Opinión

Estado de ánimo e Día da Patria

A manifestación do Día da Patria Galega, convocada polo BNG o pasado 25 de xullo foi un éxito de asistencia. Que a fronte patriótica xunte entre 15.000 e 20.000 persoas despois de todo o que leva caído nos últimos anos ten mérito. Mais sobre todo, amosa que a principal vitalidade do BNG está na súa capacidade de mobilización, en contar con militantes e simpatizantes moi activos, que se consideran galegos e galegas de nación. Esta fortaleza da fronte verifícase cando se compara cos actos e manifestacións realizadas por outras forzas do nacionalismo nesta data de tanto simbolismo. E resulta máis evidente en relación con aqueles partidos que non asumen a cuestión nacional e se limitan a propoñer, obrigados pola situación política, a superación da fraude do estado das autonomía (recoñecendo o estado plurinacional e algún tipo de federalismo que non cuestione o Estado español como suxeito da soberanía).

Para o BNG obter un resultado tan positivo neste Día da Patria Galega, tivo importancia que se realizasen en todo o país un cento de actos e charlas nos días previos

Para o BNG obter un resultado tan positivo neste Día da Patria Galega, tivo importancia que se realizasen en todo o país un cento de actos e charlas nos días previos, tarefa na que contou a contribución de Galiza Nova. É verdade que os actos xiraron arredor de diversos temas. Porén, todos converxían na necesidade de se mobilizar e fortalecer a fronte como vehículo da liberación nacional e social. Tamén foi esencial a actitude coherente da dirección do BNG, que non cedeu nun aspecto central como o da auto-organización, malia que lle tivese custo en votos e nos medios. Agora ben, sendo o anterior fundamental para a sociedade, máxime cando é unha postura que depende da vontade da propia organización, todo indica que ademais está mudando o estado de ánimo das masas. Foi perdendo forza o espellismo de que exclusivamente a través do voto, ou sexa das institucións, cun apoio circunstancial da mobilización, co activismo nas redes e aparecer moito nos medios, podíase conquistar a ruptura democrática (o efecto Podemos).

Sería de soberbios/as pensar que no nacionalismo non houbo erros e eivas que cómpre rectificar, para que o resultado da manifestación non fique nun avance conxuntural

O éxito da manifestación do BNG este 25 de xullo non foi unha casualidade. Máxime cando resulta evidente que non fixo súas as teses desta “nova” esquerda. A importante participación no Día da Patria está ligada a outros aspectos. Concretamente, á recuperación da mobilización laboral e social dos últimos meses (ou sexa, á agudización da loita de clases), e a que a fronte foi quen de estar na primeira liña desas loitas reivindicativas (nos distintos ámbitos nos que ten presenza), recollendo o estado de ánimo das clases populares.

Mais, sería de soberbios/as pensar que no nacionalismo non houbo erros e eivas que cómpre rectificar, para que o resultado da manifestación non fique nun avance conxuntural, senón que sirva como panca para un medre da mobilización, para a incorporación de novos e novas militantes, e un aumento do apoio en futuros procesos electorais. Entre os erros, considero que está o propio lema da convocatoria, carente dunha mensaxe reivindicativa, tanto no nacional como no social. Do mesmo estilo é a voandeira, que acentúa na súa capa o aspecto intimista e afectivo, deixando nun segundo lugar o reivindicativo, que era a esencia da convocatoria (semella unha copia da publicidade comercial). O novo logo da fronte tampouco axuda na mensaxe política. A palideza das cores, semella que quere buscar proximidade, mais tamén transmite moderación, e polo tanto afástase, na conciencia colectiva, do concepto de ruptura, ou sexa, do obxectivo estratéxico.

En relación coa manifestación, coido que a organización da marcha foi boa en xeral. Mesmo houbo menos atrancos na entrada á Quintana, que sempre resulta complexa. Mais, no relativo aos símbolos (que non é algo secundario) pregúntome: colocar na cabeceira da marcha, unha bandeira distinta á que asumimos historicamente e en congreso como a da Patria Galega (tan cuestionada polo españolismo) ten algunha mensaxe subliminar, ou faise sinxelamente por ocorrencia? Tampouco se entende moi ben, na tradición da esquerda, a formación dun corredor para que a Executiva da fronte percorra a Quintana baixo a expectativa e o aplauso obrigado dos/das asistentes, pondo en destaque a dirección sobre a masa (constituída neste caso, moi maioritariamente, de militantes e activistas). Un xeito de actuar máis propio dos partidos sistémicos, moi á norteamericana, na que se considera que o líder é o manda-máis e alma da organización. Isto contraponse ao concepto de que o povo é quen máis ordena.

Os chistes sobre En Marea estaban fóra de lugar, máxime cando na manifestación participaron persoas que simpatizan con esta opción política

Por outra banda, considero que non ten moito sentido adicar o limiar do acto a tomar a cachondeo a actividade política, como se esta, e os problemas sociais, económicos e lingüísticos, fosen unha broma. Non é o lugar para este tipo de espectáculos, aos que non lle resto valor artístico (nen por suposto a quen o fixo). Tampouco cuestiono que teña un efecto relaxante, e mesmo de toma de conciencia, en ambientes con moi pouca formación política. Porén, no Día da Patria Galega non parece que sexa o momento. Especialmente, os chistes sobre En Marea estaban fóra de lugar, máxime cando na manifestación participaron persoas que simpatizan con esta opción política. Moitos activistas desta organización foron compañeiros e compañeiras de militancia durante anos, ás veces décadas, e merecen respecto. Deberíamos aproximalos. Beneficia ao nacionalismo tomalos a chiste? Ademais, en que nos axuda afirmar que están divididos e que nos actos dese día eles eran moi poucos? Aínda sendo certo, poden replicar que, tendo unha base organizada moito menor que a do BNG, son quen de recoller moitos máis votos, e que iso implicaría que teñen un proxecto máis atractivo para as clases populares. Estes son debates que se teñen que dar doutro xeito, con análise e con obxectivos políticos, con visión de conxunto e de futuro, con argumentos contrastábeis, con seriedade e respecto.

E, por último, coido que a portavoz foi gañando moito como oradora, e que a súa mensaxe foise facendo máis achegada á realidade da maioría. Mais é unha magoa que no discurso non houbese ningunha mención á clase traballadora como tal, á explotación capitalista, e a desfeita dos ecosistemas, así como unha definición clara en relación con este proxecto imperialista que é UE. Sei que a maioría da xente non escoita os discursos, que a portavoz tocou problemas sentidos pola sociedade, de xénero, sociais e laborais, que se pediu unha República Galega. Mais, repetir 22 veces Galiza non nos fai máis nacionalistas. E obviar que existen as clases sociais, non fortalece a fronte, máxime cando a loita de clases se vive dun xeito dramático e cotiá pola maioría da xente. O empresariado (o foráneo e tamén o galego), e os “profesionais” subordinados a este, teñen un papel destacado na desgaleguización do país, e no retroceso dos dereitos laborais, sociais e democráticos.

O BNG está en condicións de ser o instrumento, non na teoría, senón na práctica, da conquista da liberación nacional e social de Galiza

Neste intre, existe unha tendencia positiva no estado de ánimo da xente en relación coa mobilización, que atinxe sobre todo aos sectores máis activos das clases populares: manifestación do Día das Letras e do Día da Patria Galega, pulo dos conflitos laborais (metal, transporte, 112, etc). Esta evolución non ten porque se trasladar mecanicamente ao ámbito da representación institucional. Dependerá de que as propostas e a mensaxe das organizacións políticas (neste caso do nacionalismo anticolonial) sexan quen de ilusionar as clases populares, e especialmente o movemento obreiro. O BNG está en condicións de ser o instrumento, non na teoría, senón na práctica, da conquista da liberación nacional e social de Galiza, dunha patria soberana e sen explotación. Trátase dun proceso longo, de construción do poder popular, que depende moito da conxuntura internacional. Porén, o povo non ignora a correlación de forzas e os atrancos. O que nunca comprende son as renuncias programáticas da vangarda, a falta de entrega, de atrevemento.

A acumulación de forzas non é só numérica, senón cualitativa tamén, de complicidade cun proxecto de país soberano: no cultural e lingüístico, nunhas relacións laborais baseadas na xustiza social, na igualdade de xénero e no respecto aos dereitos individuais, na defensa dos ecosistemas, na democracia popular, na solidariedade... E neste aspecto, o BNG non debería renunciar á súa historia, na que son moito máis significativos os sacrificios, loitas, xestión exemplar, e entregas persoais, e as conquistas sociais conseguidas, que os erros dalgunha etapa, exclusivamente no ámbito institucional, e as poucas renuncias individuais (malia que tivesen significación mediática). En resumo. O éxito do Día da Patria foi un paso adiante, mesmo se hai eivas que cómpre superar para que o avance non sexa circunstancial e circunscrito á vangarda e sectores intermedios (usando unha terminoloxía leninista). Conseguilo, depende de todos e todas os que pedimos xustiza no social e no nacional, e moi especialmente, daqueles e daquelas que teñen responsabilidades de dirección ou que inciden na formación das ideas.