Opinión

Fondos de axuda da UE e/ou novo axuste

Mais unha vez, como durante a crise de 2008, e outras anteriores, ficamos diante dun duro axuste tanto entre potencias e países como entre as clases sociais. Nesta ocasión a razón, e a escusa, é a recuperación da pandemia, a cuestión ecolóxica, e a agudización do conflito causado pola invasión e guerra na Ucraína e as sancións estremas contra Rusia. Estas últimas non só afectan a esta potencia euro-asiática, aínda que fano moito menos do calculado por “occidente”, senón que volvéronse como un búmerang contra os estados que as aplican, e moi especialmente a Unión Europea. A dúbida é: até que punto xa estaba planificado por USA e Bruxelas a división do mundo en bloques ou foi unha resposta á conxuntura e un erro de estimación?

O certo é que a esta altura a guerra xa está condicionando o emprego dos recursos de financeiros, e concretamente na Unión Europea vanse primar sectores que se consideran estratéxicos no novo escenario que se está a abrir, como todo o relativo á enerxía e aos microchips, así como outras actividades industriais e o aparello militar. Unha escusa que permite manter a concentración capitalista, que xa foi inmensa a partir da crise de 2008, e fortalecer o aparello militar e represivo, tomando medidas excepcionais, escasamente clarificadas na sociedade e pouco debatidas nas institucións. Non é unha cuestión secundaria, porque, por unha banda, fortalecerá aínda máis caída dos salarios vía inflación e a desregulación laboral (xornada, fixos descontinuos...), e por outra parte, pretende axustar o papel que cada estado e nacionalidade xogue dentro da UE, por exemplo a nación galega.

Máis unha vez o españolismo (confeso e agochado) terá unha oportunidade histórica para centralizar e concentrar, relegando a un lugar secundario a Galiza, e a outras nacións e territorios, na cadea de valor. Se cadra fortalecendo o noso papel de fornecedor de enerxía, mais primando a capital do Estado coas actividades con maior valor engadido, creadoras de emprego, e decisivas na toma de decisións (non é casual o enorme medre da povoación e do PIB en Madrid, e no arco mediterráneo nas derradeiras décadas). Todo indica ademais que terá un papel destacado o capitalismo catalán, por peso económico e demográfico, como en procesos anteriores,... para tamén frear a forza do independentismo?.

Os fondos Next Generation, o aumento do gasto en defensa, e a nova partida en materia enerxética máis de 200 mil millóns de euros), necesitan dun debate, dunha clarificación, mesmo para distinguir cales son necesarios e cales só están xustificados por políticas de poder e imperialista. O debate é: a UE vese forzada a tomalas ou acepta un papel secundario, non só pola actitude de submisión dos partidos políticos sistémicos, senón porque Washington coa súas bases no exterior garante á corporacións europeas unha maior seguridade na apropiación de recursos primarios, no intercambio desigual, na sobre explotación laboral da periferia.

A nosa nación xogase moito respecto de cal será a adicación destes inmensos recursos financeiros. Ou sexa, que sectores se van primar e porque, e como se van repartir. Mais, do que non hai dúbidas e que terémolos que pagar máis cedo que tarde todos e todas, especialmente aquelas nacións e clases sociais cun papel subalterno, dependente. Sen dúbida o máis cuestionábel é o medre do orzamento en defensa, que para alén das mensaxes pacifistas amosa que na práctica estase apostando pola confrontación. E esa folla de ruta sempre terá consecuencias negativas, máxime no contexto actual.

Comentarios