Opinión

Foi un éxito a manifestación do 17 de maio? Debullemos

A manifestación a prol da lingua galega convocada por Queremos Galego ateigou este 17 de maio a Praza da Quintana en Compostela. Pódese considerar unha das marchas que acadou maior asistencia das realizadas até o momento. Serían 25.000 persoas como afirman as organizacións convocantes? Pode que non tantos. Mais non foron moitos menos. En calquera caso, é unha cifra máis axeitada, por achegada á realidade, que a ambigüidade da palabra milleiros que dan moitos medios, que queren sementar no imaxinario colectivo máis a cifra de dous mil que de vinte mil. Non se trata dunha valoración neutra, sabedores de que neste contexto triunfa a hipótese máis conservadora.

Do que non hai dúbida é de que a manifestación foi masiva. Un éxito! E este aspecto non é algo secundario, xa que ten relación co estado de ánimo da xente, mais tamén coa consigna, co traballo realizado por Queremos Galego e as forzas que apoiaron a mobilización. Hai que felicitalas. Hoxe, neste contexto no que se sacraliza o electoral e a presenza institucional, non é doado que participen activamente tantos milleiros de persoas (voltarei máis adiante sobre este aspecto). Resulta evidente que este éxito ten moita importancia para alentar na conciencia colectiva a importancia da lingua, da cultura e historia da Galiza. Especialmente cando o sistema sementa derrotismo, convertendo a nosa identidade en sinónimo de atranco, dunha eiva para se sumar á globalización neoliberal dominante. Por iso é necesario que para completar o triunfo se socialice o éxito da convocatoria. É unha tarefa tan esencial como a campaña previa e a propia data. Trátase de fixar na memoria colectiva o acontecemento para que xere conciencia política, confronte o derrotismo e aumente a resposta social. Non pode ser a noticia dun día, máxime cando os medios de información hexemónicos son tan adversos (ningún destacou a nova en portada).

Do que non hai dúbida é de que a manifestación foi masiva. Un éxito!

A manifestación foi máis plural que nunca, ate onde o permite a realidade social e política actual. Así se reflectiu nos milleiros de persoas que acudiron á marcha, homes e mulleres, nenas e vellos, xentes da cidade e do rural, empregadas e obreiros. Todos e todas amosaron que a lingua galega, mesmo neste tempo histórico tan complexo, é algo vivo, sentido por persoas de todos os ámbitos e idades. Alí estaban partidos, sindicatos, organizacións sociais e culturais moi diversas, e algunhas tamén moi representativas e cunha base social moi ampla. Non se pode negar que había unha forte presenza do nacionalismo, mais tamén do autonomismo, tanto do que sente a Galiza como unha nación como daquel que coida que o Estado español a contén politicamente, aínda que necesitaría reformas. Todos e todas aportándolle pluralidade e forza á reivindicación da xornada, á mobilización. Tamén amosando que Queremos Galego foi quen de tecer alianzas que son esenciais para potenciar o patrimonio común de todos os galegos e galegas. Non estiveron os que non quixeron, os que son antagónicos cos dereitos lingüísticos, aínda que falen galego na vida cotiá. Non houbo sectarismos.

Non se trata de impoñer o galego. Nunca se fixo, nen se pretendeu! Iso, só é posíbel para os que teñen poder político e económico e o exercen autoritariamente. Por exemplo, como fixo e fai a gran patronal e altos directivos ligados ao español-castelán, e os sectores asociados ao aparello do sistema. O fundamental é que as persoas que falan galego, ou que hoxe non o usan e queiran expresarse nel no futuro, podan facelo coas mesmas repercusións e consecuencias que co emprego do castelán. Que non se lles traduza nos medios, que os produtos estean etiquetados na lingua do país, que nas universidades a súa utilización sexa a que corresponde a unha lingua que fala gran parte da poboación. Que podan ir a unha entrevista de traballo sen ter que agochar a súa identidade lingüística. Hai que rematar coa diglosia de aceptar unha minoría cultural en galego e que se empregue nas institucións políticas nos actos públicos, mentres se sataniza ou ridiculiza o povo que o utiliza na empresa, no comercio, na vida social.

Non se trata de impoñer o galego. Nunca se fixo, nen se pretendeu!

O importante, e o urxente, é que a Xunta de Galiza, que hai anos recorta medios para a promoción da lingua e a cultura galega, apoie cos recursos económicos necesarios o que di defender coa boca pequena nos actos conmemorativos, como o Día das Letras Galegas. Puro teatro, mentiras. O necesario é que os organismos que deben velar pola lingua, cultura e historia do país deixen de pensar nos orzamentos, que rachen coas dependencias, que ergan a súa voz contra a dependencia, a inxustiza, a opresión histórica. Que sexan dignos herdeiros da Revolución de 1846, do banquete de Conxo, do Proxecto de Constitución do partido Republicano Federal, do Manifesto das Irmandades da Fala, do Anteproxecto de Estatuto da Galiza de 1931. Do que se trata é de garantir a igualdade, de que se rachen as gaiolas económicas, culturais, de poder, que seguen abafando este pobo cando fala en galego. O bilingüismo actual non é produto da liberdade, senón do sometemento. Non se trata de impoñer o galego, senón de que non se nos obrigue a falar o castelán-español. Esa é a cuestión. Igualdade! Liberdade! Democracia! Xustiza!

Por último destacar que o éxito da manifestación do 17 de maio, como xa aconteceu coa do 1º de maio no espazo sindical, e seguramente acontecerá coa do Día da Patria Galega no espazo político, amosa que é no ámbito da mobilización (participación) onde o nacionalismo anticolonial está máis consolidado. Non no electoral, moi condicionado polo poder mediático. Mesmo hai quen, facendo unha lectura errada, pensa que á manifestación do 17 de maio faltoulle pluralismo porque o nacionalismo anticolonial era moi maioritario. Non foi así. A lectura debe ser outra. O movemento nacional popular galego (en gran medida organizado no BNG) ten unha militancia e simpatizantes acostumados a se manifestar, herdeira dunha tradición marxista, propia dunha fronte de liberación nacional e social. Tampouco se pode ignorar a campaña previa e os actos paralelos dalgunhas organizacións, especialmente o Correlingua que achegou a problemática a todas as cidades e moitas vilas do país. O 17 de maio é moito máis que un día para a reivindicación.

É no ámbito da mobilización (participación) onde o nacionalismo anticolonial está máis consolidado

Polo tanto, trátase de afondar no que está ben feito. A principal tarefa neste intre é fortalecer a mobilización, darlle continuidade e sostén teórico, e que forme parte de campañas organizadas e moi socializadas (análise, folla de ruta, obxectivos a medio e longo prazo). Trátase de usala como panca para mudar a realidade nos ámbitos máis condicionados polo sistema neste etapa histórica, onde a información e a formación son un aspecto central da globalización neoliberal (do capitalismo imperialista). Fortalecer a mobilización, socializala como tarefa fundamental, permitiría atraer a nova militancia, xerar cadros na loita, gañar base social, e acadar a complicidade de sectores amplos das clases populares (dando así azos ao traballo institucional do nacionalismo anticolonial, que ás veces merece críticas, porén moitas máis felicitacións). Esta foi a andaina que realizamos hai catro décadas (e tamén a que fixeron tantas outras forzas revolucionarias ou transformadoras). Son métodos de traballo que non están superados nen pasados de moda. O que se está esgotando rapidamente é a política baseada no tacticismo, nos efectos mediáticos, e nunha cúpula de elites desligadas da práctica. Para conseguir a ruptura no ámbito político é necesaria unha sólida asociación entre a mobilización e protagonismo laboral e social, a disputa das ideas, e a presenza institucional.

No fundamental, máis alá dos pequenos erros, este Día das Letras Galegas foi unha xornada para estarmos satisfeitos todos e todas os nacionalistas galegos. Critiquemos os erros, valoremos os acertos. E especialmente socialicemos os éxitos do povo, da súa vangarda, esa que está na primeira liña das loitas laborais e sociais con propostas políticas superadoras. Por un 17 de maio de 2018 que supere todas as previsións.

http://manuelmera.blogaliza.org/