Opinión

Galiza e Portugal. Quen alenta a disputa?

En todos os aspectos da vida é fundamental distinguir entre o principal e o secundario, entre o xeral e a excepción. De non facelo así, correse o risco de tomar iniciativas equivocadas ou de sementar ideas incorrectas, que terminan ampliando os atrancos, perdendo complicidades na sociedade en beneficio das clases dominantes, da explotación e da opresión. Dirase que isto sabeo todo o mundo, mais o certo é que se impón non poucas veces unha visión estreita da realidade económica, social, mesmo laboral, así como política, cultural e histórica. Un relato tacticista que non axuda e mesmo impide a asunción polo imaxinario colectivo dos obxectivos estratéxicos, da folla de ruta segundo os escenarios posíbeis, da política de alianzas, aspectos esenciais para construír o poder popular.

Madrid están a inmensa maioría das sedes das grandes empresas, e polo tanto os centros de decisión e investigación

A modo de exemplo. Dende os medios sistémicos os partidos españolistas alentase a rivalidade entre Vigo e A Coruña, mais tamén entre Galiza e o Norte de Portugal, como se a riqueza duns estivese relacionada coa pobreza dos máis próximos, facendo duns poucos conflitos menores unha norma xeral. Unha actitude na que non é casual alentan alcaldes do PSOE, como Paco Vázquez no seu día e Abel Caballero agora. Mentres que, ao mesmo tempo, unha cidade como Madrid e contorna cun desenvolvemento construído sobre a centralización do poder político para impoñer seu papel relevante na escala de valor en detrimento do resto das autonomías e nacionalidades, é presentada como exemplo de solidariedade co resto dos territorios. En Madrid están a inmensa maioría das sedes das grandes empresas, e polo tanto os centros de decisión e investigación, e o lugar de pago de impostos, e tamén onde se concentra o investimento externo, e os medios de comunicación de mesas. Daquela que os discursos igualitarios e solidarios do Governo español e partidos sistémicos pouco teñan que ver coa realidade, son prefabricados a partir de feitos conxunturais e parciais, co fin de debilitar o relato do soberanismo e as reivindicacións populares nas nacións periféricas. Abonda con ollar co que acontece respecto de Cataluña, onde a protesta contra a sentenza ligase decote ao egoísmo.

Afondando algo máis na cuestión. Por exemplo, non se trata de obviar que hai empresas auxiliares do automóbil na comarca de Vigo que están a trasladar parte da súa produción ao norte de Portugal, co que iso implica na perda de emprego. Dise que a razón fundamental son os salarios máis baixos e unha oferta de solo barato e menor presión impositiva. Polo tanto é lóxico e necesario que os sindicatos e partidos se opoñan a esta deslocalización, que implica un recuar no PIB e no emprego. Mais, o enfoque da campaña non debe esquecer nunca varios aspectos esenciais, especialmente cando se trata de forzas nacionalistas: que o noso País ten un saldo comercial favorábel con Portugal, que inviste máis na Galiza que a nosa nación ali, que temos unha historia, cultura e lingua común, con pequenas diferenzas fonéticas, e que son nosos veciños.

Analicemos máis amplamente os aspectos económicos e laborais que son os que se utilizan acotío para abrir unha fenda entre irmáns. Todo reflicte que o traslado de empresas a Portugal é moi minoritario. Segundo o Circulo de Empresarios de Galicia de 2005-2015 Portugal investiu 532 millóns de euros, mentres que o capital galego investido no país veciño foi de 285 millóns (dun total de 10.326 millóns de euros de capital que marchou de Galiza nese período, en moitos casos alentado pola Xunta e o Governo central como parte dun proceso de internacionalización que se presentaba como beneficioso para o noso País). Ademais, Portugal é o maior investidor na Galiza, sen ter en conta o capital que ten orixe no Estado español. Outro dado importante no aspecto económico é que no ano 2018 Galiza exportou a Portugal por 3.122 millóns de euros e importou por 1.846 millóns (IGE). Un saldo positivo de 1.276 millóns!!!

Portugal crea emprego neto na Galiza tanto pola entrada de capital como polo saldo comercial positivo

Ou sexa: Portugal crea emprego neto na Galiza tanto pola entrada de capital como polo saldo comercial positivo. Ademais é o terceiro socio comercial, despois do Estado español e Francia (cos que en cambio temos un saldo negativo). En todo caso o noso problema é que exportamos ao exterior moito máis capital que o que chega (1.682 millóns de euros entre 2005-2015 fronte a máis de dez mil millóns que exportamos). Nestes datos non se ten en conta ao resto do Estado español, se así fose as cifras serían aínda máis negativas para o noso País, teñamos en conta o investimento das caixas galegas no bum inmobiliario das zonas turistas do Mediterráneo e en bonos do Estado. No feito de perder peso económico e demográfico algo terá que ver que as empresas máis dinámicas estean en mans foráneas? Unha tendencia que vai máis, co que isto implica de dependencia. Ao que debemos engadir que, a diferenza de Cataluña e Euskadi, o nacionalismo galego non sexa hexemónico. Non se pode ignorar a estreita relación que existe entre economía, xustiza social, e poder político.

Para a nación galega é importante que Portugal consiga o máximo desenvolvemento, especialmente súa área norte. Deste xeito tamén se potencia a nosa economía, tendo en consideración que existe unha longa fronteira común, e que se trata duns socios comerciais relevantes, cos que temos un saldo en capitais e bens positivo. E este resultado comercial dáse malia ter unha comunicación por ferrocarril que tarda horas en percorrer os 145 quilómetros que hai dende Vigo, e da pobreza das relacións institucionais. Atrancos só entendíbeis se hai un interese en poñer impedimentos ás expectativas que ofrece a suma de potencialidades.

Sería un gran paso adiante conectar cun tren rápido o Gran Porto con Vigo, e a través desta cidade o resto de Galiza. Lembremos que esta metrópole do norte de Portugal en 800 quilómetros cadrados concentra a mesma povoación que a de todo noso País. Deste xeito tanto Vigo como Porto deixarían de ter un papel periférico no eixo norte-sur. Coido que debemos pensar o desenvolvemento de Galiza tanto rematando coa dependencia do Estado español, como ligado coa súa contorna, comezando por Portugal. Mais tamén en relación coas áreas fronteirizas de Asturias, o Bierzo, a Seabra, e por suposto coas vías de comunicación excepcionais que ofrece o Atlántico, respecto de América, África occidental e o Norte de Europa. Evidentemente son aspectos que non poden estar desligados da xustiza social, da revalorización da nosa cultura, historia e lingua, xa que a economía non está á marxe destes aspectos da vida.  

https://obloguedemera.wordpress.com/