Opinión

Folgas xerais, o valor da experiencia

Se cadra faga falla unha maior perspectiva histórica para saber se a crise do ano 2008 foi realmente superada nos últimos anos, e polo tanto a pandemia do covid-19, ademais da alarma sanitaria, foi a que xerou unha nova crise da globalización neoliberal, ou o virus só alentou as tendencias senís dominantes no capitalismo nesta etapa. En ambos casos é moi util analizar as respostas políticas, así como cal foi a contestación sindical. E neste último aspecto lembrar a importancia que tivo atrevemento da CIG de convocar en solitario a folga xeral do 27 de xaneiro de 2011 (hai agora unha década). Un paro no que se puña o foco na oposición á reforma regresiva do sistema de pensións, por parte do Governo de Rodríguez Zapatero.

A data escollida para esa folga tiña un carácter simbólico, porque fora ese mesmo día e mes cando a ING (Intersindical Nacional Galega) convocou unha xornada de loita no ano 1978

A data escollida para esa folga tiña un carácter simbólico, porque fora ese mesmo día e mes cando a ING (Intersindical Nacional Galega) convocou unha xornada de loita no ano 1978 para expresar a oposición aos Pactos da Moncloa. Uns acordos entre o Governo de Su´çarez aos os partdos da oposición forzaban a caída dos salarios, coa escusa da crise e un golpe militar, e cargaban sobre a clase traballadora a crise económica do momento, en beneficio do capital. Unha iniciativa que colocou ao sindicalismo nacionalista, malia representar daquela pouco máis do 10% da representación no mundo do traballo na Galiza, na vangarda da loita obreira. Unha data que volvería a ser referencia no ano 1994, coa convocatoria o 27 de xaneiro dunha folga xeral, neste caso unitaria, contra as medidas de “flesibilidade” (precarización) das condicións laborais decididas polo Governo de Felipe González (PSOE).

Respecto da folga xeral do ano 2011 afirmaba daquela nun artigo o seguinte:

“Varias ducias de miles de persoas manifestáronse polas rúas de Vigo nunha mobilización maior que a folga xeral do 29-S (de 2010), que xa fora moi grande, superando as previsións máis optimistas da CIG ¡todo un éxito!, que se reproduciu no resto das cidades galegas e varias vilas do país. Este é un dado obxectivábel que non é doado de manipular polos grandes medios de comunicación sistémicos (...) O paro tivo unha importante incidencia na industria, construción, limpeza pública, e algo menor no comercio e servizos esenciais (...)

Foi unha folga política, se temos en conta que, para alén dos motivos estritamente laborais para animar aos traballadores a participar na folga e nas mobilizacións, houbo por parte destes un alto nivel de compromiso e conciencia política, por mor da forte oposición empresarial, dos partidos do poder, e das outras dúas centrais maioritarias. O resultado do paro nacional do 27-X é un pulo cualitativo que marca un antes e un despois (...) Evidentemente este feito ten consecuencias sindicais para o futuro, porén tamén políticas (...)

Un dado que non se pode ignorar é que, o éxito da convocatoria da folga non minguou malia o acordo do día anterior entre o Governo e máis as centrais estatais, amosando que deveceu moito en Galiza a confianza na capacidade de negociación e defensa dos intereses da clase traballadora por parte de CC.OO. e UGT. O que ademais parece reflectir unha crecente deslexitimación diante de amplos sectores populares dos suxeitos sociais e políticos que participaron da nefasta negociación da reforma das pensións (...) Tamén foi un reto para o nacionalismo no seu conxunto xestionar este forte respaldo popular, consolidalo e aumentalo, o que obriga a coidar o aspecto organizativo, comunicacional, e manter a iniciativa con novas propostas mobilizadoras que non se poden adiar no tempo. En resumo: o nacionalismo galego saíu moi reforzado desta folga xeral...”

A actitude combativa da CIG e outras centrais antisistémicas, así como a substitución de Zapatero por Rajoy, e as novas medidas regresivas en materia laboral e nas pensións do PP, foron esenciais para que no ano 2012 o 29 de marzo e o 14 de novembro se convocasen novas folgas xerais, neste caso unitarias. Acadando especialmente a última unha inmensa resposta popular na nación galega, tal como reflectía daquela nun artigo: “Nas marchas convocadas pola CIG, CC.OO. e UGT, co apoio dunhas 60 organizacións sociais, a participación foi inmensa, mesmo superior á que no seu día se acadou por Nunca Máis. Destacou a asistencia da mocidade e as familias de media idade; ou sexa, o sector máis dinámico da sociedade. Ademais, convén lembrar que na Galiza fixéronse en xornada laboral, o que reafirma o éxito da folga nas empresas, que foi total na industria e na construción, amosando que a clase obreira segue sendo a vangarda na loita social”. Esta foi a última convocatoria dun paro nacional até o día de hoxe. Un paso atrás, como consecuencia de que as grandes centrais sindicais estatais colocasen de novo en lugar preferente o pacto social sen a presión na rúa, o que favoreceu a regresión salarial, medre da precariedade e a fragmentación da clase traballadora.

As tres folgas xerais ás que fixen referencia foron todas elas en resposta a medidas concretas decididas polo Governo central, ven porque desmantelaban o sector naval (1984), porque se opuñan a decisións que aumentaban a precariedade laboral (1994), ou contra unha regresión do sistema de pensións e as reformas laborais (2011). Aínda así na convocatoria, nos textos e no relato, cuestionábase o modelo económico e social, xa que todas elas pretendían cargar os custes da crise ou ampliar a taxa de lucros do capital aumentando a explotación laboral e/ou reducindo as prestacións públicas. Polo tanto, deuse nas folgas xerais, en distinta medida, un pulo cualitativo en relación coas mobilizacións, concentracións e paros de empresa, comarca e sector, xa que estas están ligadas no esencial ás condicións laborais concretas ou á defensa do posto de traballo. Agora ben, en ambos casos a súa intensidade depende en boa medida, tanto da importancia cuantitativa e cualitativa do problema, como da actitude das centrais sindicais e partidos políticos da esquerda.

Podemos tirar como ensinanza dos procesos anteriores que as mobilizacións e folgas xerais teñen unha dinámica distinta ás loitas especificas, un proceso de dixestión propio, e que ademais dan pulo ao debate político, ao que axuda moito unha maior conflitividade laboral e social de base. Por iso a primeira folga xeral de resposta á crise do ano 2008 deuse dous anos despois, en setembro de 2010, xa que incidiu que governase o PSOE e que CCOO e UGT buscasen a toda costa o pacto. Unha situación que se volve a repetir con esta crise, que se presenta como sanitaria e conxuntural, e  tamén inciden os parches que se puxeron dende a UE, e que no Estado español adquiren a forma de ERTES, SMV, ampliación dos subsidios de desemprego, etc. o que contribúe a que a mobilización  social sexa fragmentada, localizada e focalizada nos temas de empresa, sector, e comarca. Máxime se ás anteriores eivas e atrancos engadimos as medidas sanitarias (necesarias) que reducen a mobilidade e forzan ao distanciamento das persoas, e que os medios están centrados no covid-19.

Ficamos a esta altura nunha conxuntura onde a resposta global redúcese á vangarda, un tempo que    nembergantes é esencial para a socialización da situación, do proxecto, da folla de ruta; ou sexa, para gañar o debate das ideas. O cambio de fase dependerá das medidas que tome o Governo (moi condicionado pola UE e as corporacións) respecto de quen, como e cando se comezará a pagar o custe da crise, tanto en relación coas clases sociais como coas nacionalidades,... así como da fortaleza e atrevemento que teñan as forzas populares.

https://obloguedemera.wordpress.com/