Opinión

Francia: unha democracia restrinxida

Este domingo realízase en Francia a segunda volta das eleccións lexislativas. E, aínda que conseguise Macron ser a primeira forza e tecer alianzas abondo para acadar maioría na Asemblea Nacional, que non o ten doado, mesmo así os resultados deixarían en evidencia a fraxilidade do seu proxecto e tamén das institucións representativas. É deste xeito, tanto porque na primeira volta, o pasado domingo, practicamente empatou a alianza de esquerdas e de forzas progresistas (Nupes) coas forzas que apoian a Macron (Ensemble), un 25,66% dos votos e un 25,75% respectivamente. Este retroceso do presidente francés sumase ao das eleccións presidencias nas que se reduciu a distancia con Le Pen, a representante da ultradereita (58,54% e 41,46% respectivamente).

Non se debe obviar que na primeira volta das eleccións  lexislativas a abstención atinxiu o 52,49% dos/as inscritos, mentres que nas presidenciais só foi do 26,31%. O que indica un sistema presidencialista onde o Parlamento é valorado como carente de peso pola cidadanía. Unha maioría de esquerda e progresista podería mudar esta situación, mais a presidencia controla as principais esferas do poder, máxime tendo en consideración que a Unión Europea hoxe exerce moitas competencias estratéxicas no político, económico e social. 

Non circunstancial que a Asemblea Nacional fose perdendo protagonismo. Debese en boa medida a que os partidos o foran perdendo en beneficio das figuras dirixentes, especialmente aquelas nas que os medios colocan seus focos, mais tamén contribúe que o sistema electoral francés para a elección da Asemblea Nacional e Senado prima aos grandes partidos.

Neste último caso son 348 representantes distribuídos por departamentos do continente e ultramar, que son elixidos indirectamente por “grandes electores” (comunas e outras institucións). Por estes motivos un partido que supere o 10% dos votos en Francia pode non acadar ningunha representación no poder lexislativo (foi unha reforma feita a primeiros da década dos 50 para restar representación ao Partido Comunista Francés). A Asemblea Nacional está integrado por 577 deputados/as que representan outros tantos distritos. Para saír electo/a en primeira volta debese conseguir máis do 50% dos votos e superar un 25% do electorado do distrito. Se hai segunda volta, participan todos os candidatos/as que superen en votos o 12,5% dos/as inscritos na primeira convocatoria. 

Este funil funciona en beneficio das forzas a prol da globalización neoliberal. Por exemplo no ano 2017, cun 25,75% dos votos en primeira volta o partido de Macron (República en Marcha) conseguiu 351 parlamentarios/as na Asemblea, en segundo lugar ficaron os Republicanos, cun 13,63% dos votos e 135 deputados/as, no terceiro posto Mélenchon co 25,66% dos votos e 62 parlamentarios/as, e Le Pen cun 18,68% dos votos tívose que conformar con 8 deputados/as.  O Senado aínda que é elixido polos departamentos, trátase dun sistema indirecto, e tanto a Asemblea como o Senado teñen que aprobar as leis, aínda que só o governo e a Asemblea Nacional teñen capacidade para facer propostas.

O sistema electoral francés para elixir o poder lexislativo non é o único atranco as forzas que procuran transformacións favorábeis ás clases populares, esta función tamén a cumpren, como noutros países, outros estamentos financiados polo Estado, así como o poder económico e os medios de comunicación dominantes. En fin, Francia está presa das súas contradicións, país da Revolución de 1789, da Comuna de Paris, das revoltas de 1968, dos chaleques amarelos, mais tamén un estado con intereses coloniais, especialmente en África, así como no Caribe e Oceanía.

Sería un paso adiante unha Asemblea con maioría da esquerda e o progresismo, polo que tería de fiscalizadora e de alternativa ao governo de Macron. Tería efectos positivos tanto en Francia, colocando á social-democracia como alternativa ao neoliberalismo, substituíndo á ultradereita como primeira opción. Tamén tería efectos no conxunto da UE, onde a esquerda foise afastando das clases populares, e o panorama político foi virando á dereita. Daquela, un triunfo de Mélenchon non implicaría mudar radicalmente as políticas da UE, para iso cómpre na UE unha esquerda máis atrevida e menos fragmentada, e unha maior participación social, e sobre todo unha forza rupturista. Só sería un freo. Pode axudar para acadar esta transformación o novo reaxuste económico e social (a confrontación) entre países e entre clases sociais que está a acelerar a crise do modelo?