Opinión

O estratéxico cómpre telo sempre presente

Todo amosa que, máis unha vez, aqueles que só buscan solucións no marco do capitalismo teñen como única alternativa fortalecer a opresión e explotación, mesmo que así se manteña a desfeita ecolóxica, e malia que se predique a economía verde e a dixitalización. Daquela, as boas palabras fican en ren, e as medidas sociais que se viron obrigados a tomar pola pandemia redúcense a unha “tirita”, porque ao mesmo tempo segue en pe a disputa polos mercados mundiais. Polo tanto, non deixa de medrar a centralización e concentración do poder e da riqueza ligada á inxerencia militar e sancións económicas. O futuro dos principais actores sustentase en demonizar á competencia e agudizar a confrontación, ben sexa política, na información e cultura de masas...

E nesta folla de ruta a iniciativa está nos Estados Unidos, tanto de Trump como agora de Biden, para frear a expansión económica de China e Rusia. Porén tamén a Unión Europea está nesta liña, vexase súas sancións a Rusia e Venezuela na última semana. Asemade, son os Estados Unidos, Francia e o Reino Unido os que teñen centos de bases no exterior, os que ocupan á forza grandes zonas de Siria, as que manteñen tropas en Iraq malia que o governo e parlamento deste país pediu a súa retirada. Que todas as potencias aplican nas relacións con outros países actitudes de dominio é verdade, mais a desproporción aínda é enorme, e a historia que hai por detrás de ambos bloques marca diferencias que non se poden obviar.

Todo indica que resultara moi difícil un acordo entre o imperialismo hexemónico e as potencias emerxentes, xa que a UE non é neutral, nen sequera busca constituír un proxecto propio, aínda que haxa partidos que sigan soñando con esa utopía e consideren que son o centro do universo, da democracia... Esta actitude de Bruxelas non axuda ao dialogo e a atopar solucións, como se acaba de ver na recente visita que fixo Borrell a Moscova. Cómpre polo tanto abrir unha vía alternativa, unha terceira opción, que cambie a correlación de forzas e, como mínimo, obrigue a respectar as regras internacionais. Por exemplo en relación coa soberanía das nacións, o dereito de autodeterminación, o intercambio entre iguais, a solidariedade, a protección do medio ambiente, do control demográfico, da garantía da paz, democracia e xustiza social.

Este papel de contención tivérono durante a guerra fría o Movemento de Países Non Aliñados e os partidos e sindicatos de esquerda nas nacións do centro do sistema, como consecuencia da Segunda Guerra Mundial, e do proceso de descolonización empurrado pola URSS e os Estados Unidos, mais apoiando modelos opostos. Este cambio axudou en principio ao avance do Terceiro Mundo, a un maior crecemento da economía mundial e dos dereitos laborais e sociais en boa parte do mundo, e non só nos países centrais do sistema como a veces se pretende desde ópticas eurocentristas. A caída da URSS e a imposición da globalización neoliberal rematou con esta evolución

.Estas son contradicións e escenarios futuros, que condicionan formación do imaxinario colectivo, da folla de ruta e das tarefas, análises e propostas que deben estar presentes no traballo político e sindical cotiá, e tamén en datas significativas. Como seguramente sucederá o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, loxicamente centralizado en dar folgos á igualdade entre xéneros. Neste caso a CIG chama á folga e mobilizacións, nas que ademais pon o acento nun tema tan preocupante como é o da dependencia. O propio sucederá días despois co 10 de marzo, Día da Clase Traballadora Galega, no que os sindicatos denunciaran que non se eliminou a reforma laboral e estanse a pechar empresas estratéxicas, polo que se realizarán distintas manifestacións, e unha folga unitaria no Ferrol pola gravidade da situación.

En resumo, son reaxustes do capital e do imperialismo que afectan máis unha vez negativamente á nación galega, que teñen relación directa coa opresión nacional e a loita de clases, porén tamén coas confrontacións entre potencias, a desfeita ecolóxica, a pandemia, cun capitalismo na súa etapa senil que alenta a precariedade e desigualdade en todos os ámbitos. A resposta concreta que se lle dá na Galiza é básica e esencial, cun gran esforzo do nacionalismo rupturista. Mais todo está conectado, comprendelo e divulgalo é fundamental, e o final da pandemia debería implicar ademais un pulo na mobilización. Algo que todo amosa espera o sindicalismo de clase, por iso sementa malia o esforzo e dificultades.

https://obloguedemera.wordpress.com/