Opinión

Grecia, os límites da expectativa

Poucas eleccións xeraron tantas expectativas na Unión Europea, como as que se acaban de realizar en Grecia. 

Poucas eleccións xeraron tantas expectativas na Unión Europea, como as que se acaban de realizar en Grecia. Foi así tanto na esquerda coma nos sectores máis afectados pola crise; porén, tamén nas clases dominantes, que ven un chisco condicionada a súa folla de rota. Para amplos sectores da esquerda, o triunfo de Syriza, e a súa esperada firmeza diante da Troica, permitiría superar as políticas de austeridade e abrir a porta a unha recuperación da economía grega, á xeración de emprego e unha mellora das condicións sociais. Outros, a minoría acomodada, pensan pola contra que dará lugar a unha situación de inestabilidade, que pode espantar os capitais locais e os investidores foráneos. 

Neste artigo non vou facer unha valoración do proxecto de Syriza, dos seus límites como forza capaz de impulsar unha ruptura democrática. Isto xa o teño feito en anteriores oportunidades. Ademais, o leitor pode atopar análises amplos e ben enfocados ao respeito na web, como o que fixo o MGS co gallo destas eleicións. Aínda que eu sería máis cauteloso en relación ao Partido Comunista de Grecia (KKE), como forza capaz de se converter nunha alternativa que poda recoller a base de Syriza diante dun fracaso do seu proxecto. Sendo evidente que o KKE ofrece un programa e un discurso coherentes, hai que preguntarse se terá a mesma virtude na construción da folla de rota, unha política de alianzas ou uns métodos de traballo acaídos para esta conxuntura. Tampouco me vou deter nos posíbeis pactos de Syriza con outros partidos, para formar Governo, porque Duarte Correa (responsábel de relacións internacionais da UPG) xa os analiza polo miúdo neste dixital. Feitas estas aclaracións, volvo ao cerne deste artigo que son as posíbeis consecuencias deste cambio político. 

Todo fai pensar que a Unión Europea, asumindo a nova situación en Grecia está disposta a afrouxar algo a corda coa que afoga o país

Todo fai pensar que a Unión Europea, asumindo a nova situación en Grecia está disposta a afrouxar algo a corda coa que afoga o país. E isto é positivo. No económico e no social, porque pode aliviar a situación dos sectores máis golpeados pola crise e as medidas de axuste. No político, porque fai eficaces as institucións do país, mais tamén a mobilización, que terá en Atenas un Governo máis sensíbel á protesta social. E ademais, porque deixou de ter a mesma forza no imaxinario colectivo o falso argumento da austeridade e do sacrificio como a única saída (en contraste coas loitas exemplares desenvolvidas pola fracción máis combativa da esquerda, especialmente o KKE). Asemade, aínda que os medios estean ao servizo do capital, terán que aceptar un maior pluralismo informativo. Só deste xeito poden recuperar credibilidade, ou incidir para que Syriza se afaste do movemento popular e procure a toda costa un entendemento con “aqueles que garanten a governabilidade e a permanencia na UE e no euro”. 

Non hai dúbida de que o triunfo de Syriza é unha mala nova para Bruxelas, para as clases dominantes da UE. Mais iso non quer dicir que vaian dar por finalizado ou conxelen o proceso de centralización e concentración da riqueza a costa das nacións e territorios máis débiles (como Grecia, Portugal ou Galiza) e en prexuízo das clases sociais subalternas. Sinxelamente van apretar menos alí onde a protesta deu un pulo cualitativo converténdose en disputa política, como en Grecia, ou onde hai perigo de que governen forzas que rexeitan a UE ou o euro, ou ambos os dous. O capital e os burócratas ao seu servizo en Bruxelas e no FMI deben gañar tempo, encerellar os debates; saben que as urxencias están do lado grego. Argumentarán que os atrancos e eivas son exclusivamente internos, como facían na noite eleitoral os reporteiros de Euronews, cando adxudicaban todas as responsabilidades de Grecia a unha burguesía esquilmadora “que unha e outra vez se aproveitou da xenerosidade da Unión”. 

Non se pode ignorar que Syriza non arrasou nas eleicións como din algúns medios, mesmo da dereita, senón que obtivo un 36,34% dos votos

Agora ben, non se pode ignorar que Syriza non arrasou nas eleicións como din algúns medios, mesmo da dereita, senón que obtivo un 36,34% dos votos. Non lle quero restar importancia ao éxito, só salientar o fraccionamento do voto e das opinións. Aínda así, Syriza colócase a só tres deputados/as da maioría absoluta (151), xa que o sistema grego engádelle 50 parlamentarios/as á lista máis votada. O sistema electoral non reflicte correctamente o sentir da povoación, senón que realizaba unha corrección, que en principio era favorábel aos partidos da austeridade, e que nesta ocasión volveuse na súa contra. O seguinte aspecto a ter en consideración é que a recente decisión de merca de débeda pública e privada por parte do BCE (a flexibilidade cuantitativa), dalgún xeito remata coa política de austeridade, aínda que non está claro que isto permita recuperar o crecemento e o emprego na UE, e que Grecia se poda acoller a esta medida. Tampouco que isto favoreza as clases populares. Sen dúbida esta medida, así como a rebaixa do prezo da enerxía, a queda do euro, e a inestabilidade en países de fóra da Unión, favorecen en principio as exportacións e o turismo interno. Porén, non se pode ignorar, que o medre da desigualdade social non deixa de aumentar, polo que seguirá minguando o consumo e alentando o desemprego. Ademais, a queda da imposición fiscal ás empresas e grandes fortunas, así como a fraude, seguirán deixando en números vermellos os orzamentos públicos, e utilizándose para recortar servizos e prestacións. Por non falar das consecuencias económicas, sociais e políticas, dos tratados de libre comercio (CETA, TTIP,TISA).

Todo indica que a recuperación da eurozona, para se manter no tempo, necesita de cambios profundos, sistémicos. E, tendo en consideración que a situación de Grecia é máis grave que a media, toda solución parcial é puramente conxuntural. Non se pode esperar que unha aspirina revitalice unha economía que está na UCI. A Unión Europea estaría disposta a reordenar (demorar) o pagamento da débeda e a conceder novos créditos. Nada máis que isto. Non hai unha ameaza tan grande como para que mude o rumbo. Se a confrontación vai a máis, Bruxelas mesmo pode aceptar eliminar parte da débeda, malia saber que “é un mal exemplo porque outros países van esixir un trato semellante”. O problema sería canto. Syriza fala dun 50% de rebaixa. Neste intre, a UE aceptaría algunha reordenación no pago, condicionada a continuar coas reformas estruturais. Ou sexa, esixe seguir coas rebaixas salariais, privatizacións e menores prestacións e servizos públicos. 

A situación de Grecia é máis grave que a media, toda solución parcial é puramente conxuntural

A UE non vai ceder tan doadamente. As reformas reaccionarias que está a aplicar son a pedra angular da estratexia das clases dominantes, da súa aposta pola globalización neoliberal. Unha estratexia que lle permite aumentar a taxa de lucro mediante a centralización e concentración do poder e da riqueza, e confrontar cos BRICS. E ren fai pensar que Syriza teña forza suficiente para mudar esta folla de rota, máxime cando é prisioneira de sementar na base social que se pode facer unha tortilla sen rachar ovos, alentando a pasividade, a exclusiva solución electoral, fronte ás forzas que predican a mobilización e propoñen reformas antisistémicas. Segundo Tsipras, sen saír da UE e do euro, e só cos votos, pódese mudar a folla de rota do capital na Unión Europea, e o exemplo grego vai ser seguido polo resto dos países do sur da UE. É un discurso simplista, dirixido aos menos informados, e a aqueles que non están dispostos á confrontación e buscan mesías salvadores ou saídas máxicas. Porén, as hipóteses apuntan a que se non se mudan as políticas macro, aínda conseguindo recursos conxunturais importantes, o modelo tende a reproducir as desigualdades, esas que esmagan as clases subalternas e os territorios dependentes. 

Tendo en consideración o contexto, son varios os escenarios posíbeis a medio prazo, tanto no económico e social como no político. A Troika pode facer certas concesións que no inmediato lle permitan a Syriza manter as ilusións dunha pronta recuperación económica. Porén a medio prazo, volverán os problemas non resoltos, aqueles que teñen que ver co papel cada vez máis subalterno de Grecia dentro da UE e a inserción nun modelo ao que lle é funcional a desigualdade. Tamén existe a posibilidade de que a Troika non ceda ou que as súas concesións sexan insignificantes. Estará disposta Syriza a rachar co euro e a UE para que o país se sustente sobre as súas propias pernas? E de estalo, estará igual de disposto un electorado gañado no discurso europeísta, como único camiño posíbel, a seguir outra folla de rota? As últimas declaracións de Tsipras dando por descontado que todas as desgrazas dos máis afectados pola crise remataron coas eleccións, amosa, ou que ten un plan B (e que o discurso morno era pura táctica, como afirma a dereita), ou que é moi inocente, ou sinxelamente un oportunista que revive o peor da socialdemocracia, como foron o felipismo, Blair, Sócrates, Hollande, etc. 

Existe a posibilidade de que a Troika non ceda ou que as súas concesións sexan insignificantes. Estará disposta Syriza a rachar co euro e a UE para que o país se sustente sobre as súas propias pernas?

En calquera destes escenarios a medio prazo, tamén é fundamental, quen vai recoller o previsíbel desengano de Syriza en Grecia. E todo fai pensar que, se non xorden novas iniciativas (e nesta etapa o capital está moi creativo), Nova Democracia, Amencer Dourado e o Partido Comunista (con 15 deputados/as, 3 máis ca no 2012), son as opcións con máis posibilidades. O KKE tería unha oportunidade histórica, ante todo porque foi a forza que, fuxindo do oportunismo, denunciou as eivas de Syriza no ideolóxico e na súa folla de rota, por ignorar ou subestimar o papel das clases dominantes e o seu poder. Ademais, trátase dunha forza que loita por construír un sistema económico e social ao servizo das clases populares, cunha longa historia de sacrificios e heroísmos. A desfeita, dalgún xeito, tamén afectará a aquelas forzas de esquerda doutros países que, por tacticismo ou oportunismo, aproveitaron o ascenso electoral de Syriza para se facer a foto, pechar os ollos diante do recuar ideolóxico e das concesións ao sistema, e alentar ideas trabucadas no seo das clases populares. No Estado español os avances ou retrocesos de Syriza, e as súas incoherencias, afectarán sobre todo a Podemos, mais non unicamente. Mesmo no nacionalismo hai pelexa por ver quen se fixo a primeira foto con Tsipras. E estas mensaxes, especialmente as negativas, formarán parte do imaxinario colectivo. 

Syriza é parte dun proceso que ten que superar o povo grego. É un primeiro xiro á esquerda da sociedade, cun percorrido limitado, a menos que esta forza rache co discurso de pacto co  imperialismo

Syriza é parte dun proceso que ten que superar o povo grego. É un primeiro xiro á esquerda da sociedade, cun percorrido limitado, a menos que esta forza rache co discurso de pacto co  imperialismo, mude as alianzas e chame o povo a tomar a rúa. Algo que non semella formar parte da súa folla de rota, nen da de Podemos, e forzas de ideario semellante. Por outra banda, xa non ficamos na etapa na que a socialdemocracia inzaba grazas a que as clases dominantes facían concesións para frear o comunismo e os movementos de liberación nacional alentados pola URSS, China e tantos outros países confrontados coas potencias hexemónicas. Para toda a esquerda, o domingo foi un día positivo, mais dende valoracións e propostas diferentes, xa que uns só procuran reformar un chisco o capitalismo, e outros están a loitar pola liberación nacional e social dos povos. A dife

renza non é menor. E coa adaptación da linguaxe ao momento e lugar que faga falla, hai que explicalas. Sementar ideas correctas sempre axuda a avanzar. 

http://manuelmera.blogaliza.org/