Opinión

Feijóo, complicidade e submisión, hoxe e mañá

Despois de voltar dunha viaxe por Andalucía, Arxentina e Uruguai, sen máis finalidade aparente que a de facer campaña electoral a prol do seu partido, aínda que os gastos terémolos que pagar todos e todas, o presidente da Xunta de Galiza desbordou optimismo no pleno do Parlamento sobre o futuro do país. 

Despois de voltar dunha viaxe por Andalucía, Arxentina e Uruguai, sen máis finalidade aparente que a de facer campaña electoral a prol do seu partido, aínda que os gastos terémolos que pagar todos e todas, o presidente da Xunta de Galiza desbordou optimismo no pleno do Parlamento sobre o futuro do país. Segundo Núñez Feijóo “Galiza amosa unha fortaleza superior a outras comunidades” (na recuperación económica). Unha análise da situación que lle é funcional, porque o coloca como un bo xestor, mais que non se corresponde nen co acontecido durante 2014, nen co que prevén os analistas máis rigorosos que suceda en 2015. 

"Non se pode afirmar polo tanto que sexamos a locomotora da economía no Estado español, nen sequera como máquina auxiliar, e non existe ningún indicio certo de que o podamos ser este ano".

O ano pasado, a economía galega medrou un 0,4%, polo tanto por baixo do 1,4% que tivo de media o Estado español (EE). Porén, os dados en relación co emprego foron aínda máis negativos. Concretamente o EE aumentou a súa povoación ocupada en 433.900 persoas e Galiza perdeu 2.200. Non se pode afirmar polo tanto que sexamos a locomotora da economía no Estado español, nen sequera como máquina auxiliar, e non existe ningún indicio certo de que o podamos ser este ano. Fortalece unha hipótese menos triunfalista o anuncio sobre Barreras, o novo golpe ao sector lácteo, os atrancos na pesca, a forte emigración da mocidade, e sobre todo, a falta dun proxecto de desenvolvemento propio para Galiza, axeitado á nosa realidade, por parte da Xunta. 

O optimismo do Presidente da Xunta e do seu partido, ten unha finalidade propagandística:   “comerlle o coco” aos electores pra acadar os mellores resultados posíbeis nas vindeiras eleccións municipais, máxime cando o PP está en descenso na intención de voto. Quere remontar nas enquisas   co argumento de que, malia que os sacrificios foron e son moi grandes, os resultados xa se comezan a notar e son esperanzadores. Unha hipótese falsa, porque o duro axuste non se detivo, cebándose especialmente na clase traballadora, e nun sector dos autónomos e pequenos empresarios, mentres que as corporacións e grandes fortunas fan o seu agosto, ou como afirmaba hai uns anos o millonario Warren Buffet: “hai unha guerra entre clases e estámola a gañar”. Consecuencias: diminución de salarios, precarización da contratación, redución das prestacións básicas, como a sanidade e ensino, mais tamén das pensións, das achegas ao desemprego e da atención aos dependentes. 

Este axuste ten na Galiza, por mor da dependencia política, tanto unha compoñente social como outra territorial, cuxas consecuencias máis evidentes son a privatización de NCG, a transferencia a capitalistas foráneos de Fenosa, Pescanova, Barreras, Banco Pastor, Etcheverria, etc. Ou sexa, unha perda de peso dentro do Estado español, malia a nosa riqueza en materias primas e enerxía, e sermos un país cunha extensa costa e clima excepcional, con todo o que iso ten de potencialidade. Este recuar vese tanto na enxurrada emigratoria, especialmente da mocidade, como no retroceso demográfico. Entre 2008 e 2014, a nosa povoación baixou en 40.000 persoas, e pasou do 6,03% do total do Estado español ao 5,87%. Neste mesmo período, Galiza perdeu o 7,88% da povoación ocupada (196 mil persoas), e o 8,6% dos que traballaban na industria, en relación co Estado español. No outro extremo atópase Madrid, que no mesmo período de duro axuste gañou 170.000 habitantes, e perdeu na industria un número de empregos semellantes aos de Galiza, malia ter un sector industrial un 50% máis grande. Estas son as consecuencias da falta de soberanía, ao que se lle engade unha Xunta submisa ate o ridículo ás directrices e insinuacións do Governo central. 

"Este recuar vese tanto na enxurrada emigratoria, especialmente da mocidade, como no retroceso demográfico. Entre 2008 e 2014, a nosa povoación baixou en 40.000 persoas, e pasou do 6,03% do total do Estado español ao 5,87%".

Aínda que as incertezas sobre o contexto económico no futuro son moitas, especialmente porque dependerá de como se resolvan os moitos conflitos abertos (Siria, Libia, Ucraína, etc.), e das consecuencias de asinarse o TLC entre os Estados Unidos e a Unión Europea, o actual crecemento do PIB ten moito de conxuntural. Está moi vinculado á baixada do prezo do petróleo, á queda do euro, e ao aumento do turismo, e moito menos ao medre das exportacións, un factor que si sería xerador de emprego. No ano 2008, exportabamos por valor de 31 mil millóns de euros e no 2012, o último do que temos dados completos, faciámolo por 28,2 mil millóns, malia que a balanza de bens e servizos estaba máis equilibrada. Na primeira das datas tiñamos un déficit exterior de 6,8 mil millóns e no ano 2012 duns 1,4 mil millóns de euros. En calquera caso, se excluímos os outros territorios do Estado español (sobre un 50% do total), no balanzo de comercio exterior, Galiza ten un saldo positivo. No ano 2008 tiñamos un superávit de 242 millóns de euros, e no 2012 de 1.630 millóns de euros. 

Ou sexa, que nas relacións comerciais co Estado español, o noso país créalle emprego, e a nos réstanos actividade produtiva, recreamos o atraso. Se a esta eiva lle sumamos unha tarifa eléctrica que socializa aquí as perdas causadas polo transporte (en prexuízo das zonas produtoras como Galiza), o investimento fóra do país do aforro das familias (hoxe en boa medida no déficit do Estado), e a exportación de lucros das empresas controladas polo capital estranxeiro, temos una panorama moi aproximado das hipotecas que impiden o desenvolvemento. Máxime, se a todo isto lle engadimos que o valor do euro, dos aranceis á importación, as axudas á exportación, e as subvencións a sectores produtivos están en función das nacións con máis peso económico e político. 

Agora ben, sendo evidentes todas estas eivas e atrancos que hipotecan o futuro do noso país, o certo é que durante os governos de Núñez Feijóo estas dependencias agrandáronse e os efectos negativos polo tanto irán a máis, xa que se puxeron os alicerces para que así sexa. Cómpre termos en consideración que ficamos nunha conxuntura, ou sexa nun período de axuste do capital entre dúas etapas, no que se está disputando un novo reparto da riqueza e do poder entre as clases sociais e entre os países. Se nalgún momento é esencial, ter poder político e apostar por un novo modelo produtivo que sirva aos intereses das clases populares galegas, é nesta conxuntura. Galiza non pode seguir confiando en partidos que, como teño dito outras veces, co argumento de ser arrastrados por unha locomotora potente, pechan os ollos ante o feito de que esta vai esnaquizando o noso vagón de cola para fornecer de madeira a súa caldeira, e poder conseguir así unha maior velocidade. Esta é unha imaxe gráfica do papel que estamos a cumprir dende hai séculos, e sobre todo, nesta crise (axuste), algo evidente, que só o proceso de colonización impide ollar con total claridade.

"E, mesmo con erros e eivas, que se deben corrixir, ningunha organización pode ofrecer tanto como o BNG".

Nun momento histórico de tanta transcendencia, a Xunta do PP adicouse esencialmente a facer unha xestión eficaz das medidas que nos ditaban Madrid e Bruxelas, ou sexa, en dar pulo a un modelo que concentra e centraliza a economía e o poder (en prexuízo de Galiza e das clases populares), como ate o menos espelido pode comprobar polos seus efectos. Fíxoo tanto no eido económico e social coma no cultural e lingüístico, amosando un total desleixo cando non desprezo en relación a todo aquilo que identifica o povo galego como unha nación. Non podía ser doutro xeito porque economía, relacións sociais e laborais, cultura e lingua, xénero... non son máis que os distintos ámbitos nos que se dá a loita de clases. 

As vindeiras eleccións municipais deben ser un primeiro paso para terminar co optimismo cómplice dun presidente ao servizo de intereses alleos. A campaña e a presenza nos concellos debe servir para fortalecer aínda máis o nacionalismo como forza propia das clases populares de Galiza. E, mesmo con erros e eivas, que se deben corrixir, ningunha organización pode ofrecer tanto como o BNG. Ningunha forza pode amosar unha xestión tan boa, como a realizada por exemplo en Allariz, Pontevedra e outros concellos; nen un proxecto de ruptura coa dependencia e de defensa da identidade nacional, probado na mobilización, na confrontación co sistema, na práctica cotiá durante décadas. Mais, sería ignorar o acontecido nos últimos anos, e a fortaleza das clases dominantes, pensar que o BNG vai repetir resultados electorais. Porén tampouco serán unha repetición dos obtidos nas autonómicas. Sobre esta recuperación debería construírse a folla de ruta do nacionalismo no ámbito institucional. 

http://manuelmera.blogaliza.org/