Opinión

A enerxía, bloques e terceira vía

Como consecuencias das sancións a Rusia por parte do G-7 sobre distintos produtos, servizos e persoas, entre elas a importación de enerxía (gas, petróleo, carbón), e dado que a súa substitución como país produtor non era algo doado, encareceuse o prezo da enerxía, dando folgos á inflación. Todo isto nun contexto no que o comercio internacional aínda non estaba totalmente recuperado dos atrancos provocados pola pandemia do covid-19. Por se non abondase, este ano a seca afectou a produción da enerxía alternativa (que aínda non se pode almacenar abondo). Sen dúbida das máis afectadas por estas sancións e eivas, para alén de Rusia, é a propia UE, xa que a substitución levará tempo, implica grandes investimentos, e manterá alto o custe da enerxía, aínda que non sexa aos valores astronómicos actuais. E isto incidirá nunha perda de competitividade da industria da Unión Europea. Tamén nunha queda das exportacións? En fin, os dados destes meses e as expectativas non son moi positivas neste eido; por vez primeira en décadas Alemaña tivo un saldo exterior negativo.

En calquera caso son varios os escenarios futuros posíbeis que, pola súa importancia estratéxica, e como afectan a toda á humanidade, deberíanse ter debatido polo miúdo previamente, antes de decidir as sancións, nos parlamentos dos países que integran a UE (e coa sociedade) xa que afectan ao emprego, os salarios,... ou sexa, as condicións de vida da povoación. Optouse por seguir os ditados de Washington, apostando pola confrontación, cunha actitude de soberbia considerando que as medidas militares, políticas, económicas e a presión dos medios sistémicos mundiais controlados, dando a versión oficial de “occidente”, obrigarían á Federación Rusa a dar pasos atrás. A esta altura resulta evidente que foi unha análise errada, de quen vive no pasado. Mais recuar por parte da UE implicaría deixar en evidencia os erros e as debilidades, polo que se prima, iso si sen meterse na poza da confrontación armada directa, a postura de seguir o exemplo de Washington para deixar patente en todo o mundo que “occidente” representa a palabra verdadeira e a “forza da democracia”. Polo tanto que os sacrificios que se lle piden á povoación son necesarios para construír “un mundo mellor, ameazado por Moscova”.

Entre esas iniciativas, das que participa o Estado español, sen expresar ningunha dúbida, están o envío de armas a Ucraína, ou sexa participar do conflito sen arriscar o pelexo, adicar mil millóns extras a defensa, aumentar o recibo da luz, pagar un maior prezo polo gas, e considerar un  sacrificio necesario que a povoación perda poder adquisitivo. Todo isto nun contexto no que os fondos Next Generation non dan chegado, ou non se informa onde van parar, e valorando como un gran triunfo que o solucionaría todo, ou gran parte do problema, que se constrúa un gasoduto de Barcelona por Francia para conectar con Alemaña e outros países de centro-norte Europa, o que seica nos convertería en parte da locomotora da UE. Todo moi sinxelo, esquemático, desligado do estratéxico, que seguramente se ten valorado, entón: por que non se explica á sociedade e debate nos parlamentos? Que se teme?

Na proposta do Governo central sobre o gasoduto obviase que se tardaría un ano ou máis en construírse, que o Estado español non é produtor de gas, e que non están asegurados os fornecedores deste recurso (Alxeria? Nixeria? Estados Unidos? Catar?... En que proporcións? Que cantidades? A que prezos?...). Non se debería comezar por clarificar este tema, que é esencial? Non se estará dando folgos a falsas ilusións, como foi a propia construción no seu día de tantas regasificadoras que só se aproveitan en menos do 40% e algunha está totalmente parada? E, con estas incertezas, apostalo todo a substituír a Rusia como fornecedor de enerxía, metais, madeira, cereais, fertilizantes, etc. non se vai camiño de hipotecar o papel da UE no concerto internacional?  Por se non abondase ter como única meta a derrota de Moscova, ou a máis realista, a dun alto ao fogo sen acordo de paz, alongaría a inestabilidade tanto a Rusia como á UE e aliados (vexase a situación en Corea, e este conflito estaría máis vivo). O que afectaría a política mais tamén á economía, algo que non soluciona a enerxía que poda chegar do Próximo Oriente ou África.

Neste intre moitos países viven situacións internas moi complexas tanto pola guerra como polos efectos da pandemia, e sobre todo da globalización neoliberal, e por último, como erro maiúsculo polas sancións. Por se non abondase fíxose unha escenificación continuada das medidas que deixaron en evidencia, tanto as consecuencias, como que se poden aplicar a calquera país que non forme parte do clube “occidental”, que non acepte súas recomendacións e imposicións, mesmo que sexa por defender a súa soberanía e os intereses do seu povo. Ademais, o caso de Rusia non é o primeiro, nen único neste intre.

Polo tanto, tendo en conta os antecedentes e as medidas tomadas por “occidente”, dado a potencia económica e militar do eixo China-Rusia (Iran, Venezuela, Cuba...) todo indica como escenario moi posíbel para o futuro aquel que, para alén de escoller un dos dous bloques confrontados, moitos países terminen apostando por unha liña de acción que dependerá de cada tema e cada momento, como xa aconteceu co Movemento de Non Aliñados nos períodos previos á queda da Unión Soviética. Un exemplo moi evidente desta terceira vía, que semella cada vez máis forte, está no feito de que o pasado mes só 54 países asinaron unha declaración contra Rusia a instancias do representante ucraíno dos 193 estados membros da ONU, cando en marzo unha resolución deste organismo internacional contra a invasión rusa da Ucraína foi apoiada por 144 países, Esta evolución chama a reflexionar, ademais de ser positiva porque realza o valor do conxunto, axuda na procura de solucións negociadas, e dá protagonismo a todos os países, tamén aqueles máis pequenos.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios