos o Partido Comunista que tiña un gran peso (a agora dez partidos máis do Parlamento, entre eles o segundo en representación, acusados de colaborar con Moscova). Non é críbel, e a UE non di ren. En Rusia o Partido Comunista é a segunda bancada no Parlamento, iso non quere dicir que non exista manipulación nas eleccións, porén non é igual. Ademais, o estado euro-asiático é unha federación, cunha morea de etnias, linguas, que teñen un espazo social, cultural e político, esa diversidade é menor na Ucraína, mais non se acepta, un exemplo é o conflito con Crimea e a agresión ao Dombass. Polo tanto o papel destacado que xoga o fascismo na Ucraína non é casual.

-A terceira sería, que este non é un conflito máis, abonda con ver como se involucra directamente o imperialismo occidental, deixando a un lado súas diferenzas aceptando cegamente a hexemonía dos Estados Unidos. Esta actitude dan sentido á gravidade das sancións contra Rusia, por parte da UE, e as consecuencias para o conxunto da economía e as relacións en todos os ámbitos hoxe e no futuro inmediato. Hai un salto cualitativo, que amosan a debilidade do proxecto hexemónico. Daquela que, agás na participación directa de tropas da OTAN identificadas como tais, se estean a utilizar por parte desta estrutura militar, ou dos países que a integran, salvo algunha excepción, todos os medios armados posíbeis, así como as sancións económicas e a demonización, deixando como única saída a guerra ou a rendición.

-A cuarta. Este non é un conflito entre sistemas económicos e sociais alternativos, ou sexa entre o capitalismo e o socialismo, tampouco entre o imperialismo e un modelo que garanta plenamente a soberanía nacional e o dereito de autodeterminación de todos os povos. Nas potencias centrais de ambos bloques, e nunha morea de países que están a medio camiño entre ambos, hai moitas democracias formais, sistemas autoritarios e ditaduras. Esta diversidade tamén se reflicte ámbito da economía. Nalgúns países existe un papel importante do público, en poucos casos xestionado e planificado polo estado (como incidencia obxectiva de períodos de socialización) e na maioría das nacións o público, para alén do aparato administrativo, está ao servizo da empresa privada e en boa medida xestionada por esta. Agora ben, non se pode obviar que hoxe no económico o primeiro dos modelos ten un grao de crecemento moi superior ao segundo, está gañando a batalla.

Tamén é esencial, como xa se dixo, ter en consideración que o conflito da Ucraína ten historia. A máis próxima e que condiciona a invasión rusa é sen dúbida ningunha o golpe de estado do Maidan (na que seica os EEUU investiron 5 mil millóns de dólares), a represión violenta da oposición, os bombardeos e 13.000 civís mortos no Donbass, e o incumprimento dos acordos de Minsk. Até aquí son datos obxectivos. Segundo Rusia non lles quedou outro camiño porque a Ucraína ía iniciar un ataque inmediato para ocupar as repúblicas populares de Donetsk e Lugansk. A esta altura, hai moitos datos que o confirman, comenzando polas bases segredas de adestramento da OTAN no oeste do país (e os laboratorios bioloxicos?), e até case 100.000 homes do exército na fronteira co Dombass como parte dun ataque. Polo tanto: trátase dunha invasión ou dunha acción militar preventiva fronte ao cerco da OTAN e a pretensión de Kiev de esmagar as repúblicas populares?

A anterior é unha pregunta cuxa resposta condiciona a nosa postura diante da guerra. Non é a única. Tamén é fundamental saber que favorece máis os intereses de soberanía e xustiza social no mundo: a globalización neoliberal unipolar actual ou un panorama internacional multipolar, multilateral, mesmo que en principio as fiestras para facer realidade este principio só se abran un chisco? Esta é unha cuestión esencial para a maioría das nacións do mundo, moi especialmente aquelas máis pequenas (ou que carecen de estado propio) e que non formaron parte da construción do centro do poder no último século. Non é igual a situación de Galiza que a de Noruega ou Irlanda, aínda que ao galeguismo histórico tivese a esta última como referencia. Agás cando se trata de eivar a posíbeis alternativas de poder global, como cando se trata de países aliados de Rusia, China, etc. No caso contrario non existe ningún camiño posíbel na actualidade para alén da teoría, para exercer a autodeterminación (vexase o Sáhara ou Flandres en contraposición con Kosovo, Croacia, etc). Sei que hai situacións máis complexas como Escocia. Porén só un mundo multilateral, mesmo dividido na cabeza en dous grandes bloques (resulta evidente que con moitas nacións no medio, como pasou co movemento de non alienados perante da Guerra Fría) abre espazos para avanzar na liberación, na xustiza social,... sempre con muros que superar, porén menos homoxéneos e con máis fendas.