Opinión

Estados Unidos xoga a illar a China e Rusia

A actitude das potencias occidentais, coa nova administración dos demócratas nos Estados Unidos, está a dar un salto cualitativo na confrontación, en relación coa etapa de Trump, aínda que non fose o esperado e que Biden escenifique mediante unha reunión con Putin que está aberto á resolver co dialogo ás diverxencias. Na práctica, que é o que importa, aumentou a presión militar sobre as fronteiras de Rusia, fortaleceuse nos medios de comunicación a demonización do governo da Federación Rusa, e anúncianse novas sancións económicas, tamén por parte dos aliados de Washington. Outro tanto está a suceder con China e con aquelas nacións que rexeitan manter unha actitude dependente das decisións e posturas dos Estados Unidos.

Resulta evidente que o medre da presión, económica e militar do governo de Biden, foi previamente consensuada no G-7, na OTAN, e na reunión bilateral entre USA e a UE, e que se debe á negativa de Moscova a rachar os acordos que mantén con China. Washington tiña que intentalo, porque un cambio de alianzas sería chave para evitar que este país se consolide como a primeira potencia económica, e sobre todo no ámbito da intelixencia artificial e militar. Aínda que  nas declaracións posteriores á xuntanza, entre Putin e Biden, ambos fixeron unha lectura construtiva, especialmente o primeiro, os sucesos posteriores amosan que Estados Unidos xa tiña acordada unha folla de ruta no caso de non lograr dobregar a Rusia. Mesmo todo indica que esta presión farana tamén con outras nacións rebeldes ao mandato imperial.

A provocación do destrutor británico entrando en augas de Crimea, obrigando a un gardacostas e bombardeiros rusos abriran fogo de advertencia para que abandonase o lugar, un incidente negado por Londres, mais que confirma un xornalista que ía no buque, reflicte até que punto se quere levar a confrontación e, o máis grave, a ruptura da confianza ao negar o sucedido. Polo tanto, todo indica que se esta forzando a ruptura do mundo en dous bloques, co claro obxectivo de dramatizar e demonizar a China e Rusia para deste xeito moitas nacións rachen as relacións en todos os ámbitos, nunha economía de escala na que hoxe a iniciativa e o crecemento é moi favorábel á potencia asiática. Outra cuestión é que este obxectivo se logre por parte dos Estados Unidos e potencias aliadas. Ante todo, porque entre estas últimas non coinciden totalmente nos intereses que defenden. Ademais hoxe existen potencias rexionais como a India, Turquía, Iran, Paquistán, Indonesia, México... que van a tomar partido en función dos seus intereses. 

Ficamos nun contexto moi distinto aos anos posteriores á caída da Unión Soviética, e o capitalismo está na súa etapa senil

Non se pode obviar que ficamos nun contexto moi distinto aos anos posteriores á caída da Unión Soviética, e o capitalismo está na súa etapa senil, como o definía Samir Amin. Con todo o que iso implica en materia de desigualdade entre territorios e clases sociais, precariedade laboral, desgaste da participación electoral, aumento da protesta social, ruptura do equilibrio co ecosistema, crecemento da especulación, economía delitiva  e violencia...  

Estados Unidos, mesmo que se reafirme no obxectivo de que teñen o papel divino de dirixir ao mundo, e que ao mesmo tempo Biden subvencione a produción de bens que consideran estratéxicos no seu territorio (como propuña Trump e planifica China), non pretende rachar coa globalización neoliberal (ou sexa, a expansión imperial). Do que se trata é de deixar fóra temporalmente a aquela parte do mundo coa que está perdendo competencia, até facer de novo incuestionábel a súa primacía. Para o cal quere crear nesta etapa intermedia condicións de explotación e opresión para acadar unha maior acumulación nos países dependentes, pechando total ou parcialmente os mercados de consumo e produtores de materias primas ás potencias emerxentes.

Que o modelo chino estase impoñendo resulta evidente cando o G-7, a iniciativa dos Estados Unidos, propón un imposto ás corporacións transnacionais, aceptando que a privatización debe ter límites, polo que debe estar regulada polo Estado, aínda que este represente esencialmente os intereses da gran burguesía como clase. É dicir que a empresa privada non é sempre beneficiosa, como defende e teoriza o neoliberalismo. En resumo, ficamos nunha conxuntura histórica onde as contradicións estanse agudizando e as tendencias dominantes non definen con claridade un vencedor. Aínda que todo fai pensar que se consolidará o mundo multipolar, ante todo porque China xa é a maior economía do mundo e ten un inmenso mercado interno e relacións exteriores moi fortes. Tamén é importante para Galiza e os escenarios futuros, que todo indica que a UE está xogando este partido no bando perdedor, con todo o que iso implica para a Unión como proxecto económico, social e político.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios