Opinión

O estado de ánimo da sociedade

Perante unha semana milleiros de persoas manifestáronse en moitas cidades do Estado español, aínda que as protestas tiveron unha especial incidencia en Cataluña, Madrid e Valencia, esixindo liberdade de expresión e condenando os métodos represivos. A muxica que fixo xurdir o lume foi  a condena xudicial e o ingreso en prisión do rapeiro Pablo Hásel, por unhas cancións nas que seica aldraxaba á Monarquía, alén de criticar o capitalismo. Este caso de represión contra a liberdade de expresión sumase a unha morea durante os últimos anos, como consecuencia da aplicación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal. Ambos seica ían ser eliminados polo actual Governo central, porén pasan os meses e pouco ou ren se avanzou no tema.

Os medios despois do primeiro día, e vendo a dimensión que collían as protestas, comezaron a destacar fundamentalmente os actos violentos

Cómpre lembrar que esta lexislación represiva usouse e usase tanto contra sectores da cultura como para reprimir as mobilizacións sociais e do movemento obreiro naqueles casos nos  que se cortaba o trafico, facían barricadas... ou sexa, cando se realizaban accións de loita que chamasen a atención sobre a gravidade do conflito, porque a patronal, os governos e medios de comunicación ignoraban o problema ou negábanse a negociar unha solución que tivese en conta os intereses da clase traballadora ou de sectores populares.

Aínda que as mobilizacións realizadas a semana pasada dependeron moito da autonomía ou nacionalidade, e os medios despois do primeiro día, e vendo a dimensión que collían as protestas, comezaron a destacar fundamentalmente os actos violentos, mesmo algún saqueo de tendas, dunha minoría, coa evidente intención de demonizar as manifestacións e evitar que se estenderan e colleran máis forza, o certo é que amosaron con toda claridade o estado de ánimo dunha parte considerábel da mocidade. E este é o aspecto sobre o que coido se debe reflexionar na esquerda, mesmo na Galiza, malia que no noso país as mobilizacións fosen moito máis reducidas.

Ante todo foi evidente que esencialmente as mobilizacións foron pacificas, e cando non foi así, a inmensa maioría das persoas non participaron dos actos de violencia, como as roturas de fiestras e o saqueo de comercios, que foi moi minoritario. Nalgúns casos mesmo foi evidente que a policía cercou as concentracións obrigando aos manifestantes a forzar unha vía de saída da “ratoneira”, o que indica que as concentracións carecían dunha dirección de grupos organizados, con experiencia para evitar o encaixonamento. Asemade, nas mobilizacións posteriores, tal como se deron as accións de violencia, habería que se preguntar até que punto: ademais de grupos radicalizados interesados nesta dinámica, non había forzas infiltradas da estrema dereita, e mesmo de forzas especiais? (non sería a primeira vez). A finalidade sería desprestixiar as mobilizacións e crear un actitude na sociedade que xustifique a non derrogación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do CP así como frear unha reforma dos criterios de actuación das forzas de seguridade.

Estas mobilizacións da mocidade amosaron que ademais existe un forte descontente en sectores moi amplos da sociedade respecto da situación económica e social

Para alén destas consideracións e hipóteses, que o tempo irá aclarando, estas mobilizacións da mocidade amosaron que ademais existe un forte descontente en sectores moi amplos da sociedade respecto da situación económica e social (desemprego, precariedade, desigualdade, baixos salarios), e da súa falta de confianza nun sistema que nos lles ofrece saídas de futuro, e que polo tanto carece credibilidade democrática (que simbolizan na Monarquía). Tal como se reflectiu nas consignas. Non pretendo comparar estas manifestacións coas de Chile, que levan máis dun ano, e son moi masivas, nen coas que deron lugar ao movemento dos chalecos amarelos en Francia. Cada contexto ten unha dinámica especifica, tamén é así en cada autonomía e nacionalidade no Estado español. Hai características que propias, históricas, culturais, económicas, e mesmo demográficas e políticas, que marcan os tempos e o tipo de respostas. Porén en todas existen aspectos comúns que reflicten un cambio no estado de ánimo, polo aumento das contradicións e unha maior predisposición á mobilización da mocidade (e non só dela), onde o covid está facendo ao mesmo tempo, de muro de contención no inmediato, e acelerando as tensións que despois da pandemia expresaranse con forza.

Sendo así, a esquerda que loita polo dereito de autodeterminación e a xustiza social, como é o nacionalismo galego democrático e popular, debería ter moi en conta este salto cualitativo no estado de ánimo das clases populares, e acompañalo con obxectivos máis atrevidos a medio prazo que cuestionen o sistema, mensaxe e métodos de traballo apropiados para este novo escenario, e unha folla de ruta axeitada. En resumo, todo indica que ficamos no inicio dun novo contexto, que non ten porque consolidarse cunha maior concentración e centralización da riqueza e do poder ... tamén pode e debe ser: de mobilización, conquistas sociais e cambios sistémicos, de xeito tal que a economía verde e circular, e a dixitalización, estean ao servizo das maiorías sociais e e de garantir a soberanía nacional.

Nota final: o nacionalismo galego non debería desbotar como un escenario posíbel, unha campaña da dereita e “esquerda” sistémica, e dos poderosos medios de comunicación afíns, para crear un estado de alarma previo ao 8 e 10 de marzo coa finalidade reducir a participación nas mobilizacións e tapar o esencial das reivindicacións. Se así fose, sería esta unha escusa inxustificada, co claro obxectivo de frear a mobilización social; máxime sabendo que se realizaron durante a pandemia moitas manifestacións laborais e sociais, garantindo as distancias e a protección individual, evitándose eficazmente o contaxio do virus.  

https://obloguedemera.wordpress.com/