Opinión

Folga xeral galega: pasando á ofensiva

As manifestacións do Día Internacional da Clase Traballadora organizadas pola CIG foron un éxito de participación, especialmente en Vigo, o que ten transcendencia, dado que é a maior cidade da nación galega. Os medios de comunicación evitaron unha valoración da capacidade de convocatoria de cada unha das centrais sindicais, ou omitiron, ou mediante a mentira, intentaron de agochar ou terxiversar este dato. Algo que por certo non é primeira vez que realizan. Un mal que non devece, malia a importancia do papel das redes sociais, senón que se fortalece. A práctica amosa a transcendencia do control das clases dominantes sobre todos os medios de información e cultura de masas. Como evitalo ou contrarrestalo segue sendo unha materia pendente. 

Entón, malia que os medios espallan brétema e terxiversan: por que as manifestacións da CIG acadaron unha participación superior a de anos anteriores? Hai quen dirá que se debeu ao éxito da convocatoria de folga do 8 de marzo, a prol da igualdade, e das manifestacións dos/as pensionistas. Estas accións de protesta contribuíron o seu, resulta evidente! Mais, considero que non se pode obviar como aliciente principal que a CIG anunciase previamente que ía convocar unha folga xeral galega en xuño. Este salto cualitativo na confrontación co capital foi o que permitiu aumentar significativamente o número de participantes, en comparación co último ano. Tampouco se poden obviar as moitas mobilizacións, folgas e accións de protesta procurando melloras laborais ou na defensa do emprego, moitas delas rematadas en éxito despois de conflitos que se estenderon no tempo, como os de Ferro-atlántica, Bershka, Leite Celta, Servicarne, ou do persoal de Xustiza. 

Por que as manifestacións da CIG acadaron unha participación superior a de anos anteriores?

 

Polo tanto esta convocatoria de folga xeral non se pode valorar como unha iniciativa oportunista ou táctica. E malia que non está garantido que en termos cuantitativos sexa total, dado a oposición dos medios, así como  doutras centrais sindicais e partidos políticos, pódese afirmar que está garantido seu éxito como revulsivo, como chamado de atención á patronal e aos governos central e autonómico. Daquela que, mesmo tendo que confrontar con forzas tan poderosas, hai razóns abondo para realizala, máxime cando neste intre amplos sectores das clases populares desexan e necesitan dar unha resposta máis contundente á ofensiva do capital, e que ademais se manteña no tempo. 

Existe un descontento moi grande na maioría social como consecuencia do aumento da precariedade laboral e da desigualdade, que contrasta co crecemento do PIB e dos beneficios empresariais, co gasto en defensa, ou co aumento salarial á policía e gardas civís. Daquela que resulte imposíbel aceptar, pechando os ollos e tapando os ouvidos, as graves consecuencias sociais da caída dos salarios, do crecemento do gasto das familias en consumo básico, e da privatización de servizos esenciais, así como alto grao de corrupción do binomio cargos-públicos/empresa-privada. Segundo o Foro Económico: a remuneración dos asalariados/as foi no 2º trimestre de 2017 un 5,1% inferior ao 2º trimestre de 2008. No mesmo período aumentou o PIB un 4,3% e os ingresos do capital nun 9,5%. Existe un estado de ánimo de indignación na maioría social, que se reflicte das formas máis diversas, por exemplo nas últimas semanas, na oposición ao ridículo aumento e falta de garantías para as pensións. 

Existe un descontento moi grande na maioría social como consecuencia do aumento da precariedade laboral e da desigualdade

 

Coido polo tanto que a iniciativa da CIG é positiva, que amosa atrevemento e coherencia, e que ademais, neste contexto social, toda acción de forza terá efectos sobre as políticas do Governo, especialmente para frear novas medidas regresivas, máxime coa fragmentación parlamentar actual. Mais, repito, coido que o aspecto principal é o estado de ánimo da xente, a mobilización social, e non a composición parlamentar, dada a pouca presenza nas institucións de forzas comprometidas coa clase traballadora e os dereitos nacionais. 

Outra virtude que ten a convocatoria da folga xeral é a de deixar en evidencia cales son as forzas coherentes nas mensaxes e na praxe, e cales as que sempre atopan unha escusa para negociar á baixa. Ou sexa, as que culpan as vítimas, neste caso a clase traballadora, de hipotéticas debilidades para enfrontar o capital. Actitudes derrotistas que desbotan as mobilizacións que se manteñan no tempo, mediante manifestacións, actos, paros parciais, e por suposto as folgas xerais. Para estas forzas as contestacións son sempre conxunturais, e polo tanto rituais, carecen dunha folla de ruta, non son unha aposta estratéxica. Sobre estas debilidades o Governo mantén os retrocesos laborais,  privatización dos servizos públicos, a regresión na fiscalidade, a caída dos salarios e o aumento da precariedade, e as medidas restritivas dos dereitos democráticos, que afectan a negociación colectiva, manifestación e opinión. 

Outra virtude que ten a convocatoria da folga xeral é a de deixar en evidencia cales son as forzas coherentes nas mensaxes e na praxe

 

Unha parte moi considerábel da clase traballadora coida que a folga xeral galega do vindeiro 19 de xuño é unha necesidade. Mesmo sabendo que restará presión sobre o Governo e a patronal que, con toda seguridade, non se sumen CC.OO e UGT. A resposta do secretario xeral da UGT na Galiza ao considerar que non sería efectiva, dado que son problemas que “hai que resolver no marco do Estado” e que “cómpre facer un último chamamento ao dialogo coa patronal” amosan con toda claridade o grao de derrotismo e pasividade do sindicalismo sistémico, e a responsabilidade que teñen nos retrocesos laborais da última década. 

Mais, para alén destas posturas, que rachan a unidade na loita contra o capital, o fundamental é confrontar con todos os medios posíbeis os retrocesos laborais e democráticos, e asemade poñer a cada quen diante do espello. Por iso, nesta conxuntura, coido que cómpre destacar dous aspectos. O primeiro, que nun contexto con tanto descrédito do poder político (e do sistema) toda resposta  obterá resultados positivos para o movemento obreiro. Evidentemente non conseguirá derrotar o capital, nen modificar as súas políticas, mais axudará a frear novas medidas regresivas e a moderar a aplicación das que están en vigor. 

Unha parte moi considerábel da clase traballadora coida que a folga xeral galega do vindeiro 19 de xuño é unha necesidade

 

O segundo aspecto é que as forzas que se poñan á fronte desta folga xeral serán referencia. Porén, para que isto non sexa conxuntural, para que permita aumentar o grao de organización e loita, cómpre que a mobilización sexa parte dunha campaña, que non sexa un fin en si mesmo, que forme parte dunha folla de ruta con obxectivos a curto e medio prazo. E que ademais relacionen a cuestión laboral, económica, social, igualitaria, ecolóxica, democrática, cultural, da soberanía nacional, e política. Ou sexa, cómpre que exista unha visión de conxunto, estratéxica, a medio e longo prazo, de participación e protagonismo das clases populares, non só nas propostas de mobilización senón nas tarefas e na mensaxe. Unha proposta que teña como obxectivo engadido a creación de conciencia política, da formación de cadros, de que a rúa condicione as institucións e non ao envés. 

A folga xeral galega do 19 de xuño pódese considerar un triunfo anticipado se suma como obxectivos, en distintos planos, todos aqueles temas que afectan á clase traballadora. Sería positivo que a publicidade comercial, que todo o reduce á consigna, non venza á tarefa de formación da conciencia e de acumulación de forzas no estratéxico. Polo tanto a cuestión central é como multiplicar este paso adiante, como darlle continuidade á folla de ruta. É un aspecto que non se pode deixar para o día despois da folga xeral. Debate, planificación, participación da base, vincular os avances económicos e sociais concretos co estratéxico, son as chaves. 

A folga xeral galega do 19 de xuño pódese considerar un triunfo anticipado se suma como obxectivos, en distintos planos, todos aqueles temas que afectan á clase traballadora

 

Por último, quero destacar, que tanto a intervención do secretario comarcal, Alberte Gonzalves, como do secretario xeral da CIG, na manifestación do 1º de maio en Vigo, foron acertadas e combativas. Amosaron un amplo coñecemento e sensibilidade diante da conflitividade laboral, da situación das clases populares, das cuestións democráticas, da igualdade de xénero, da loita pola conquista dunha sociedade con soberanía nacional e xustiza social. 

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, foi quen de transmitir que ten firmeza e vontade de cambio, e iso ten moito valor, porque é hoxe a figura de referencia do sindicalismo nacionalista. E cómpre lembrar que a CIG é maior organización do país, e a de máis capacidade mobilizadora. Polo tanto as súas intervencións non son secundarias para conquistar a liberación nacional e social, mesmo sabendo que só será posíbel mediante unha construción colectiva. Daquela que tantas persoas seguisen na Porta do Sol, escoitando con atención os discursos. E, unha vez rematadas as intervencións, falando, compartindo experiencias e ilusións. Creáronse expectativas. Adiante, con atrevemento revolucionario!!!

Unha nota á marxe do texto


Esta folga tamén terá incidencia no nacionalismo no ámbito institucional e político. O que sen dúbida será positivo, xa que demostrará a importancia da cuestión laboral. Ás veces semella que os partidos nacionalistas con maior peso no país deixan nun segundo plano a loita contra a explotación, malia que afecta á maioría social, dando unha excesiva prioridade ao táctico e ao electoral. 

https://obloguedemera.wordpress.com/