Opinión

Estado de sitio e o día despois do referendo

O secuestro pola Facenda española das transferencias que lle corresponde realizar á Generalitat, a imputación de 23 de cargos do Govern e do Parlament, a chamada a declarar a 712 alcaldes e alcaldesas que decidiron facilitar locais municipais para realizar o referendo, a posta a disposición da Fiscalía dos mossos, e o envío de numerosos reforzos policiais e da garda civil, parécense máis a un estado de sitio que a un estado de excepción. Máxime cando se lle suma: a persecución de todo acto político, web e medio que emita referencias favorábeis ao referendo, en calquera lugar do Estado español (EE), así como das empresas ou persoas que colaboren dalgún xeito con estes actos democráticos. Non funciona así cando se trata dunha postura contraria. Neste caso, pode ocupar páxinas enteiras nos xornais, como as publicadas en El País esta fin de semana. Na práctica é un verdadeiro estado de sitio, con cobertura civil (como en tantos casos anteriores), onde o único que falta é o exército e os tanques nas rúas. Se cadra, coidan que aínda non os necesitan para impedir o referendo, ou sexa, para evitar que se exerza o dereito democrático do povo catalán a votar, a decidir.

A medida que se aproxima a data do referendo, as limitacións democráticas e as medidas represivas do EE fican máis en evidencia. Tamén os seus medos e debilidades. Se o Estado español se sentise forte, para alén do que diga a lei, atendería a voz de millóns de persoas. Polo tanto permitiría a realización do referendo ou tería ofrecido saídas negociadas satisfactorias, senón para todos e todas, si para a maioría dos que apoian a consulta (que segundo as enquisas representa entre o 65-70% do electorado). Por exemplo, realizando reformas no Estado das Autonomías que permitisen un acomodo sen subordinación das nacionalidades. Porén, España é, e sempre foi, un Estado carente dun proxecto de democracia abranguente no nacional e no social, e que considera un mérito negar o carácter plurinacional. Lembremos que as clases dominantes usaron historicamente a subordinación de Catalunya, Euscadi e Galiza, como un elemento de superioridade para gañar a complicidade de amplos sectores da sociedade española.

A medida que se aproxima a data do referendo, as limitacións democráticas e as medidas represivas do EE fican máis en evidencia

 

Polo tanto, Castela/España non coñece outro modelo de relación, nen coida que sexa necesario, xa que se estendeu historicamente mediante a forza das armas, e nunca fixo unha revisión histórica deste papel imperialista. Daquela que non sexa unha casualidade, senón unha situación obxectiva, que no único momento no que se avanzou algo en aspectos estruturais no relativo ás nacionalidades asoballadas da península, fose despois da morte do ditador. Ou sexa, nun intre no que o soberanismo das nacións dependentes e o movemento obreiro tiñan gran capacidade mobilizadora, e as clases dominantes estaban divididas, debilitadas, malia que non perdesen a hexemonía. Os avances non foron cesións do poder por razóns democráticas en dereitos individuais e colectivos, producíronse porque non lles quedou máis remedio.

O Governo central (co apoio de Ciudadanos e o PSOE) sabe que a cuestión nacional se estende para alén de Catalunya, malia que neste intre, este conflito sexa o punto máis débil do sistema, a punta do iceberg. Por iso alarga as medidas represivas, aínda que con moita menor intensidade, a todo o Estado. Faino mesmo sabendo que un acto a prol do referendo, por exemplo en Euskadi ou Galiza, non ten incidencia directa sobre a súa realización nen sobre a intención do voto, máis ala do que representa como apoio solidario. Estas medidas coercitivas buscan colocar todo o soberanismo baixo os focos da ilegalidade. Homologalo cos negadores da diversidade, da democracia. Para conseguir este obxectivo utilizan o control dos medios de masas, a complicidade das forzas neoliberais e globalizadoras internacionais. Buscan deste xeito xustificar a lei mordaza, recortes democráticos de facto, e a represión en todos os ámbitos.

O Governo central (co apoio de Ciudadanos e o PSOE) sabe que a cuestión nacional se estende para alén de Catalunya

 

Agora ben, a esta altura é moi difícil, dados os atrancos obxectivos, saber cal vai ser a participación no referendo, e se no inmediato vai a permitir dar un novo paso no proceso de constitución da República Catalá, malia o evidente apoio de masas e as mobilizacións masivas. O escenario máis factíbel, nesta correlación de forzas no Estado español e no mundo, é que se impoña a represión a curto prazo. Mais, a menos que se produza un xenocidio (algo que non parece posíbel neste contexto e neste ámbito xeográfico), a negación dun dereito básico como é o voto, as carencias democráticas esenciais, o aumento das desigualdades sociais e territoriais e da represión, a medio prazo pode (debería) fortalecer aínda máis o movemento independentista. Medrando así a resposta das clases populares e o nivel de conciencia no nacional e social. Ou sexa, crecerán as contradicións deste modelo de Estado opresor e depredador, tanto en Catalunya como nas demais nacionalidades, incluída Galiza. Tamén aumentaran as contradicións con este modelo de Estado en sectores democráticos de territorios que conforman en esencia o EE. Asemade, para alén da leria, ficarán caracterizados diante da sociedade con claridade partidos e persoeiros, en función de cal sexa a beira do río que escollan.

O aumento das desigualdades sociais e territoriais e da represión, a medio prazo pode (debería) fortalecer aínda máis o movemento independentista

 

É a hora da verdade. Así o quixeron as clases hexemónicas, negando dereitos básicos e acelerando o proceso. Non foi tanto obra do soberanismo catalán, que sobre todo demostrou coherencia. Canto durará cada fase e cal será a intensidade desta tendencia, estará ligado á capacidade que teñan os suxeitos políticos transformadores para aproveitar esta mar revolta do procés, este debate de alternativas, para ofrecer obxectivos liberadores que o povo sinta como propios. Daquela a importancia de analizar previamente os escenarios posíbeis do día despois e, sobre todo, ter folla de ruta axeitada para lle dar resposta, comezando por prever aquela vía que sexa máis desfavorábel.

http://manuelmera.blogaliza.org/