Opinión

Estados Unidos, recuar histórico

Co triunfo de Trump nas eleccións presidenciais, e a súa consigna de “Estados Unidos primeiro”, comezou unha etapa de agresiva confrontación con aquelas potencias que lle podían disputar a hexemonía, tanto no eido económico como militar. Ou sexa, esencialmente China e Rusia, porén tamén coas que mantiña un importante déficit comercial e eran aliadas, como Alemaña, aínda que neste caso as presións son circunstanciais e menos violentas. Washington tiña ao seu favor o  control sobre a moeda de reserva (o dólar), a especulación na Bolsa, e unha forte hexemonía no eido militar, con preto de 200 bases en todo o mundo e a metade do gasto planetario en defensa. Tampouco se pode obviar seu papel sobranceiro na tecnoloxía dixital das comunicacións, co que isto implica en relación coa espionaxe, o comercio por internet, e incidencia na formación da conciencia colectiva, esencialmente a de carácter subliminal.

Trump contaba con moitos ases na súa man, para mediante a presión, bloqueos e sancións, obrigar a China e Rusia a asinar acordos, para evitar unha nova guerra fría e conflitos armados localizados, forzándoos a asinar novos convenios que equilibrasen o comercio exterior de Estados Unidos (USA), diminuísen a débeda soberana, e recuperasen a actividade industrial perdida. Porén mediu mal, pasouse, a correlación de forzas era outra. Polo que non lle axudou nesta andaina a demonización de China e Rusia, a intervención destrutiva en estados que non comungaban coas súas directrices, e sobre todo o incumprimento ou ruptura dos acordos internacionais asinados (clima, Iran, Palestina, tratado INF...), o que alentou a desconfianza, tanto polas agresivas declaracións, como pola incerteza fundamentada no cumprimento dos pactos.

Este escenario xa de por si complexo, fíxose máis adverso para os obxectivos de Trump nos últimos meses 

Este escenario xa de por si complexo, fíxose máis adverso para os obxectivos de Trump nos últimos meses, máxime cando China demostrou que era capaz de competir e mesmo superar a Estados Unidos (USA) en certo ámbitos da tecnoloxía punta (5G), e Rusia facía o propio en armamento moi avanzado (mísiles supersónicos, S-400, etc) e na efectividade militar sobre o terreo (Siria). Ademais a pandemia do covid-19, que se quixo ver como un problema exclusivamente chino, en pouco tempo expandiuse polo mundo, como pasou con outros coroavirus atinxiu anteriores  (aínda que con maior rapidez por mor da maior mobilidade actual). Un virus que está a ter un efecto desbastador nos Estados Unidos, tanto no eido sanitario como económico, afectando a súa imaxe de superpotencia, que se supuña capaz de resolver con efectividade todas as eivas e os atrancos. A este aspecto negativo engadíronse outros durante a pandemia: a caída do prezo do petróleo e as revoltas populares polo asasinato de George Floyd en Mineápolis, no estado de Minesota.

A esta altura o virus xa causou máis de 108.200 mortes e houbo máis de 1.872.000 contaxiados/as en USA, superando as previsións do Governo (unhas 60 mil mortes) e deixando en evidencia as carencias dun sistema de saúde privatizado, baseado no negocio e que non atende a grandes sectores da povoación. Daquela que as mortes se cebasen especialmente nos negros e latinos, e as clases populares en xeral. No aspecto económico a pandemia tivo consecuencias dramáticas sobre as empresas e o emprego. Mais de 42 millóns de persoas solicitaron axudas ao desemprego, das que foron concedidas só unha parte. Falase de que o paro pode chegar ao 20%. Ademais no 1º trimestre o PIB reduciuse en -4,8%, e os cálculos para o 2º trimestre aventuran unha contracción do -30%. Por se non abondase a caída do prezo do petróleo, polo aumento da produción de Arabia Saudí nun contexto de caída do consumo, fai inviábel economicamente a extracción de petróleo de esquisto, afectando un sector estratéxico, do que Trump se fíxo valedor.  

Esta é unha derrota histórica do imperialismo norteamericano respecto da súa imaxe na conciencia colectiva da humanidade

Neste contexto o asasinato de George Floyd foi a muxica que fixo estoupar o polvorin da discriminación racial e da explotación de clase, e da incapacidade do sistema para dar solución á desigualdade e pobreza, daquela que se valoren como as maiores revoltas dende as protestas dende a década do sesenta (guerra de Vietnam, asasinato de Martín Luther King). A resposta foi declarar o estado de sitio en 40 grandes cidades de 15 estados, polo que interviu a Garda Nacional e Trump mesmo amaga con utilizar o exército. En todo caso a maior parte das mobilizacións son pacificas, aínda que non se pode obviar a participación de grupos incontrolados, violentos e mesmo dunha minoría que aproveita para o saqueo, todo indica que nos últimos días estes comportamentos esporádicos e aproveitados pola prensa sistémica e por Trump están a devecer. A esta resposta social  contribuíu un movemento que ten moito de espontáneo e que carece dunha organización a nivel nacional. Estas debilidades sen dúbida poden favorecer a Trump que busca aparecer como o garante da seguridade, ante o temor dunha boa parte da povoación a situacións de saqueos e inseguridade. Mais, as medidas represivas tamén poden contribuír decisivamente a que o movemento se organice mellor, mude a correlación de forzas, e consiga avances a prol dun novo contrato colectivo, tanto no aspecto racial, como no relativo a un modelo socio-económico xusto e, por extensión, a apostar por un mundo colaborativo nas relacións internacionais.

Neste intre é evidente que os Estados Unidos, o imperialismo hexemónico, está cercado polas súas contradicións. E aínda que sexa quen de esmagar esta revolta, de recuperar a economía e o emprego (a costa dunha maior explotación), queda cuestionado, deslexitimado, dun xeito moi evidente o proxecto norteamericano como un modelo a imitar. A súa debilidade industrial, as limitacións das prestacións básicas, a desigualdade racial e social, non ser quen de dar unha resposta axeitada ao coroavirus, son a fotografía dun proxecto de sociedade inxusto, incapaz de aportar solucións aos novos retos que enfronta o mundo nesta etapa (daquela que busque “chivos” expiatorios exteriores). Esta é unha derrota histórica do imperialismo norteamericano respecto da súa imaxe na conciencia colectiva da humanidade, aínda que o proceso de cambio socio-económico e nas políticas internacionais, co que implica respecto da hexemonía, fágase máis de vagar e pase por avances e retrocesos. En calquera caso todos os escenarios futuros están abertos, dende os máis solidarios até os máis regresivos, todo depende da correlación de forzas interna e internacional. A construción histórica non é unha liña continua, aínda que a tendencia teña neste caso tamén aspectos positivos.

 https://obloguedemera.wordpress.com/