Opinión

Forzas emerxentes, xustiza social e soberanía

Na economía e na política é importante termos en consideración a tendencia, e saber se está forma parte dunha onda de curto ou longo percorrido

Na economía e na política é importante termos en consideración a tendencia, e saber se está forma parte dunha onda de curto ou longo percorrido. Isto ten moito valor cando analizamos os chamados novos partidos emerxentes, dado que mudaron o panorama institucional. Daquela que sexa preciso distinguir se esa mudanza pode ser definitiva ou transitoria. Estas forzas xurdiron como consecuencia do descrédito dos partidos que xestionan o sistema, e centraron a mensaxe nun cambio a través do voto, que revertese o axuste que rachou as alianzas construídas na transición (esta xa excluíra a clase obreira e o soberanismo das nacións oprimidas). Para salvar a súa responsabilidade na xestión da crise, as clases dominantes desviaron os tiros cara a corrupción política, grazas ao seu control dos medios, malia que esta sempre formou parte da lóxica do sistema. De paso meteron tamén no saco a oposición, a fin de gañar tempo e recompoñer o poder político, de xeito tal que no fundamental non mudasen as regras de xogo. O ataque a todos os partidos, mesmo os que non a practicaban e denunciaban a corrupción, preparou o terreo para as forzas de novo cuño, que proclamaban renegar da “vella” política e mesmo da política. Habería que saber ate que punto o poder xudicial colaborou nesta estratexia, ou sinxelamente fíxoo por pura supervivencia.

"O ataque a todos os partidos, mesmo os que non a practicaban e denunciaban a corrupción, preparou o terreo para as forzas de novo cuño, que proclamaban renegar da “vella” política"

Outro aspecto que tivo incidencia na actitude das clases dominantes é o conflito soberanista, especialmente en Catalunya. Nen o PP, nen o PSOE, nen tampouco o recambio de UPyD, estaban en condicións de lle dar unha saída non traumática, que garantise dun xeito eficiente os intereses do capitalismo (do español e tamén do catalán). Eran necesarios novos partidos que evitasen a ruptura do Estado ou exercer a vía represiva directa, que restaran peso político ao nacionalismo e fixeran as reformas constitucionais garantindo a unidade de mercado. A resposta foi, nuns casos, dándolle cobertura mediática a proxectos que nacendo do propio nacionalismo secundarizaban a cuestión nacional “porque non era o momento adecuado pola crise” (Anova), ou que propondo a reforma do capitalismo non cuestionaban o sistema e aceptaban a cuestión nacional e a capacidade de decidir; iso si, dende a posposta de manter a unidade do Estado español (Podemos). Noutros casos, fixérono directamente  apoiando a creación de novas forzas estatais (Ciudadanos) que servisen de comodín tanto para condicionar o PSOE como o PP, e evitar a ampliación cara o centro de Podemos. E mesmo para propor reformas institucionais que deixen fóra aos partidos molestos, como as que se fixeron no seu día en Francia, o Reino Unido, e outros estados da Unión Europea. Esta semella sen a alternativa de Ciudadanos (da gran burguesía), cando estes días propón un Governo de Unidade co PP e PSOE, para levar adiante as reformas necesarias. 

A anterior pode ser unha interpretación do acontecido nos últimos anos. Porén, non sería realista se non se lle engadise o feito de que esta emerxencia de novas forzas tivo a favor que a esquerda rupturista non estaba cumprindo axeitadamente o seu papel (aínda que non era toda homoxénea, e nas nacións periféricas a confrontación co sistema nunca deixou de se manifestar). Dirase que esta eiva tamén se dá nas forzas emerxentes, que mesmo rectificaron á baixa varias veces os obxectivos e a participación de militantes e simpatizantes que prometían inicialmente. Isto é evidente, mais levará o seu tempo que o povo peneire na praxe o grao da casca. O metabolismo social é moi lento, cando non se dan situacións álxidas de confrontación que duren no tempo, ou os medios de comunicación hexemónicos non inciden correctamente no problema. Ademais, iso non resta importancia aos erros propios das organizacións que levan décadas loitando a prol dunha sociedade máis xusta e da soberanía nas nacións dependentes. As veces fáltalles autocrítica e, polo tanto, capacidade para rectificar os métodos de traballo e ofrecer unha folla de ruta clara. Priman a rutina e os bandazos. Tampouco se pode afirmar que sempre puxeran á fronte dos proxectos e nos distintos niveis de responsabilidade as persoas máis acaídas, con capacidade de comunicación e de xerar empatía nos/nas militantes e nas clases populares. 

"O metabolismo social é moi lento, cando non se dan situacións álxidas de confrontación que duren no tempo, ou os medios de comunicación hexemónicos non inciden correctamente no problema".

Polo tanto, que os proxectos que de xeito oportunista se subiron á onda vaian perdendo atractivo, ou desaparezan no mar, ou se desfagan cando batan coas rochas do sistema, non implica que as forzas de esquerda (que permanezan) aumenten a súa incidencia social. Primeiro, porque unha desilusión  pode deixar ferida moi fondas no povo. Segundo, porque para recuperar corpo social cómpre aquilatar os erros. E neste aspecto hai quen prefire facer máis mornos os obxectivos, cedendo diante das ideas dominantes, a recoñecer as limitacións e deixar que sexan outros/as os que piloten a organización. As persoas son fundamentais no proxecto colectivo. En todo caso chamo a atención sobre o feito de que a inmensa maioría dos/as dirixentes proveñen dos mesmos sectores sociais, tanto nos partidos históricos coma nos emerxentes. A clase obreira, sexan homes ou mulleres, vellos ou novos, son unha especie rara nos organismos de dirección das forzas políticas. Estamos a falar da maioría social, desa que todos e todas seica queren salvar. E, sendo poucos na vella esquerda son inexistentes na emerxente, xa que “casualmente” nega ser de esquerda ou dereita.

Resulta evidente que o estado de ánimo da xente está a mudar, no aspecto político, e así o reflicten todas as enquisas. Podemos está perdendo intención de voto e a baixa participación nas votacións internas, para decidir aspectos das eleccións xerais, amosa que deveceu o impulso inicial que lle deu tanto arroupe na pequena burguesía progresista. Tampouco axuntan centos as mareas nas súas reunións, malia que (acriticamente ou por pura propaganda) se consideren representantes da vontade popular. Outro tanto pasará seguramente con Ciudadanos, despois das eleccións catalás, se non evita que o nacionalismo teña maioría parlamentar. Serán partidos do 15%, fronte aos do 25-30% do PP e PSOE. A eficacia fundamental para o bloque dominante de ambas as forzas estatais (ou doutras que lle poden ser máis funcionais), é diminuír o peso do nacionalismo. Algo que conseguiron en parte, tanto porque se abriron espazo electoral nas nacionalidades históricas, como porque no debate político o nacionalismo xa non conta no Estado (agás pola independencia catalá). Esta é a principal novidade en relación ao réxime do 78, xa que o resto son cambios simbólicos, que non cuestionan o sistema, algo que si sucedería cunha ruptura do Estado español.

"Podemos está perdendo intención de voto e a baixa participación nas votacións internas, para decidir aspectos das eleccións xerais, amosa que deveceu o impulso inicial"

Un xogo a catro, e mesmo a cinco, de forzas de ámbito estatal é neste intre moito máis eficaz para o funcionamento do sistema que un bipartidismo que está esgotado e que estaba forzado a negociar co nacionalismo, e a confrontar coa ameaza de ruptura. Este avance das clases dominantes no político, precedido por un cambio na correlación de forzas no económico e social, deu un pulo co nacemento dun partido que rexuvenece a utopía da esquerda reformista. E faino con propostas que non rachan co sistema, non cuestionan o euro e a Unión Europea (ou sexa o libre mercado e as regras de xogo impostas polo capital), non poñen a explotación laboral no centro das contradicións. Unha nova socialdemocracia que ten capacidade para atraer sectores importantes da mocidade, especialmente a que ten formación académica, mesmo nas nacionalidades históricas. E, por se non abondase, substitúe a cuestión de clase, polo cidadán, e reduce a xustiza social a unha reforma que permita rebaixar a desigualdade no capitalismo e suprimir os estremos máis dramáticos da explotación (u-la a ruptura?). Non só conseguindo atraer unha parte do voto da esquerda tradicional, senón restándolle activistas e cadros, eivando así calquera posibilidade de recuperación a curto prazo, e impedindo polo tanto que esta aproveite no futuro a superación do engado deste novo “felipismo”. 

Neste contexto o peor que pode suceder, para a esquerda real (nacionalista ou non), é non dar o debate político, perder a iniciativa, ficar ao rabo das propostas e do discurso desta nova socialdemocracia (aínda sendo galega). Evidentemente a confrontación de ideas non pode ter a mesma forma que cos partidos tradicionais do sistema. Tampouco se deu de igual modo co PP e co PSOE por parte do nacionalismo galego, matizouse. En principio son contradicións no seo do povo, como diría Mao. Polo tanto cómpre apoiar aquelas iniciativas que tomen estas forzas que signifiquen avances sociais e nacionais, e procurar facer con elas unha fronte común na mobilización social para as reivindicacións concretas. Mais non se deben pechar os ollos cando se prima o centralismo (ben sexa de EU, Podemos ou Ahora Madrid) fronte ás opcións que afortalan a autoorganización na forma e no contido. Sen dúbida a postura que manteñen en relación a Syriza, estas forzas emerxentes, mesmo despois da entrega á Troika, é moi clarificadora.

"Neste contexto o peor que pode suceder, para a esquerda real (nacionalista ou non), é non dar o debate político, perder a iniciativa, ficar ao rabo das propostas e do discurso desta nova socialdemocracia"

O que esta sucedendo en Cataluña tamén axuda a aclarar o panorama, a distinguir a posta en escena dos obxectivos reais. Xa que, no momento decisivo, Podemos e Esquerda Unida xúntanse para confrontar coas forzas soberanistas nas eleccións de setembro. No seu discurso calquera posibilidade de ruptura co Estado, que non sexa previamente admitida en Madrid, é unha vía que nace morta (declaracións do candidato Lluis Rabell). Afírmano, malia que é moito máis utópico acadar unha maioría parlamentar para reformar a constitución española ou conseguir que se admita a realización dun referendo de autodeterminación, como propoñen. Unha actitude legalista, que acepta as regras do sistema, cando se trata de cuestións fundamentais. Resulta evidente que só forzando a situación, confrontando co marco imposto polo gran capital, é posíbel avanzar para as clases populares (como amosa a historia)

"Aínda que pareza mentira, neste intre a coalición CDC-ERC (e as CUP) está apostando por unha vía que racha coas clases dominantes"

Aínda que pareza mentira, neste intre a coalición CDC-ERC (e as CUP) está apostando por unha vía que racha coas clases dominantes (tal como se reflicte nas declaracións da patronal española e catalá). Manterán esta aposta despois das eleccións?... Polo dagora, mesmo CIU foi dando máis pasos dos que ninguén pensaba. Pola contra, alén do discurso, na práctica concreta, Podemos e EU apoian en Catalunya a legalidade sistémica, malia que o PP e os medios hexemónicos píntanos como se foran o demo ¡a revolución! Así son as cousas hoxe, mañá xa veremos. E na Galiza, que din sobre isto Anova e as Mareas?... Por último, lembremos que a opresión nacional e a explotación de clase, ou sexa, a centralización e a concentración da riqueza e do poder, son as dúas principais vías que utilizan historicamente as clases dominantes para aumentar a taxa de lucro (Gunder Frank e Rui Mauro Marini, e outros marxistas, teñen teorizado abondo sobre a dependencia). Romper unha desas vías non é unha cuestión secundaria, xa que abre unha das portas para a a liberación das clases populares, sexa en Catalunya ou na Galiza.

http://manuelmera.blogaliza.org/