Opinión

O gran capital globalizado perde a súa primeira batalla

Os partidos e organismos internacionais sistémicos, así como as corporacións internacionais e a Bolsa, ou sexa, os adoradores do individualismo e do capitalismo, están histéricos. Pensaban que o controlaban todo, que tiñan todo pactado e atado con Cameron. E agora, fronte ao triunfo en referendo da opción a prol da saída da Unión Europea, o primeiro atranco importante no proceso de globalización neoliberal nas últimas décadas, perden os papeis e din as barbaridades que sempre pensaron en privado: que os que votaron son xente menos preparada, por ser do rural e pequenas vilas, que venceu o conservadorismo dos maiores de 50 anos (os mesmos que sempre foron louvados por representar a sabedoría), que é un triunfo do racismo, etc... 

O problema de fundo para tanta histeria é que se trata dun histórico paso atrás do imperialismo, no proceso de aumentar lucros en beneficio das grandes potencias e corporacións, que dá folgos no futuro á loita desa maioría inmensa de persoas explotadas e de países oprimidos. Daquela que os pronunciamentos previos de Obama e Merkel, así como de Google ou Zara, fosen contra o brexit, augurando todo tipo de desastres para os británicos, de optaren por esta proposta. E agora reforzan o discurso do medo porque temen que este exercicio de democracia se estenda a toda a UE e ao resto do mundo. Como se pode consultar o povo sen ter garantido o triunfo da opción favorábel á globalización neoliberal? Como se pode ser tan irresponsábel? Ladran máis que preguntan os medios sistémicos contra Cameron, tories e laboristas. 

Un histórico paso atrás do imperialismo, no proceso de aumentar lucros en beneficio das grandes potencias e corporacións

O reaxer posterior das Bolsas confirmou a importancia do golpe dado aos planos do gran capital. Este é sen dúbida o aspecto principal do referendo, xa que a cuestión migratoria, malia estar arreo no debate, nesta correlación de forzas, vai estar en función das necesidades empresariais de man de obra de reserva, tanto na Unión Europea como no Reino Unido, xa que o sistema económico e social non está en cuestión. Mesmo sendo certo que o reaxer da maioría social dos que votaron a prol do brexit, clases populares e xente do rural e pequenas urbes, respondían intuitivamente e este problema, vendo no aumento da man de obra de reserva un atranco, en realidade este aspecto é consubstancial coa globalización neoliberal, ou sexa, co desenvolvemento do capitalismo nesta etapa onde explotación e destrución de países van da man. E, como teño dito tantas veces, o/a inmigrante é ao mesmo tempo vítima e ariete dun sistema inxusto, que confronta entre si os/as máis pobres en beneficio dos poderosos/as.

En calquera caso, non é certo que o brexit fose apoiado exclusivamente polos partidos de dereita e xenófobos, como os medios hexemónicos predican e algúns partidos da esquerda e xornalistas no exterior repiten, facendo unha análise superficial ou interesada do tema. Xa que, como di Andy Robinson nun artigo en CTXT“Contra todo prognóstico, os británicos optaron pola saída do Reino Unido da Unión Europea, tras rexistrarse fortes maiorías a favor do Brexit nas rexións desindustrializadas do norte de Inglaterra. Nestas zonas existe a percepción de que o libre movemento de man de obra dentro da UE sen protección salarial e social para os traballadores autóctonos provocou caídas dos salarios. Pódese percibir como xenofobia, mais é difícil cualificar de racismo os receos dos paquistanís de cuarta xeración ante a chegada de miles de polacos. Máis ben é o medo que senten moitos traballadores precarios, de soldos minguantes, que ven ameazada a súa supervivencia. En Birkenhead, na beira oeste do río Mersey, en fronte de Liverpool, 10.000 persoas reciben axuda alimentaria pese a que a taxa de paro é de só o 5%. É a consecuencia da mestura de baixos salarios e insuficientes horas traballadas. Isto manifestouse nun enorme voto a prol Brexit nesas rexións, así como nas vellas zonas mineiras do país de Gales, que sorprendeu a case todos”.

É difícil cualificar de racismo os receos dos paquistanís de cuarta xeración ante a chegada de miles de polacos

Tampouco se pode ignorar que unha boa parte dos sindicatos de base fixo campaña polo brexit, en contraposición coas direccións, constituíndo unha ampla plataforma social contra a UE, austeridade e as políticas de recortes (Trade Unionists Against the EU). Ademais, organizacións de esquerda (como o Partido Socialista,  Partido Socialista dos Traballadores e o Partido Comunista) e intelectuais marxistas, de tanto prestixio como o paquistaní Tariq Ali, apoiaron a saída. Este afirmaba nunha entrevista encol do apoio das bases obreiras laboristas ao brexit: “sobre todo do norte, mais non só. En sitios como Northampton están moi en contra a UE, porque que as súas vidas van a peor”. Sobre a UE destaca: a UE é unha organización totalmente antidemocrática que non representa a ninguén, só a si mesma e ás elites bancarias de Europa. É unha máquina para o capitalismo salvaxe”,

Vexamos o que ten de positivo o brexit paras as clases subalternas e as nacións dependentes.

A) Obriga a reconsiderar unhas políticas que funcionaban eficientemente para as corporacións e grandes fortunas, mais son totalmente lesivas para as clases populares, e sobre todo para a clase traballadora, así como para os territorios periféricos e/ou dependentes. Unha eficiencia ateigada de contradicións. Tanto que termina rachando por un dos estados máis fortes. Ademais, isto vai dar azos ás reivindicacións das nacións máis golpeadas, as máis febles, obrigadas a aceptar todo tipo de regras inxustas, feitas a medida do gran capital. A UE verase obrigada a renegociar moitos aspectos da súa política económica, o social e democrático ficará nun segundo plano a menos que as centrais sindicais e os partidos de esquerda tomen a iniciativa no propositivo, para esta etapa e esta correlación de forzas, así como na mobilización social.

B) Todo indica que esta resposta non será exclusiva do Reino Unido, hai moitas posibilidades de que sexa seguida por outros países, por exemplo Francia (a segunda maior economía da UE), onde a presión social é moi forte, e as enquisas amosan unha postura máis critica que a británica respecto da Unión. Afogar esta contradición non será tan doado como en Grecia. Asemade existe unha tendencia semellante moi forte en Finlandia, os Países Baixos e Austria. Tampouco é casual que esta resposta se dea con máis forza en países do centro do sistema, porque a subxectividade política e social é menos manipulábel a respecto de non poder afrontar o seu destino en solitario e dun futuro que se debuxa interesadamente como dramático en caso de facelo. Algúns destes estados foron ate hai pouco potencias colonialistas, e aínda seguen a manter relacións de privilexio con certos territorios, polo que existe un orgullo nacional moi forte. 

Todo indica que esta resposta non será exclusiva do Reino Unido, hai moitas posibilidades de que sexa seguida por outros países, por exemplo Francia

C) A a saída da Gran Bretaña é un atranco aos acordos de libre comercio, especialmente o TTIP e o TISA, xa que a Comisión fica debilitada, desprestixiada, e xa non é tan sinxelo que sexan aprobados por todos os estados membros, con métodos que ignoran o sentir social. Será por isto que a UE pide unha rápida saída do Reino Unido? Neste aspecto, o brexit favorece os intereses das clases populares naqueles países que sigan pertencendo á UE, dado o retroceso que en dereitos sociais, democráticos e ecolóxicos implican estes acordos. Evidentemente esta lectura transcende o marco da UE. A pregunta é, ate que punto o brexit pode condicionar os acordos en vigor e outros que se están a negociar?

D) Aínda que o Reino Unido forme parte da OTAN, e que manteña unha actitude belicista con respecto a Rusia, a saída da UE aumentará as diverxencias na alianza militar, máxime cando este divorcio semella que non vai ser amigábel. Sen dúbida a ruptura social irá a máis, porque tanto dentro da UE como fóra non hai solucións neste sistema, e isto debilita os planos da OTAN. A menos que se procure unha saída desesperada no militar, mais iso resultaría tremendamente perigoso, xa que se trata dunha confrontación entre potencias atómicas. Todo ten un límite, aínda que non guste e doa.

A ruptura social irá a máis, porque tanto dentro da UE como fóra non hai solucións neste sistema, e isto debilita os planos da OTAN

Os vindeiros meses serán clarificadores sobre a postura que se imporá na UE, aínda que todo indica, que ningunha cuestionará a globalización neoliberal. Todo fai pensar que o debate xirará arredor da emigración e a solidariedade, sen tocar as cuestións de fondo: a regresión das condicións laborais, a privatización e rebaixa dos servizos e prestacións públicas, a destrución da actividade produtiva e da pequena empresa nos países dependentes, o retroceso democrático. Ou sexa os problemas centrais de explotación de clase e a opresión nacional. Porén, mesmo así, o brexit  ten de positivo que abre unha fenda no interior das clases dominantes, pon en primeiro plano as contradicións e eivas da globalización neoliberal, e da UE e do euro como instrumentos para a súa imposición en beneficio do gran capital. Esta oportunidade para mudar a realidade non pode ser aproveitada en exclusiva pola dereita xenófoba, senón que debe servir para que a esquerda (especialmente a nacionalista) se coloque na vangarda da loita contra este sistema inxusto. Debe facelo reclamando xustiza social, garantindo o dereito de todos os pobos a decidir o seu destino e a democracia popular, fortalecendo o público (por exemplo nacionalizando banca, enerxía e telecomunicacións), esixindo a desmilitarización, construíndo as relacións internacionais sobre a base da axuda tecnolóxica, o intercambio igualitario e complementar, e dende o respecto á soberanía das nacións. O brexit é o maior acontecemento político desta conxuntura. Que abra unha etapa de cambios positivos dependerá de cal sexa a resposta, consciente e organizada, das clases populares e povos oprimidos. Nada é gratis, todo necesita de esforzo e intelixencia.

http://manuelmera.blogaliza.org/