Opinión

A globalización cuestionada. Unha oportunidade.

Resulta evidente que co aceso de Trump á presidencia dos Estados Unidos medrou tanto a presión sobre os países dependentes, como a confrontación entre potencias. Creceron os escenarios de guerra e inestabilidade, asociados ás intervencións exteriores e ás emigracións masivas. A mesma tendencia atopámola na disputa entre o imperialismo hexemónico e as potencias emerxentes, destacando China e Rusia. Neste caso, os países nucleados na OTAN deron pulo a conflitos localizados  (Siria, Iemen, Irán, Ucraína, etc.), o cerco militar, sancións, ataques sobre o valor das moedas e na rede, falsa información, e restricións ao libre comercio. Agora ben, sen dúbida, a maior novidade: é o choque de intereses entre Washington e os seus aliados tradicionais no G-7. Un enfrontamento que se dá tanto en relación co tratado nuclear con Irán, como con respecto á imposición ou aumento de aranceis ás importacións de determinados bens e servizos, a cuestión do cambio climático e a preservación dos ecosistemas, e a problemática migratoria. 

Este choque entre fraccións do capital ten orixe na loita polo reparto mundial da riqueza e do poder. Isto non é ningunha novidade. Mais, o que constitúe un elemento diferencial é que se dá na etapa senil do capitalismo, que alenta as solucións extremas, máxime cando o actual modelo de globalización está cuestionado pola primeira potencia do mundo, que o quere reformar para garantir o seu dominio. Ademais, esta fractura no capital tamén existe no interno no imperialismo hexemónico e aliados, e en todas as estruturas de poder, especialmente nos Estados Unidos, no Reino Unido e entre os estados que integran a UE. 

Este choque entre fraccións do capital ten orixe na loita polo reparto mundial da riqueza e do poder

 

Estas fraccións do capital son alcumadas como globalistas e proteccionistas, polos grandes medios de información, dun xeito intencionado e reducionista. Respecto da confrontación entre estas dúas fraccións neoliberais é moi interesante o artigo de Win Dierckxsens, Walter Fomento e Andrés Piqueras “A saída do capitalismo ao fallar o intento de saír da crise capitalista”. Estes poñen nomes aos sectores, corporacións e grandes fortunas que apoian a cada unha destas fraccións do capital. Segundo os autores, as últimas medidas amosan que a fracción anti-globalista está cada vez máis consolidada nos Estados Unidos, e que isto terá importantes repercusións en todos os ámbitos. Argumentan que isto levará a unha nova profunda crise, con consecuencias sobre o nivel de vida da povoación, provocando unha revolta social: “o proteccionismo crea condicións obxectivas para que o intento de saír da crise capitalista provoque a posibilidade da saída do capitalismo”.  

Neste intre todo fai pensar que as políticas anti-globalistas vanse impoñer, e que terán no inmediato consecuencias negativas sobre o medre da economía e do emprego, como afirman os autores do artigo. Mais, coido que malia os límites do capitalismo nesta etapa, iso non significa que non teña aínda fortaleza para, despois dunha primeira fase de crise, se reaxuste primando os ámbitos nacional e rexional mantendo a súa histórica estrutura de clase. É verdade que mesmo así significaría un paso atrás no proceso de centralización e concentración do capital. Mais a historia, tamén no económico, non é unha liña recta. Lembremos as consecuencias da primeira e segunda Guerra Mundial cos avances sociais e nacionais, cos retrocesos do imperialismo naquel intre. Períodos que foron seguidos por procesos posteriores de expansión imperialista, esencialmente logo da caída da URSS. Hoxe estamos a vivir unha conxuntura, ou sexa unha fase na que a globalización neoliberal pode dar un paso atrás ou seguir avanzando aceleradamente. En calquera caso, a que triunfe non ten por que ser unha tendencia definitiva, nen se alargar por décadas. Dependerá da capacidade que exista no ámbito nacional e mundial para construír alternativas a prol da liberación nacional, democrática e popular, de masas e combativas, tanto no eido organizativo como da loita das ideas. 

Neste intre todo fai pensar que as políticas anti-globalistas vanse impoñer

 

Daquela que, neste intre, e con esta correlación de forzas, os posíbeis escenarios no futuro, sen desbotar nunca que as guerras actuais se estendan a moitos máis países e mesmo se podan utilizar as armas atómicas, semellan ser os seguintes: que Estados Unidos consiga impoñer a súa hexemonía a todas as demais potencias; que, malia o rexeitamento inicial, tanto a UE como Xapón rematen aceptando as regras de xogo económicas de Washington, e que polo tanto se reproducise a situación dos dous bloques da guerra fría, aínda que sen disputa no ideolóxico; e por último, que se fracture o mundo en varias zonas de influencia, consagrando na práctica unha realidade multipolar. Se temos en consideración a tendencia actual, os últimos dous escenarios son os que teñen máis posibilidades de se concretar, especialmente o último a medio prazo. 

Ningunha das saídas que ofrecen as potencias dá solución aos graves problemas da humanidade; estes son produto do capitalismo, que concentra e centraliza a riqueza e o poder, un proceso que se acelerou coa globalización neoliberal. Esta evolución axe en prexuízo das clases populares e das nacións dependentes e neocoloniais, sostendo unha explotación e opresión que ten graos. Depende do papel que cada territorio xogue na cadea de valor, mais tamén (fundamentalmente) da fortaleza das clases populares, especialmente do movemento obreiro, para evitar retrocesos laborais e sociais e conquistar un reparto máis xusto do traballo e da riqueza. Ademais, sempre existe un proceso de acumulación para o cambio, calquera sexa a forma e tempo no que este se desenvolve. Por último: non se pode obviar que a ruptura do bloque hexemónico, e/ou a consolidación dun mundo multipolar, abren maiores expectativas para os dereitos nacionais e populares.

Ningunha das saídas que ofrecen as potencias dá solución aos graves problemas da humanidade; estes son produto do capitalismo

 

En calquera dos escenarios posíbeis analizados resulta evidente a ligazón entre a cuestión nacional e a loita de clases, entre o democrático popular e a soberanía. Iso implica que ningunha delas se pode subordinar á outra nesta etapa do imperialismo, sobre todo nos países dependentes e neocoloniais. 

https://obloguedemera.wordpress.com/