Opinión

É Esquerda Unida unha forza rupturista e a prol da autodeterminación?

No debate interno de Anova, para decidir cal era a coligación pola que optaba para se presentar ás vindeiras eleccións europeas, un dos argumentos que máis se usou, por parte da opción que gañou o referendo, foi o de que Esquerda Unida (EU) era unha forza política federalista e rupturista.

No debate interno de Anova, para decidir cal era a coligación pola que optaba para se presentar ás vindeiras eleccións europeas, un dos argumentos que máis se usou, por parte da opción que gañou o referendo, foi o de que Esquerda Unida (EU) era unha forza política federalista e rupturista. Polo tanto unha candidatura conxunta garantía para Galiza a defensa do dereito de autodeterminación e a loita pola xustiza social. Mais é correcta esta valoración? Nen os textos desta organización, nen a súa práctica política, non sendo en excepcións, pode levar a estas conclusións. Son dos que evito entrar nos conflitos internos dunha organización, porque todas os teñen, forman parte da dinámica política, mais non penso o mesmo en relación con aquelas ideas trabucadas que se predican, porque contribúen á dependencia nacional e social de Galiza. 

"Son dos que evito entrar nos conflitos internos dunha organización, porque todas os teñen, forman parte da dinámica política, mais non penso o mesmo en relación con aquelas ideas trabucadas que se predican"

Esquerda Unida celebrou o 8 de febreiro unha Conferencia encol do Modelo de Estado na que se debateu un relatorio que define moi polo miúdo a súa proposta de federalismo. Afirma   neste texto: “As estruturas do Estado federal teñen un carácter mixto, en tanto existen elementos unitarios e elementos federativos. A diferenza dunha Confederación, o Estado federal é unha unión de dereito interno ou constitucional e non de dereitointernacional. No Estado federal a soberanía está compartida, mentres que nunha Confederación a soberanía continua pertencendo aos Estados membros”. 

Segundo o relatorio debatido por EU, o suxeito soberano sería o Estado español, coma hoxe, e polo tanto unha soberanía compartida en canto as partes conforman un todo. Porén, se se acepta o carácter plurinacional do Estado, se todos estivésemos en pé de igualdade, e a distribución de competencias fose tan positiva ¿por que EU non aposta por un sistema confederal onde a única diferenza estaría en que o suxeito soberano radicaría en cada unha das nacións do Estado español? Non era esta a proposta leninista e a que facía no seu día o PCE de Xosé Díaz? Non apoian acaso que o poder estea o máis achegado posíbel ao pobo? Unha Confederación sería a única garantía para que cada unha das partes se sintan donas do seu destino e podan asumir todas as competencias en caso de que non funcione o proxecto común. Iso foi o que fixeron as repúblicas da Unión Soviética ou da Iugoslavia, converténdose en Estados, porque eran suxeitos soberanos de dereito internacional (esa cativa diferenza da que fala o relatorio, e que Beiras semella obviar). Persoalmente, penso que aínda sendo unha confederación un gran avance, tendo en consideración o grao de globalización existente, non se pode rachar coa dependencia de Galiza se non se conta con todos os mecanismos para defender a economía e a cultura nacional, ou sexa: necesitamos de plena soberanía (e aínda así será unha tarefa dura e longa). 

"Unha Confederación sería a única garantía para que cada unha das partes se sintan donas do seu destino e podan asumir todas as competencias en caso de que non funcione o proxecto común". 

No mesmo senso anterior vai a declaración de IU, ICV e EUiA do 29/05/2013 “encol do dereito a decidir o modelo de Estado”, en referencia ao referendo en Cataluña. Aínda que intitula o punto 3 como “O dereito a decidir, un principio democrático”, logo considera que: “En ningún caso pódese esgrimir a Constitución ou a legalidade para se opoñer á celebración do referendo en Cataluña”, e no seguinte paragrafo relativiza o valor que tería esta consulta popular. Para IU e ICV-EUiA “o exercicio do dereito a decidir débese basear na vontade de negociación co Estado utilizando os mecanismos legais existentes ou acordando a reforma, de se considerar necesario; no respecto pola pluralidade da opcións existentes na sociedade catalá”. En poucas palabras referendo si, mais sen carácter decisorio, a menos que o Estado español estea dacordo. Ou sexa, que aceptación do dereito de autodeterminación por parte de IU-EU non ten máis que un valor retórico.  

Tampouco se pode dicir que EU sexa unha forza rupturista. Chamar á rebeldía ou á “revolución democrática”, como fan en varios documentos, non é sinónimo de ruptura se non vai acompañado o discurso dunha práctica social e política que o confirme. Aínda que nos documentos desta organización abóndase en descalificativos en relación ao capitalismo, neoliberalismo, Unión Europea, Troica, etc. e reivíndicase un modelo alternativo, despois non se fai ningunha proposta concreta que implique un cambio sistémico (nacionalización da banca, enerxía, telecomunicacións e empresas estratéxicas, por exemplo). Tampouco se esixe unha saída deste proxecto imperialista que é a Unión Europea, nen sequera de deixar a eurozona. Todo se reduce a un Congreso Constituínte e a mudar a correlación de forzas votando, casualmente, a Esquerda Unida. Polo tanto, non son máis que palabras que soan ben para unha maioría descontenta coa situación económica e social, mais que despois non se concretan nun programa, unha folla de ruta e uns métodos de traballo que disputen a rúa e o poder. Non é casual que lle dean tanto valor á agresividade parlamentar para arroupar propostas reformistas que non atacan os alicerces da opresión nacional e da explotación de clase. Hai nesta coligación forzas minoritarias que son rupturistas, como a CUT-BAI, porén o líder do SAT, Diego Cañamero dicía hai poucos días en Barcelona que EU “estáballe tapando as miserias ao PSOE en Andalucía”; non semella que faga a radiografía dunha forza antisistema. 

"Tampouco se pode dicir que EU sexa unha forza rupturista. Chamar á rebeldía ou á “revolución democrática”, como fan en varios documentos, non é sinónimo de ruptura se non vai acompañado o discurso dunha práctica social e política que o confirme".

Entón, sendo así ¿en que se basea Beiras e outros destacados dirixentes de Anova para valorar a EU como unha forza antisistema? Non será que confunden o rupturismo con “vaite ti, que me poño eu” no goberno das institucións, ou sexa, puro electoralismo. Se fose deste xeito, temos fume, mais tamén unha fraude ás clases populares. E, aínda que EU sexa máis potábel para a clase traballadora que o PSOE, deixará tras de si tanto desalento, despolitización e fragmentación como a que sementaron os socialdemócratas cando gobernaron. Para o PCE-IU sería por segunda vez. A primeira foi cando o PCE levou adiante a política de “pacto pola liberdade” para acordar a transición con sectores do franquismo, sacrificando a ruptura (que agora cunha forza máis débil e menos politizada seica queren conquistar), e posteriormente validando os Pactos da Moncloa, sacrificando a clase traballadora como forza articuladora do proceso.

Asemade, para alén da verborrea anticapitalista, na práctica, non se aposta por outro modelo cando se propón, por exemplo que: “España debe compatibilizar a súa pertenza á UE con mecanismos de integración económica con mercados supranacionais en expansión e crecemento de América do Sur (Alba, Mercosur). Isto nos situaría nunha posición de fortaleza fronte ao norte rico da UE” (Congreso Constituyente para un nuevo proyecto de país, 16-17 xuño 2012). Resulta evidente que non se propón un cambio sistémico, porque se fose así, eses desequilibrios norte-sul na UE terían que desaparecer, e as relacións coa ALBA e o Mercosur daríanse sobre bases distintas. A menos que se pense que é posíbel un cambio sistémico no Estado español no seo dunha UE imperialista, isto sería algo utópico. 

."No caso de Galiza, dado que EU ten unha relevancia mínima, tanto no eido dos movementos sociais, como das institucións, non é doado para a xente máis nova poder valorar a súa práctica"

No caso de Galiza, dado que EU ten unha relevancia mínima, tanto no eido dos movementos sociais, como das institucións, non é doado para a xente máis nova poder valorar a súa práctica, xa que non viviu a transición. Mais pode analizala, por exemplo, nas súas actuacións de Goberno co PSOE en Andalucía. Non menos polémicos son os seus coqueteos co PP en Estremadura e Oviedo. Calquera que faga unha mínima reflexión pode ollar que, para alén da leria, Esquerda Unida non é unha forza rupturista, nen antisistémica, aínda que sexa progresista ou reformista. E tampouco está, nen de lonxe, á esquerda do movemento nacional popular na Galiza. Neste aspecto, nada máis clarificador, polo que implica para as clases dominantes, ter en consideración as posturas de cada quen en relación á cuestión das forzas abertzales en Euskal Herria. 

http://manuelmera.blogaliza.org/