Opinión

Gramsci: hexemonía e superestrutura

Gramsci naceu na Sardeña no ano 1891. Primeiro foi militante socialista e no ano 1921 formou parte dos fundadores do Partido Comunista Italiano (PCI). Era marxista e admiraba a Lenin. Foi deputado polo PCI (1923), membro da dirección do partido, e dende 1926 secretario do mesmo ao triunfar as súas teses no Congreso de Lyon. Detido no ano 1927, durante a ditadura fascista de Musolini, permanece en prisión ate poucos días antes da súa morte no ano 1937. Na cadea sería sometido a todo tipo de vexacións, o que non impediu que unha boa parte das súas análises e reflexións foran producidas durante esta etapa, concretamente os famosos “Cadernos do cárcere”.

María Antonietta Macciocchi en “Gramsci y la Revolución en Occidente” (Siglo Veintiuno de España Editores), salienta que Antonio Gramsci coida que a clase dominante exerce o seu poder independentemente dos compromisos materiais con outras forzas sociais, non sómente por medios coercitivos, senón ademais coa súa visión do mundo, é dicir unha filosofía, unha moral, costumes, un sentido común que favorece o recoñecemento da súa dominación polas clases dominadas. Na linguaxe histórica política, isto significa que o exercicio do poder por unha clase, nun intre histórico determinado, non só é a expresión das relacións económicas dominantes nese momento, senón que serve para difundir certos valores que, a súa vez, están determinados por esas relacións e eses compromisos mediante os cales dita clase consegue axuntar en torno dela todo un conxunto doutras forzas sociais coas que comparte, ou aparenta compartir, o seu poder, illando deste xeito, para oprimila mellor á clase directamente antagónica

Polo tanto Gramsci, cando analiza a realidade italiana, non só estuda a estrutura económica e política e a súa incidencia sobre a sociedade, senón que ademais valora: como e quen transmite a ideoloxía dominante. Gramsci vencella o que acontece no eido da infraestrutura coa superestrutura, e estuda detidamente esta última, xa que considera que existen eivas nas tarefas desenvolvidas pola esquerda. Un aspecto que sen dúbida é hoxe de enorme importancia, tendo en consideración o recuar e fraccionamento da esquerda despois da caída da Unión Soviética, e sobre todo a falta dun relato, dunha folla de ruta, integrada nos obxectivos de transformación do sistema.

Macciocchi sinala que: “na análise que fai Gramsci da relación entre acción e conciencia das clases subalternas, evidénciase, que cando a acción das masas está en oposición co poder dominante, a súa conciencia, é dicir, a súa propia maneira de pensar, segue marcada pola hexemonía ideolóxica das forzas políticas adversas; pois as masas foron educadas non só cunha mentalidade oposta aos seus propios intereses fundamentais, senón tamén á súa propia praxes”.  Para Gramsci o poder é exercido en cada momento por un Bloque Histórico non se reduce a unha simple alianza de clases sociais, xa que expresa o vínculo orgánico que une a estrutura económica coas superestruturas xurídico-políticas e ideolóxicas que corresponden a unha estrutura social historicamente determinada. Porén, que é a superestrutura? Gramsci considera como tal, ademais das institucións e organismos directamente dependentes do Estado, o que denomina a “sociedade civil” que abrangue a escola, os medios de información, a Igrexa, etc, que desempeñan funcións para garantir a hexemonía.

Coida Gramsci que bloque histórico non é só unha alianza de clases sociais, sen forma, xa que a hexemonía que asegura a súa cohesión corresponde a unha visión do mundo (superestrutura) que lle garante á clase dirixente capacidade para atender os problemas nacionais e dar solucións concretas (infraestrutura). Isto tanto é valido para o vello como para un novo bloque histórico, que debe non só procurar unha nova alianza de clases senón garantir a súa hexemonía. E a hexemonía, como a define Gramsci, é algo diferente á imposición, á ditadura, e ten unha relación directa co conceito de Estado e de bloque histórico. Gramsci concreta o bloque histórico naquel intre para o seu país como a alianza entre a burguesía do norte industrial e os terratenentes da Italia meridional. A este bloque el opónselle un novo, que ten como cerne a alianza da clase obreira do norte e o campesiñado meridional, e ao abeiro deste novo bloque ten que se construír a nova hexemonía.

Dado a importancia do que Gramsci chama a “sociedade civil” na consolidación da hexemonía do “bloque histórico dominante”, e moi especialmente no eido da imposición da súa ideoloxía, dos seus valores e filosofía de vida, polo tanto para garantir o cambio non abonda con ter maioría nas institucións, nen impulsar coa toma do poder transformacións na economía. Non chega porque a ideoloxía do bloque hexemónico politicamente derrotado continua con fortes bases e capacidade de incidencia na sociedade. Mesmo ten capacidade para mudar de novo a correlación de forzas ao xerar contradicións entre a nova situación económico e social e as ideas tradicionalmente dominantes. Unha situación que vemos hoxe reflectida en moitos países.

Daquela que, como afirma Aguilera de Prat (“Gramsci y la vía nacional al socialismo”, Akal)  para Gramsci: “a hexemonía é unha síntese de dirección e de dominación, de consentimento e de forza, polo tanto, débese entender en dous sentidos: como capacidade dun determinado grupo para dirixir aos seus aliados e como acción de forza contra os seus adversarios”. Ou sexa: a loita pola hexemonía no eido das ideas é unha tarefa esencial tanto antes coma despois da toma do poder.

A caracterización que fai Gramsci do aparello do Estado implica novas tarefas para os partidos, frontes, movementos ou calquera tipo de organización, que se propoña derrotar ao “bloque hexemónico”, e  transformar a sociedade. Por esta razón, se na década dos trinta era necesario en Italia un partido de masas, participativo, con tarefas en todos os eidos para avanzar na transformación da sociedade, especialmente para dar con éxito o combate ideolóxico (na formación dunha nova conciencia social). Imaxinémonos hoxe!!! Polo tanto, no marco actual de globalización, e especialmente na Europa occidental, resulta imposíbel que o novo bloque histórico avance na liberación nacional, na democracia popular e na xustiza social, a menos que conte cunha forte implantación nas clases populares: organizadas e mobilizadas; con obxectivos, relato e folla de ruta; como protagonistas na rúa e nas institucións; con iniciativa en todos os ámbitos.

Respecto dos tempos de crise, como o actual, cun duro axuste da distribución do traballo e do poder entre clases e países, son de interese as reflexións que fai Gramsci cando aposta pola “guerra de posicións” fronte á “guerra de movemento”, utilizando o símil militar para a estratexia política. As razóns polas que Gramsci opta por esta estratexia “de conquista lenta e progresiva das trincheiras inimigas” deberíase ao convencemento de que a sociedade civil (na Europa occidental) era unha estrutura moi complexa que resistiu mesmo os estoupidos máis fortes (crises, recesións, etc.), polo que: a superestrutura é na sociedade civil o que son as trincheiras na guerra moderna.

https://obloguedemera.wordpress.com/