Opinión

O Foro Económico alenta a confrontación con Cataluña

Un estudo feito polos coñecidos economistas Santiago Lago e Xaquín Fernández Leiceaga, para o Foro Económico de Galicia, afirma que “a independencia catalá tería un custe a Galicia de ate 1.100 millóns de euros”. 

Un estudo feito polos coñecidos economistas Santiago Lago e Xaquín Fernández Leiceaga, para o Foro Económico de Galicia, afirma que “a independencia catalá tería un custe a Galicia de ate 1.100 millóns de euros”. Ante todo chama a atención que os dous relatores sexan persoas moi ligadas ao PSOE galego, o que condiciona a óptica dende a que se realiza a análise, que semella ter a intencionalidade política de presentar os cataláns, e moi especialmente os partidos CiU e ERC, como insolidarios cos galegos e galegas. Seica implicaría un axuste de entre o 7% e 9% do orzamento da Xunta. Non é un dato menor, e polo tanto seguramente causará preocupación en moitos paisanos, especialmente cando tería unha repercusión directa sobre as pensións, porque é neste eido onde está sobre todo o superávit catalán e o déficit da nosa nación. 

"Chama a atención que os dous relatores sexan persoas moi ligadas ao PSOE galego, o que condiciona a óptica dende a que se realiza a análise"

Esta nota de prensa amosa que o PSOE galego quere disputar ao PP, coas eleccións a tiro de pedra, o eido españolista, non dun xeito directo, senón por medio da confrontación co nacionalismo catalán, para que non resulte tan evidente a submisión centralista. E de paso, meter minas nos argumentos do nacionalismo galego, e sementar o derrotismo na conciencia colectiva no relativo ás nosas posibilidades como colectividade libre. No caso de Leiceaga, ademais, reflicte ate que punto as persoas mudan, porque no seu día tivo un papel importante nas mocidades do BNG. Sobre a súa evolución non teño ren que dicir. Sempre coidei que as persoas son libres de pensar e axer como consideren máis axeitado. Porén, a historia persoal tamén é unha pexa que non permite a escusa do descoñecemento, especialmente no referente aos argumentos do nacionalismo galego en relación á situación económica e social do país. 

"Mesmo aceptando que Cataluña mantén hai décadas unha actitude solidaria, sexa voluntaria ou forzada, iso non debería cuestionar o seu pleno dereito a aproveitar os seus recursos e decidir o futuro". 

Como atinadamente contesta La Vanguardia en referencia a este estudo, os datos que barallan estes economistas reflicten que o nacionalismo catalán ten razón, xa que Cataluña estaría a subvencionar o resto das autonomías, tal como se recoñece no caso galego segundo o informe de Lago e Leiceaga. Non é certo, polo tanto, que se trate dunha falsa escusa para forzar a independencia, como se repetiu unha e outra vez no momento máis álxido da convocatoria do referendo nesa nación, o pasado ano. Tamén sería mentira que España, “sempre tan xenerosa”, é a que garante as nosas pensións e equilibra as nosas contas públicas. En realidade, as cifras que se barallan sobre a achega da Cataluña á solidariedade interterritorial varía para o ano 2011 entre os 11.243 y 15.006 millóns de euros, segundo as fontes sexan o Governo central ou a Generalitat.

Mais, mesmo aceptando que Cataluña mantén hai décadas unha actitude solidaria, sexa voluntaria ou forzada, iso non debería cuestionar o seu pleno dereito a aproveitar os seus recursos e decidir o futuro. Asemade, nunca sería unha solución para Galiza equilibrar as contas acotío coa xenerosidade allea ou esmolas. De aceptar a óptica de Lago e Leiceaga, tendo en consideración a tendencia económica das últimas décadas, no futuro a necesidade de recursos externos para manter os gastos públicos será cada vez maior. Unha situación insostíbel e inaceptábel que non parece preocupar a estes profesores, máis interesados en sementar a confrontación co nacionalismo catalán. Todo indica que se quere diluír a evidencia de que a grave situación económica, social, cultural e lingüística de Galiza é consecuencia da subordinación, a alienación e a dependencia.

"Caer na trampa de analizar a realidade de xeito sectorial, ou temporal, sen considerar o conxunto e a evolución histórica, e as tendencias futuras, é aceptar coas mans atadas a regresión demográfica e económica"

Cando se analizan as relacións económicas entre as nacionalidades do Estado español, non se poden ignorar feitos básicos. Por exemplo, deberíase ter en consideración, cando se fala do gasto en pensións, que para unha parte importante dos emigrantes galegos retornados (de Cataluña e doutros territorios), tanto os que estiveron fóra de xeito permanente como os que o fixeron de modo transitorio, cotizaron nunha comunidade cando traballaban mais cobran noutra cando se xubilan. Tamén se deben facer estes cálculos compensatorios cando se trata do pago dos impostos polas empresas, xa que terían que facelo alí onde desenvolven a actividade, e non onde reside a súa sede central, normalmente Madrid e Barcelona, como sucede hoxe. Deberíase rectificar o prezo da enerxía, xa que o seu traslado ten un custe, polo que un prezo igual en todo o Estado español favorece aquelas nacionalidades e autonomías que son deficitarias. Cómpre analizar en perspectiva histórica os investimentos en saúde, ensino e infraestruturas, xa que non ten a mesma repercusión económica e social facelas hai unha ou dous décadas que facelas agora ou estar esperando por elas, como sucedeu coa rede de autoestradas e agora o AVE. E non estaría de máis darlle un repaso a que sectores foron beneficiados, polas políticas de Estado ou por acordos na UE, e cales son sacrificados “polo ben común”.  Tampouco se pode ignorar o papel hexemónico que teñen no noso país os medios de comunicación e as editoriais estatais, e o que isto implica a nivel cultural, lingüístico, identitario, mais tamén no que respecta aos hábitos de consumo e a análise da realidade. 

Caer na trampa de analizar a realidade de xeito sectorial, ou temporal, sen considerar o conxunto e a evolución histórica, e as tendencias futuras, é aceptar coas mans atadas a regresión demográfica e económica, en comparanza co noso entorno. Significa aceptar submisamente que perdemos o tren do aproveitamento racional das nosas potencialidades en materias primas e enerxía, rexeitar as capacidades das nosas xentes. Por iso, de pouco valen as cifras se non somos quen de comprender a importancia do contexto, se ignoramos a transcendencia de que sexan intereses foráneos os que definen o terreo de xogo e os que poñen os árbitros. Grupos de poder que necesitan do nosa sangue para manter o seu ritmo de crecemento, e acrecentar riqueza e poder. E, para entendermos isto, non podemos esquecer a evolución histórica de Galiza e o mundo, e a loita de clases.

http://manuelmera.blogaliza.org/