Opinión

Espionaxe masiva ¿que pasou na comisión de segredos oficiais?

Despois de realizada a comparecencia do director do CNI, na comisión do Parlamento para segredos oficiais, o escándalo pola espionaxe masiva de cidadáns no territorio do Estado español practicamente desapareceu dos medios de comunicación sistémicos. Algo que resulta cando menos sospeitoso, porque non se trata dunha cuestión sen importancia,  dado que atinxe aos dereitos fundamentais das persoas, aínda que se pretenda presentar polo poder coma consecuencia do avance tecnolóxico.

Despois de realizada a comparecencia do director do CNI, na comisión do Parlamento para segredos oficiais, o escándalo pola espionaxe masiva de cidadáns no territorio do Estado español practicamente desapareceu dos medios de comunicación sistémicos. Algo que resulta cando menos sospeitoso, porque non se trata dunha cuestión sen importancia,  dado que atinxe aos dereitos fundamentais das persoas, aínda que se pretenda presentar polo poder coma consecuencia do avance tecnolóxico. Un tema que ocupou portadas e moitas páxinas pasou a ser ignorado, en claro contraste co que sucede noutros estados da Unión, por exemplo Alemaña. Neste país descóbrense decote novos indicios sobre espionaxes masivas e a colaboración dos servizos segredos cos Estados Unidos, á marxe de calquera debate e aceptación previa no Parlamento. 

"Que un tema tan grave como a espionaxe masiva se tapase no Estado español xusto despois da xuntanza da comisión do Parlamento non semella unha casualidade"

Que un tema tan grave como a espionaxe masiva se tapase no Estado español xusto despois da xuntanza da comisión do Parlamento non semella unha casualidade, especialmente cando á saída da reunión os representantes dos partidos que a compoñen (PP, PSOE, CIU, PNV, UPyD e Izquierda Plural) dábanse por satisfeitos coas explicacións do director dos servizos de intelixencia (CNI) sobre as escoitas masivas. Mesmo Cayo Lara, de IU, que dos integrantes da comisión era de esperar que fose o máis crítico, afirmaba que lle preocupaba máis a espionaxe que realizaban os Estados Unidos. Non é precisamente unha declaración atinada para quen afirma ser garante de dereitos e liberdades democráticas.

Segundo transcendeu, o director do CNI asegurou que Rajoy non foi espiado. Está ben, mais ¿teñen esa mesma certeza o resto dos cidadáns? Unha garantía que debe ser efectiva tanto no relativo aos servizos segredos españois como evitando que podan realizar espionaxe terceiros estados no ámbito do Estado español. Se o CNI carece de medios para evitalo, ou prefire non facelo, esta debe ser unha eiva ou decisión que debe ser coñecida polos cidadáns. O certo é que, cando todo facía pensar que a reunión da Comisión do Parlamento español co director dos servizos segredos (CNI) ía ser tensa, ao final os partidos presentes déronse por satisfeitos coas explicacións (acaso ¿estaría pactada previamente esta actitude?). 

"Para alén do que se dixese á saida e do que realmente acontecera na reunión da comisión e da postura tan débil da oposición, a cuestión de base é: que ese non era o lugar apropiado para analizar este tema". 

Para alén do que se dixese á saida e do que realmente acontecera na reunión da comisión e da postura tan débil da oposición, a cuestión de base é: que ese non era o lugar apropiado para analizar este tema. Máxime cando se trata dun problema de garantías democráticas, que non pode estar sometido a segredo de Estado. Aceptar este marco foi un erro, ou unha postura de complicidade da oposición parlamentar no Congreso que está integrada na comisión de segredos oficiais (non é casual que fose excluida Amaiur). Este é un tema para debater en pleno. Cómpre facelo nese ámbito porque ten consecuencias que atinxen á vida cotiá das persoas, e a normal actividade das empresas, dos partidos políticos e das organizacións sociais. Só deste xeito os cidadáns poderán axer con coñecemento do que está acontecendo e a que regras de xogo aterse. Unha espionaxe masiva converte en sospeitosa e vulnerábel toda a poboación, e moi especialmente a aquela que mantén unha postura antisistémica. 

Resulta evidente que o Goberno español quere agochar o tema, evitar o seu debate público, poder controlar o pobo na sombra, dando vantaxe ás clases dominantes e ao españolismo imperial. Unha postura en sintonía coas potencias que desexan pasar páxina axiña, porque ningunha quere socializar a xestión duns avances técnicos que lles permiten controlar os países máis débiles, en beneficio das grandes empresas e fortunas. A espionaxe é un medio máis do proceso de globalización neoliberal, ou sexa: da aceleración da concentración e centralización da riqueza e do poder. O que fixeron Assange e Snowden foi deixar en evidencia o cinismo entre as potencias aliadas, xa que mentres esmagan xuntos os países que non aceptan a súa hexemonía, seguen disputándose por todos medios o poder con unllas e dentes, para alén dos sorrisos e as boas formas. Puro cinismo na lei da selva do capital. 

http://manuelmera.blogaliza.org/