Opinión

Encol do “cheque venezolano” e do ataque a Siria

Quero nesta oportunidade tratar dous temas de actualidade. E non quero deixar ningún deles para a vindeira semana, porque coido que é importante analizalos en quente.

O cheque venezolano

Un dos maiores atrancos para a Galiza é o emprego, escaso e mal pagado. E como consecuencia, a crise demográfica. Este é un problema evidente, mesmo para a persoa menos observadora. Batemos con el na nosa vida cotiá, xa que esta é a situación da maioría da clase traballadora. Mais semella non ser así para o presidente da Xunta de Galiza, o seu governo e o seu partido. Eles non ven o déficit na banda da oferta, senón do lado da demanda. Por iso, Núñez Feixóo acaba de tomar a decisión de incentivar o aumento de man de obra de reserva mediante un plan de tres anos “para recuperar 20.000 galegos/as que viven no estranxeiro”. Esta é unha medida que encherá de ledicia os empresarios/as que verán como medra aínda máis a competencia polo emprego e poderán así seguir forzando os salarios á baixa. 

Son dos que penso que debemos recuperar os galegos e galegas que emigraron, encetando pola xente moza e aqueles que o fixeron hai pouco. Non falo só de teoría. Os meus pais, os meus avós, e eu mesmo fomos emigrantes; só eu retornei. Mais o primeiro paso ten que ser reducir a taxa de desemprego existente no país a un mínimo que se poida considerar estrutural. Hoxe, oficialmente, a porcentaxe de paro na Galiza é do 15%. En Portugal é pouco máis da metade, o 8,7%. Ademais a taxa de cobertura económica das persoas en desemprego só atinxe o 55%. 

Son dos que penso que debemos recuperar os galegos e galegas que emigraron

 

Como o Núñez Feixóo dá a cifra de 516.489 galegos e galegos residindo no exterior, queda claro que considera como tales, tanto os nacidos na Galiza como os descendentes que teñen nacionalidade española. Evidentemente, non inclúe nestes dados os que viven noutras autonomías e nacionalidades do Estado, nen os millóns que non accederon á cidadanía. Para el, na praxe iso non é emigración. Mais, a primeira aclaración que cómpre facer é que estes descendentes, mesmo tendo a nacionalidade, non son nen se consideran galegos/as, senón arxentinos, venezolanos, cubanos, etc. Outra cuestión é que teñan dereito a acceder doadamente á nacionalidade e igualdade de dereitos se algún día deciden, pola razón que sexa, inmigrar á terra dos seus antergos. 

Agora ben, para alén do debate da identidade nacional e da nacionalidade (que non sempre son a mesma cousa), neste caso concreto e dado o momento en que o presidente da Xunta de Galiza propón esta iniciativa, semella feita para consolidar e dar pulo á forte corrente inmigratoria de venezolanos/as (seica un 85% dos que entraron nos últimos meses), cos que parece que Feixóo quere “rexuvenecer Galiza”. Todo reflicte que prima o aspecto ideolóxico e económico, sobre o solidario. Xa que a cuestión é, como xa dixen, que para realizar unha política que recupere os emigrantes (reais e non virtuais) previamente é esencial crear o emprego necesario, non vender fume, e sobre todo non agravar a situación laboral.

Esta iniciativa semella feita para consolidar e dar pulo á forte corrente inmigratoria de venezolanos/as

 

Axer sobre a oferta de emprego debe ser un paso previo a forzar a demanda. De non ser así, aumentarán o paro e as tensións sociais. E unha das consecuencias disto pode ser, como xa sucede, que a disputa polo emprego se resolva forzando aínda máis a emigración dos/as hoxe residentes na Galiza. Medidas deste tipo non deberían ser impulsadas polas institucións galegas neste contexto socio-económico. Tampouco é admisíbel que os inmigrantes teñan un trato mellor ou peor que aquel que reciben as persoas que viven no país (nacesen ou non nel), máxime cando 700.000 persoas están en risco de pobreza.

Fracaso dos ataques a Siria

Os ataques contra Siria de Estados Unidos, Reino Unido e Francia, son unha ameaza contra aquelas potencias e nacións que non se queren dobregar aos ditados do imperialismo hexemónico e os seus aliados. Porén tamén son unha advertencia para aqueles estados cómplices ou que se ven obrigados a aceptar un papel subalterno. A escusa para o bombardeo non resiste a máis mínima análise, por varias razóns: a) non hai motivos para que Siria, cando está gañando a guerra, realice un ataque químico a unha cidade na que tiña asegurada a rendición dos grupos terroristas islámicos; b) o seu arsenal químico foi destruído hai anos baixo supervisión das Nacións Unidas; c) as potencias atacantes non agardaron polas investigacións, que tiña que iniciar ao día seguinte do ataque a OPAQ (o organismo das Nacións Unidas para o tema). 

Todo reflicte que a decisión pouco ten que ver coa presunta utilización de armas químicas, e que obedece a criterios estratéxicos que procuran outros obxectivos. A saber: a) consolidar a división de Siria e ao mesmo tempo deixar en evidencia que son unha forza coa que hai que contar no próximo Oriente; b) demostrar a Rusia, e tamén a China, que para alén de controlar os grandes medios de comunicación, teñen a capacidade militar en armamento convencional para atacar alí onde e cando o desexen. 

Este ataque hai que entendelo como parte do plano de Trump, co apoio evidente de importantes sectores do capital, e non só do norteamericano, diante da imposibilidade de vencer a China e outras potencias emerxentes no ámbito do económico. Xa non lles valen as regras da globalización neoliberal existentes, que eles impuxeron. E son conscientes de que non chega con sancións, intervencións e a ameaza militar, para mudar de tal xeito esas normas, que lles permita asegurar no futuro a hexemonía dos Estados Unidos e aliados. Non me vou estender máis neste tema, porén todo amosa que a estratexia sería, se non conseguen dobregar China e Rusia, forzar un mundo dividido en bloques, nos que estas potencias emerxentes perderían parte do seu comercio actual, e terían que dedicar á investigación no eido militar e ao armamento boa parte dos recursos. Ou sexa, quérese repetir a experiencia de abafamento da Unión Soviética. Claro, que os tempos non son os mesmos. Rusia e China xa non están enfrontadas, e o capitalismo é un sistema cada vez máis desigual, que pretende subsistir rebaixando dereitos, fragmentando as clases e confrontando as diversidades. 

Todo amosa que a estratexia sería, se non conseguen dobregar China e Rusia, forzar un mundo dividido en bloques

 

Neste contexto, os bombardeos a Siria que Trump presenta como un éxito, deixaron en evidencia, pola contra, que o imperio xa non é o que era. Tratábase, sen dúbida, dunha acción que tiña como finalidade demostrar que manteñen a hexemonía. Claro que sen traspasar a barreira dun ataque directo a Rusia, que é unha gran potencia nuclear. Entre un dos seus obxectivos estaban, ademais da destrución de locais nos que presuntamente se almacenaba material químico, varios aeroportos militares. Semella que Rusia coñecía ou tiña evidencias dos lugares que ían ser atacados e que mantiña informado ao governo sirio. Daquela que só houbese 6 persoas feridas. Indo ao grao do tema. Dos 103 mísiles lanzados, nada menos que 71 foron interceptados polo exército sirio, malia que non conta con armamento de última xeración. Foi así grazas ao asesoramento militar ruso, tanto técnico como para un control exacto do mísiles lanzados. Non se inutilizou ningún dos cinco aeroportos atacados. Os edificios destruídos, agás un próximo a Damasco, un laboratorio farmacéutico, non parece que tivesen importancia, aínda que se afirmaba que estaban ateigados de substancias tóxicas. Se fose así, a súa destrución tería causado unha desfeita na contorna, ao liberar estes gases. 

Dende o punto de vista militar o ataque con 103 mísiles foi un fracaso, cun custo económico e político moi grande, tanto para os Estados Unidos, Reino Unido e Francia, como para aqueles governos que tiveron que escenificar publicamente súas servidumes. Por outra banda, as debilidades deste bombardeo serven de experiencia para Rusia, e dánlle azos ao exército sirio. Que sucedería se Rusia fornecese a Siria, e outros estados aliados, de armamento de protección máis avanzado? Por exemplo, os S-300 ou os máis sofisticados S-400 (que seica vai vender a Turquía e xa ten Irán), ou os S-500 que están nas probas finais. Estados Unidos, Francia e Reino Unido teñen un problema por diante, xa que mostraron as limitacións do seu armamento convencional máis “moderno e intelixente”. Aínda que non empregasen o material máis avanzado, a eficacia queda en entredito, e repetir a experiencia sería moito máis perigoso. A ameaza de Trump volveuse na práctica na súa contra, con todo o que isto implica no ámbito económico. Xa que toda a política de sancións, agresións e imposicións, a respecto das normas económicas e do dólar, están sustentados neste poder militar. 

Dende o punto de vista militar o ataque con 103 mísiles foi un fracaso, cun custo económico e político moi grande

 

Mudará algo o sucedido a curto prazo? Coido que se manterá a tendencia actual. Aínda que meditaran máis as accións agresivas, e medraran as fendas no bloque hexemónico e entre este e os estados subalternos. Asemade alentará (aínda máis) o gasto militar, o retroceso nos dereitos democráticos, e un aumento dos mecanismos imperialistas. Porén, estes erros de apreciación da realidade tamén amosan as debilidades e torpezas do capital, e o difícil que é impedir un mundo multipolar a esta altura. Esta falta de respostas integradoras e respectuosas dos ecosistemas e da pluralidade, que non ofrecen unha vida digna para ás clases populares, van fortalecer a loita dos povos pola paz, pola xustiza social, e para garantir a soberanía nacional e popular. 

https://obloguedemera.wordpress.com/