Opinión

Que foi da iniciativa e da política de masas?

Non hai dúbida ningunha que o capital, ademais de ter a hexemonía no Estado español, tamén posúe  a iniciativa, xa que a clase traballadora e os movementos de liberación nacional están á defensiva. Asemade, o independentismo catalán, tendo a virtude de propoñer cambios sistémicos necesarios, a medida que afondou no procés foi perdendo forza, xa que a folla de ruta que escolleu deixou en evidencia que non se daban as condicións para concretar os obxectivos ao ritmo que se propuña (correlación de forzas insuficiente e eivas do suxeito para dirixir a ruptura, como teño analizado en artigos anteriores). En todo caso, o resultado do procés, aínda que siga mantendo a súa pegada, tal como se está a desenvolver contribúe a que o imperialismo reforce a iniciativa en todos os planos. 

Cualifico este último aspecto como de contribución, porque o capital tomou a iniciativa con anterioridade, no marco do avance das ideas e medidas que instalaron a globalización neoliberal.  Estas atoparon campo propicio coa caída da URSS, o retroceso ideolóxico da esquerda, e o derrotismo da maior parte do sindicalismo, especialmente o de matriz socialdemócrata. A última crise, as guerras e intervencións imperialistas, non son máis que parte deste reaxuste, que pretende mudar o reparto do poder, do traballo e da riqueza, no ámbito territorial e entre clases sociais.

No Estado español, e na Galiza, o capital está instalando ideas e poñendo en práctica medidas que poucas veces son contestadas coa contundencia que corresponde polas forzas de esquerda (incluídas as nacionalistas, que historicamente estiveron na primeira liña de combate, mesmo despois da caída da URSS). Por exemplo, que a patronal pida que se poidan realizar contratos de bolseiros para maiores de 45 anos e que a idade de xubilación se adíe ate os 75, non son arroutadas; son globos sonda para ver a capacidade de resposta dos suxeitos que en teoría defenden os intereses das clases populares. Tampouco non son casuais as detencións preventivas e as durísimas condenas por motivos políticos e ideolóxicos que se ditan no ámbito xudicial. E o mesmo nesgo teñen as decisións que dende o Governo central premian unhas autonomías e castigan outras. 

No Estado español, e na Galiza, o capital está instalando ideas e poñendo en práctica medidas que poucas veces son contestadas coa contundencia que corresponde polas forzas de esquerda

 

Fronte estes retrocesos laborais, sociais, e dos dereitos democráticos, hai que dicir, que a resposta foi mínima e tímida, e incapaz de aproveitar estas propostas  e medidas desapiadadas, indignantes e provocativas, para lles dar unha contestación inmediata, radical e de masas. Semella que as forzas populares están centradas exclusivamente na liorta de empresa, de sector, de localidade, ou dun fragmento da sociedade. Loitas que son necesarias, mais que deberan dar pulo (e non restarllo) ao debate, ás campañas e mobilizacións, a prol do proxecto estratéxico, dun novo paradigma, dun cambio de sistema. Ademais, neste intre, no marco da empresa e do sector, e do ámbito local, é onde as loitas son máis difíciles de dar e gañar, xa que é onde o sistema conta con máis forza e mecanismos de control. Trátase polo tanto de levar os problemas á rúa e ás institucións, aos medios de comunicación tradicionais e de novo formato. Porén, en todas as circunstancias, as iniciativas terán éxito se contan con moito apoio popular, ou sexa, se son sentidos e afectan a colectivos moi extensos, e son expresión superadora dunha realidade na que prima a explotación e opresión das maiorías. Por exemplo, se dá resposta á precariedade, aos baixos salarios, ao desemprego, ás pensións e outras prestacións públicas, á defensa da lingua, da cultura e dos ecosistemas, aos dereitos laborais e sociais, tanto individuais como nacionais.  

E neste aspecto, todo indica que as mobilizacións dos pensionistas poden ser un revulsivo. Primeiro, porque está en xogo a continuidade do sistema público e que as pensións sexan dignas (ingreso mínimo, actualización anual). Segundo, porque esta prestación está moi ligada, tanto por ter un carácter  interxeracional, como polo papel que xogan na solidariedade familiar, coas condicións laborais actuais da clase traballadora. Ou sexa, as pensións unen, por intereses e reivindicacións comúns, persoas que reciben está prestación, cos asalariados/as e persoas no desemprego. Daquela, a vixencia e transcendencia da consigna: traballo e pensións dignas! Terceiro, os/as pensionistas que están a saír á rúa, teñen unha diferenza fundamental con aqueles que o facían hai unha década. Na actualidade, son persoas que pasaron polas loitas obreiras contra o franquismo e as grandes mobilizacións da primeira década da transición. 

As pensións unen, por intereses e reivindicacións comúns, persoas que reciben está prestación, cos asalariados/as e persoas no desemprego

 

Polo tanto, a acción reivindicativa polas pensións non pode ficar reducida ao reclamo do seu aumento segundo o IPC, nen converterse nun movemento amorfo que nega a partidos e sindicatos, discurso e simboloxía propias. Acaso, con disimulo, quérese protexer o caladoiro de votos dos partidos servís ás clases dominantes? Este é un conflito estratéxico, de modelo de sociedade, onde confrontan o público co privado, o individualismo coa solidariedade, a visión de conxunto co reducionismo do inmediato.  Daquela que sexa fundamental que exista debate sobre os obxectivos a medio e longo prazo, porque está en cuestión o modelo de sociedade. E con estas metas pactadas, unificar na loita todo o que sexa posíbel. Todo!  Neste sentido, ás mobilizacións convocadas pola CIG durante os últimos meses a prol das pensións, e moi especialmente a da pasada semana,  representan un pulo cualitativo. Reflectindo que este é o camiño para recuperar a iniciativa.