Opinión

Fronte ao duro reaxuste a Xunta pon o acento na propaganda

A perda durante o mes de decembro de 5.345 asalariados/as na Seguridade Social (SS) non son boas novas para o noso país. Máxime se temos en consideración as proxeccións que fai o BBVA para o ano 2023 que dan a Galiza como única autonomía do Estado español (EE) que perderá emprego. Concretamente reduciríase nun -0,7%, mentres que a media do EE medraría o 1,1%, non é moito, con Canarias co maior aumento, un 4%.

Os datos da SS e  o estudo do BBVA contradín as expectativas do Governo galego, que nos Orzamentos daba como previsión un crecemento do 1,7%. A diferenza non é pequena, e implicaría unha tendencia regresiva fronte as expectativas optimistas da Xunta. Aínda é cedo para dar por validas unhas estimacións e desbotar outras, mais todas salientan un retroceso en relación con este ano. A cuestión é: cal vai ser a intensidade do retroceso? Un dato fundamental máxime cando a creación de emprego está tan relacionada co PIB, a cuestión demográfica, e as condicións laborais.

Estes días algún medio destaca como moi positivo o medre da Galiza nas últimas décadas no PIB por habitante en relación co resto do EE. Que manipulación, comparar só nalgún aspecto autonomías que están conxeladas demograficamente e perderon peso económico, como é o caso do noso país, e que expulsaron vía emigración a povoación máis pobre e seguen tendo unhas taxas moi altas migratorias, con outros territorios do EE que multiplicaron o emprego e o número de habitantes e seguen mantendo un PIB por persoa máis elevado. As comparacións débense facer nun marco político e económico homologábel, analizando a evolución do PIB, do crecemento demográfico, dos salarios e xornada, do papel de cada autonomía-nacionalidade na escala de valor...

Todo reflicte que nos atopamos diante dun escenario negativo, ao que se suma os escasos e simbólicos resultados acadados polo noso país para obter fundos europeos para os proxectos de industrialización presentados (cinco deles definidos pola Xunta como estratéxicos). O que contrasta cos recursos xa aprobados relacionados con outras autonomías (e nacionalidades). Polo tanto choca con esta realidade que Alfonso Rueda, no seu discurso de fin de ano, afirmase que se sentía satisfeito pola situación de estabilidade, obviando que existe unha forte protesta social, aínda que sexa moi fragmentada, e non sempre recollida nos medios, que reclama a industrialización, avance tecnolóxico, fortalecer a actividade primaria, a recuperación e mellora dos salarios e condicións laborais, e poñer freo ao deterioro do sistema sanitario e de atención á dependencia...

Non estará o Presidente da Xunta nestes temas confiando demasiado, ou esquecendo intencionadamente unha historia de trato desigual por parte do Governo central, que a autonomía non foi quen de evitar no esencial por falta de competencias e de partidos atados ao centralismo? Polo tanto, mais unha vez pode pasar o tren sen facer parada na nosa estación, malia os moitos antecedentes que hai, tanto de governos españois de dereita como de esquerda.

Mesmo así, e xa que nos atinxe a todos/as, resulta incomprensíbel que non se utilicen todos os resortes de presión existentes, incluída a máxima contestación institucional e a mobilización da povoación. A menos que o PP poña por diante que unha maior presión pódeselle volver en contra se Feijóo gaña as vindeiras eleccións xerais e a Xunta ten que manter estas reclamacións cun governo “amigo”. Por certo: non haberá algo desta subordinación tamén no PSOE e UP e outras forzas que apoian ao actual governo central? Véselles neste tema tan importante nesta conxuntura moi apagados.

Sen dúbida axudaría moito que o proceso de selección dos proxectos pola Xunta de Galiza e a folla de ruta a seguir fosen consensuados cos partidos, como mínimo cos que teñen representación parlamentar, e as organizacións sindicais e sociais. Semella que só se informou dos proxectos aos medios como propaganda. Mesmo con estas limitacións non lles resto importancia a moitos dos proxectos. Aínda que polo momento todo é relato, escenificación,... Esta desconfianzas a expresaba hai medio ano a portavoz do maior partido da oposición, Ana Pontón do BNG, cando afirmaba respecto dunha xuntanza da Xunta co Governo central: estamos vendo que Galiza queda atrás e a reunión entre o señor Rueda e a señora Calviño foi unha confirmación, porque tras ese encontro ao máximo nivel o resultado foi cero euros para Galiza, cero, nada de nada”. 

Agora ben, o tempo pasa, os vindeiros anos van ser moi duros, e resulta evidente que se está recompoñendo o reparto do papel de cada país na actividade produtiva e na escala de valor. E moito me temo que non só non está asegurada a continuidade, cando menos co peso actual, da actividade automobilística, aluminio, e outros sectores esenciais na economía galega, senón que todo indica que só se nos quere dar un papel destacado na produción de enerxía, ou sexa nunha actividade moi primaria, exportadora (tamén de capital), aínda que sexa estratéxica... Máis do mesmo.

É verdade,  como esquecelo, xa temos na Coruña o centro de intelixencia artificial, ten seu valor, como negalo. Mais, que capacidade terá para inducir emprego na comarca e na nación galega? Ademais, non nos confundamos, son Estados Unidos e China os que xogan en primeira división neste tema, e despois unha longa lista de potencias (Rusia, India, Alemaña, Francia, Turquía, Iran...).

Vaise conformar a Xunta con facer propostas, escoitar boas palabras, e conseguir proxectos que aportan máis polo nome que polo emprego que xeran e a actividade que impulsan? Tería que amosar iniciativa e atrevemento, facer algo de forza.

A disputa ademais de electoral, que tanto lle gosta aos partidos sistémicos, debese centrar fundamentalmente en garantir un reparto xusto dos fondos europeos, e outros investimentos públicos, entre as nacións do Estado e entre as clases sociais. Por outra parte, estabilidade non hai ningunha, vivimos un verdadeiro terremoto... a menos que o sr. Rueda estea pensando no seu posto, e coide que o avellentamento demográfico tamén esmaga a dinámica social calquera que sexa o contexto.