Opinión

O fin da globalización neoliberal?

A invasión da Ucraína por Rusia implica un salto cualitativo na confrontación entre potencias, e de custe de vidas humanas e destrución. Daquela que as forzas progresistas pidan a paz, que remate a ofensiva rusa, e que vexan como acertadas as reunións que se están a facer na fronteira entre Bielorrusia e a Ucraína as partes directamente involucradas. E, que resulte difícil de entender, para quen non teña en consideración os antecedentes, de meses de negociacións fracasadas entre as grandes potencias e para o cumprimento do acordo de Minsk, que estas xuntanzas non estean alentadas e que non conten coa participación dos Estados Unidos e sobre todo pola Unión Europea e organismos internacionais (entre as potencias só China se ten manifestado a prol dun acordo diplomático). Todo indica que o esforzo fundamental da UE e a OTAN centrase en intervir no conflito facilitando armas a Ucraína (e tamén mercenarios para os batallóns internacionalistas?). Será que as potencias occidentais apostan no esencial por alongar a guerra para desgastar a Rusia, mesmo a costa de estragar a Ucraína?  Se fose así a división entre bos e malos neste conflito armado non está tan clara como santifican os partidos políticos e medios sistémicos.

Dito o anterior, non me quero estender máis no tema, porque os acontecementos son moi dinámicos, e a situación militar tanto pode resolverse en poucos días como alongarse no tempo, aínda que sen dúbida será no aspecto político, económico e social, onde a fenda aberta será máis duradeira. Unha fractura que moitos analistas consideran irreversíbel con consecuencias directas sobre a globalización neoliberal, o papel do dólar e euro como moedas de reserva, e a corto prazo sobre o medre da economía, inflación, salarios e destrución de emprego. Non se trata dunha cuestión secundaria, xa que acabamos de saír dunha crise provocada pola pandemia, e aínda que o rebote foi moi forte nos últimos meses, aos atrancos económicos que está a causar o medre do prezo da enerxía e outros recursos, así como os problema sde abastecemento de certos produtos, como os chips, agora se lle suma unha guerra nas fronteiras da UE, na que directamente e indirectamente interveñen moitas das principais potencias.

A primeira constatación é que unha boa parte da UE buscará substituír a Rusia como fornecedor de enerxía e outros produtos primarios[i], o que non será doado, e pola súa banda a Unión perderá un cliente de bens e o turismo que ten orixe nesta federación (1.300.000 turistas para o estado español en 2019). Outro tanto fará Rusia aumentando seu vinculo comercial con China e outros países asiáticos e do medio oriente, mesmo con Turquía que non se sumou ás sancións. A ambas partes, a UE e Rusia levaralles tempo este proceso, mais poden facelo. Ese tempo terá custes en PIB, en emprego, en servizos esenciais, sen dúbida máis para Rusia. Por exemplo os Estados Unidos calcula que o medre do seu PIB neste primeiro trimestre será do cero por cento, que a inflación aumentará, polo que subirán os tipos de interese. O que pode contraer máis a economía, e xa anuncia Biden que se reducirá o gasto social. Tamén afectará os investimentos en infraestruturas que era unha especie de fondos Next Generation?.. uns e outros moi centrados na asociación coas grandes corporacións. Ademais están os gastos en axuda humanitaria e armamento a Ucraína, mais tamén nun maior número de forzas militares da OTAN cercando a Rusia. A este respecto dicía Pedro Sánchez hai uns días: “As medidas van ter un custo e van esixir sacrificios, porque as sancións contra Rusia repercutirán na economía das familias e nos produtos básicos".

 A ruptura con Rusia non só atinxe o eido económico, senón que se levou ao ámbito da información (exclusión de RT e Sputnik) de numerosas plataformas dixitais e eliminando a voz rusa na Unión Europea. Que se suma a exclusión do sistema Swift de transaccións bancarias, conxelar os activos do banco central ruso, de empresas e mesmo de persoas determinadas, excluír esta federación de actividades deportivas e culturais, sancións a determinadas importacións e exportacións, etc. En poucas palabras que as redes, a liberdade de expresión, o deporte e a cultura, o comercio de bens e servizos e as moedas de reserva non son neutrais, senón que responden aos criterios que marquen certos países, que coa súa vara de medir condenan a Rusia porén non a Arabia Saudí e Emiratos Árabes Unidos que masacran Iemen e apoian grupos terroristas (valorados como tais por USA e a UE). Tampouco se aplican estes criterios respecto das múltiples invasións, bloqueos e asasinatos de Estados Unidos.

Agora ben, esta medidas representan un un salto cualitativo. Quen vai confiar no futuro  no sistema Swift e no dólar e no euro como medio de transacción e como moedas seguras cando están politizadas pregúntanse mesmo algúns economistas neoliberais?  Este temor está neste intre na mente de moitos governantes do mundo, mesmo daqueles que hoxe seguen todos os ditados dos USA e da UE. Polo tanto que moitos economistas pensen que con estas medidas as potencias occidentais acaban de dar un mazazo á globalización neoliberal. Mesmo que maticen que será un proceso, que aínda non hai outra moedas que se vexan como máis seguras, porén o mal está feito.

Ficamos nunha conxuntura de choque entre as potencias hexemónicas e as emerxentes, no que se define se o mundo segue a ser unipolar ou se impón o multilateralismo, o enfrontamento non se dá entre modelos económicos e sociais distintos, mesmo que haxa matices. Moitos analistas coidan que ficamos ás portas dun mundo multipolar e que Washington e seus aliados non o poden impedir. Pola súa banda o economista de esquerda Julio Gambina opina que: “Os cambios acontecidos na década dos 90 desencadearon diversas resistencias e mesmo intentos de cambio político que entusiasmaron o imaxinario colectivo por transformacións anticapitalistas, antiimperialistas e antipatriarcais, polo que as incertezas actuais tamén chaman a pensar un pouco máis aló do día a día, mesmo en perspectivas liberadoras contra e máis alá do réxime do capital”[ii].

Neste contexto cómpre analizar máis unha vez os escenarios futuros, ter para cada un deles a folla de ruta axeitada, no camiño da xustiza social, a defensa da natureza, a solidariedade, a soberanía nacional,... porque os cambios poden ser moi rápidos, e as dinámicas moi complexas. Daquela a importancia de facer lecturas a medio e longo prazo. Noso país xogase moito (peche de empresas, servizos públicos, reparto dos fondos europeos, etc), porque as dinámicas nestes contextos tenden a se marcar máis autoritariamente e con todo tipo de escusas desde os centros de poder, o que tende a aumentar a dependencia e o papel colonial da nación galega. Isto non vai só de Rusia e a Ucraína, aínda que sexan os actores no centro do escenario.

https://obloguedemera.wordpress.com/

[i]https://rebelion.org/cinco-materias-primas-esenciales-a-las-que-afectara-la-guerra-en-ucrania/

[ii]http://juliogambina.blogspot.com/