Opinión

O Estado Galego, reivindicación histórica

No ano 1931, ou sexa fai agora 90 anos, despois da proclamación da 2ª República, o entusiasmo popular a prol dun cambio fixo pensar que se ían atender as reivindicacións seculares de Galiza, máxime estando as clases populares tan mobilizadas. A declaración do Estado Galego o 25 e 27 de xuño en Ourense e Compostela, ao abeiro da folga do ferrocarril, poñía máis unha vez a cuestión nacional en primeiro plano. En ambos casos cun papel protagonico de Alonso Ríos. Obxectivo que figuraba no anteproxecto do Estatuto de Galiza redactado pola ORGA ese mesmo mes, no que se afirmaba no seu primeiro artigo: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”.

Cómpre lembrar que Galiza foi libre durante moitos períodos da súa historia. No período suevo, con grande autonomía cando estes foron vencidos polos visigodos. Noutros formou confederación con León... Xa moi avanzada a Idade Media a capacidade para decidir da nobreza galega dentro do país perdeu pulo cos Trastamara, coa renuncia dos reis de Portugal a reunir ambos os reinos (para evitar a invasión de Castela), e coa ruptura da unidade administrativa eclesiástica entre ambos países irmáns por mor do cisma relixioso entre Roma e Aviñón. Ou sexa que a segunda metade do século XIV foi clave para Galiza, aínda que o proceso de colonización mais forte deuse coa “castración e doma” polos Reis Católicos, como consecuencia da última guerra irmandiña.

Caracterizando o país como unha “colonia da Corte” e argumentaba que a revolta facíase para que nos “temeran e respectaran”. caracterizando o país como unha “colonia da Corte” e argumentaba que a revolta facíase para que nos “temeran e respectaran”

No século XIX, a invasión francesa e o papel destacado que ten o povo galego na derrota do exército de Napoleón no noso país. A Xunta Suprema de Galiza asume toda a soberanía, creando un exército e negociando en pé de igualdade con Portugal, Inglaterra, León e Castela. A resposta á ocupación e as ideas liberais axitaron as augas do antigo réxime, ao cuestionar a estrutura social e o papel subordinado da nación. Collen alento as novas ideas que están en consonancia co avance da conciencia social e nacional en toda Europa. O que reforzou o debate respecto da cuestión nacional coa desaparición da unidade administrativa de Galiza (pola eliminación dos reinos, o chamado antigo réxime). Razón pola que previamente, en 1843, celebrouse unha asemblea en Lugo para tratar a organización territorial, e nela Antolín Faraldo propón o debate sobre a independencia de Galiza; seica a moción perdeu por só un voto.

Sería tamén Faraldo, na Revolución de 1846, a través do periódico Revolución, como órgano da Xunta Suprema de Galiza, caracterizando o país como unha “colonia da Corte” e argumentaba que a revolta facíase para que nos “temeran e respectaran”. Chama a atención que  se utilizaran xa daquela dous conceptos tan actuais, como son: colonia e soberanía. A derrota dos sublevados, militares e civís, afogou esta iniciativa progresista e galeguista, deixando varios oficiais fusilados, centos de detidos e milleiros de exiliados políticos. Vexase que son ideas que destacan no debate político nese momento histórico en Europa, e que preceden as revolucións de 1848 no continente. 

No ano 1873, durante a 1ª República, realizouse unha “asemblea republicano-federal” en Compostela á que asistiron 545 delegados de toda a nación, e na que se asinou un manifesto pedindo a autonomía de Galiza e un réxime federal para o Estado español. E no ano 1887, en tempos da rexencia de María Cristina, baixo o governo do liberal Sagasta, o Partido Federal de Galiza redacta un proxecto de “Constitución pra o Estado Galaico”. Porén, o maior pulo cualitativo dáse coa realización da 1ª Asemblea Nacionalista de Lugo (en 1918), na que se esixe a autonomía integral para Galiza e unha Federación de Iberia (incluíndo Portugal).

En síntese, existe unha longa loita a prol de que os galegos e galegas sexamos os donos do noso presente e futuro, para podermos dar unha resposta axeitada ás nosas necesidades. A loita pola liberación é un proceso con avances e retrocesos, no que cada nova xeración foi facendo a súa contribución, e sempre moi unido á cuestión social. Polo tanto a proclamación do Estado Galego  en xuño de 1931, para alén da súa duración e grao de participación, foi un reflexo do estado de ánimo do momento das clases populares, de que as reivindicacións de soberanía eran sentidas. Deberiamos facer maior énfase na nosa historia, para termos unha visión de conxunto, para logo analizarmos detidamente cada etapa, as tendencias e escenarios posíbeis, as eivas e acertos...