Opinión

Ensinanzas da confrontación entre monarquía e república

O debate e as mobilizacións orixinadas pola polémica sobre a disxuntiva entre monarquía e república, permiten aproximar con maior exactitude unha valoración sobre o estado de ánimo da xente con respecto ás institucións e aos partidos políticos. 

O debate e as mobilizacións orixinadas pola polémica sobre a disxuntiva entre monarquía e república, permiten aproximar con maior exactitude unha valoración sobre o estado de ánimo da xente con respecto ás institucións e aos partidos políticos. A confrontación iniciouse ao abeiro do proceso de sucesión, despois da abdicación do Rei Juan Carlos. Cando se anunciou a sucesión a noticia ateigou os medios, e axiña o debate chegou aos bares. Nos primeiros días a esixencia dun referendo para decidir entre monarquía ou república mobilizou moita xente. Porén, logo as manifestacións foron minguando, reducíndose á militancia política máis activa. 

"A evolución regresiva do debate e da mobilización non estivo condicionada porque a poboación albiscase no novo Rei unha alternativa"

Resulta evidente que a evolución regresiva do debate e da mobilización non estivo condicionada porque a poboación albiscase no novo Rei unha alternativa, xa que a súa coroación non causou entusiasmo, nen os actos planificados acadaron respaldo. Entón, cales son as razóns para unha resposta social tan cativa contra a continuidade da monarquía, malia que unha gran parte da poboación é contraria a esta forma de goberno, e xa non cola a xustificación da utilidade da monarquía para calmar o exército, como durante a “transición”? 

Entre as razóns para a debilidade desta resposta están, a precipitación do cambio e o momento no que se fixo (período previo ás vacacións, mundial de fútbol), así como que a mensaxe da oposición foi simplista: ou monarquía ou república. A poboación ten unha morea de exemplos no mundo de repúblicas onde a desigualdade e a violencia son parte da vida cotiá. Tampouco  serve o argumento de recuperar a Segunda República, porque a realidade e moi distinta, como sabe calquera. Era necesario dotar de contido a proposta republicana, tanto no aspecto do conflito territorial (autodeterminación), como na ampliación dos dereitos democráticos e, fundamentalmente, na seguridade de que se ía garantir unha distribución xusta do traballo e da riqueza. A proposta republicana deixaba todos estes aspectos pendentes, e ademais resultaba evidente que a alianza PP-PSOE blindaba a sucesión sen maiores atrancos.

"A poboación albiscou axiña que faltaba unha proposta rupturista,, unha folla de ruta, e forzas suficientes para levala adiante".

Non hai dúbidas de que a poboación albiscou axiña que faltaba unha proposta rupturista,, unha folla de ruta, e forzas suficientes para levala adiante. A resposta era máis unha demostración de cabreo diante dun sistema corrupto e ao servizo dos poderosos, que parte dun proxecto de ruptura democrática. E ademais, EU buscou nestas mobilizacións gañar visibilidade e protagonismo fronte a outras alternativas da esquerda, e presentarse como a forza dinamizadora da rúa. Algo pouco críbel xa que hai décadas que non cumpre este papel, polo que eivou a unidade con outras forzas que durante este tempo estiveron na vangarda da loita social e política contra o sistema, coma o BNG na Galiza, e forzas que agromaban como Podemos. 

Cómpre recoñecer autocriticamente que o nacionalismo galego, aínda que intentou dotar de contido a proposta republicana, poñendo en primeiro plano o dereito de autodeterminación e a República Galega, e facendo un importante esforzo mobilizador, fíxoo sen o relacionar en todo momento coa mesma intensidade á democracia popular e á xustiza social. Ignorando deste xeito na práctica, a teorización congresual encol de que na Galiza a loita de clases é interdependente no ámbito social e nacional. Reduciuse así o apoio ás súas convocatorias aos sectores máis activos e politizados (especialmente cando a converxencia con forzas vangardista non axudou na procura da complicidade social, mesmo de militantes e simpatizantes, que non comprenden estas alianzas que engaden novos atrancos para as relacións coa maioría social).

"O acontecido reflectiu que unha gran parte da poboación que apoia á esquerda está á expectativa".

Agora ben, ademais dos erros nos métodos de traballo e na carencia dunha proposta concreta para o momento que permitisen construír no imaxinario colectivo a necesidade de se mobilizar masivamente, o acontecido reflectiu que unha gran parte da poboación que apoia á esquerda está á expectativa. E esta actitude é aplicábel non só aos que se abstiveron nas últimas eleccións, senón tamén a aqueles que votaron por alternativas políticas que se presentaban como superadoras das eivas dos “partidos tradicionais”.  É verdade que hai forzas en ascenso e outras en retroceso, porén esa actitude polo de agora non se consolida nun apoio activo, polo que se pode considerar como unha proba. Semella que unha boa parte da sociedade está  vendo dende as butacas o que sucede no escenario, ollando os comportamentos, debullando as propostas, peneirando a palla do grao. Como resposta lóxica a tanta corrupción, cobiza, incoherencia, e intoxicación mediática. Este é o estado de ánimo da xente, ou cando menos dunha gran parte dela, e moi especialmente da que vota na esquerda, esa que tradicionalmente votou ao nacionalismo galego ou que podía facelo sen maiores problemas. 

"As forzas antisistémicas terán que gañar a complicidade do pobo demostrando na praxe acotío que son coherentes, que teñen un proxecto transformador"

Esta complexa situación social e política non se resolve polo cumio, por exemplo con alianzas oportunistas entre partidos, unindo debilidades, porque a suma non implica necesariamente máis apoio social. Neste contexto aportaría maior confusión, a menos que se optase pola submisión a un líder. Ademais, crecementos tan espectaculares como os de AGE e Podemos, non serven como exemplo, xa que teñen unha relación moi directa con figuras mediáticas, coa dependencia que isto conleva de cualidades persoais e permisividade ou apoio dos medios hexemónicos. Esta non semella ser unha vía practicábel para os proxectos alternativos: as forzas antisistémicas terán que gañar a complicidade do pobo demostrando na praxe acotío que son coherentes, que teñen un proxecto transformador, unha folla de ruta e métodos de traballo correctos, nos que o protagonismo está nos de abaixo (sen demagoxias e paternalismos). E para iso cómpre rexeitar o vangardismo e o practicismo oportunista, en todas as súas formas. 

Dicía nun artigo anterior valorando as eleccións europeas que todo estaba máis aberto que nunca. Os últimos acontecementos así o amosan máis unha vez. Para gañar o apoio social non existen atallos, e menos se están centrados no eido institucional; o acontecido na última década foi unha dura ensinanza para o nacionalismo neste aspecto. Tampouco hai consignas redentoras, como reflicte a falta de apoio popular dalgúns grupos que fan das proclamas a súa vida política. A solución sempre está, ademais de contar cunha praxe que resolva ás contradicións existentes, en ter unha relación equilibrada entre a mobilización e o ámbito institucional, o concreto e o estratéxico, o social e o nacional, o individual e o colectivo, e en valorar axeitadamente en cada intre o estado de ánimo das clases populares, as súas eivas e arelas.

http://manuelmera.blogaliza.org/