Opinión

O enfrontamento entre potencias e un mundo multipolar

Que Putin aproveitase o seu discurso anual diante do Parlamento e o Governo para manifestar que non permitirá que sigan as agresións verbais, sancións e presións militares contra Rusia, reflicte o fracaso dos intentos para obrigalo a modificar as súas políticas e a alianza con China. Tanto o lugar como a firmeza das súas palabras amosan que a presión de Estados Unidos e aliados non dá máis de si, e que entran nun terreo perigoso, nunha vía sen retorno. Un se pregunta que sacan de proveito os povos europeos arroupando estas actitudes das películas do far-west, e que deixan en evidencia o protectorado de Washington e o nexo entre as clases dominantes de ambas bandas do Atlántico. 

A utilización do enfrontamento, por parte das nacións que forman parte do centro histórico de poder comandadas de Estados Unidos, contra as potencias emerxentes e os países que non queren seguir os seus ditados, pretende gañar pola forza o que están a perder no ámbito da competencia económica e dos avances tecnolóxicos. Daquela que se empreguen as sancións, as intervencións militares, a demonización do competidor visto como inimigo. Ou sexa, o emprego perverso de todas aquelas actividades nas que aínda manteñen a hexemonía, como a información, as redes e o espectáculo de masas, o sistema financeiro,... 

Hai quen afirma dende a esquerda que estes dous bloques antagónicos pretenden o mesmo e que polo tanto non hai diferenza entre eles. É verdade que hoxe todas as potencias, tamén aquelas que pretenden ter un papel independente, fomentan ou como mínimo aceptan as regras do capitalismo, que son consubstanciais coa explotación e opresión. Tamén que ningunha delas é un modelo para quen loite a prol da liberación social e nacional. Respecto da xustiza social e da democracia poden ser referentes outros países, mais que teñen unha capacidade de incidencia menor na conformación do contexto internacional e do imaxinario colectivo. Máxime, tendo en consideración o estado da globalización neoliberal a esta altura, e a súa incidencia respecto do aumento da desigualdade entre nacións e entre clases sociais, e o que iso implica en relación coa correlación de forzas.

Porén, neste contexto, e dado a urxencia de acelerar cambios, tanto no ámbito da xustiza social, como de respecto ao dereito internacional e á soberanía das nacións, e da recuperación do equilibrio coa natureza, non é igual un escenario baixo os ditados dos Estados Unidos, que reparte a parte menor dos beneficios cos seus socios (UE e compañía) e oprime e explota ao resto, que un mundo multipolar onde exista un maior equilibrio entre potencias. Esta segunda opción amplía o trato entre iguais e abre ás portas a que as pequenas nacións teñan un maior protagonismo. Ou sexa, contan á hora de conseguir as maiorías, e daquela que sexan rexeitadas e freadas as intervencións armadas, golpes de estado e sancións ás que tan acostumado está os Estados Unidos (tamén a Unión Europea). Este cambio hai que velo como un proceso.

Un mundo multipolar, mesmo que en principio dependa dos ditados de poucas potencias, neste intre estará moi condicionado polos efectos da pandemia, como constatación dos limites da natureza, da excesiva mobilidade, do amoreamento urbano, do problema demográfico, etc. o que favorece o desenvolvemento de economías autocentradas, sustentábeis, diversificadas (malia todos os intentos do imperialismo por evitalo). E isto implica un reaxuste da mundializacion, e do papel no futuro das potencias e corporacións. Hai polo tanto razóns abondo para se opoñer aos planos de dominación imperialista de Estados Unidos coa complicidade da UE, especialmente para as clases populares da nación galega, que nos derradeiros trinta anos pagaron a globalización neoliberal (malia os avances científico técnicos) cun medre da desigualdade, da precariedade, da emigración, a da perda de peso no Estado español.  Neste aspecto, que fai parte dunha folla de ruta a prol do cambio, é onde están as diferenzas, que non son secundarias nesta conxuntura histórica. A loita a prol da paz, contra o intervencionismo e sancións, por regras de xogo de iguais , é necesaria, fundamental.

https://obloguedemera.wordpress.com/